Diálogos confinados (I): Máis rural para unha arqueoloxía máis diversa

Francisco Alonso Toucido e María José Bóveda conversan sobre como a arqueoloxía de xestión afronta a crise

Francisco Alonso Toucido e María José Bóveda conversan sobre como a arqueoloxía de xestión afronta a crise
María José Bóveda, Francisco Alonso Toucido e Manuel Gago.
O primeiro dos Diálogos Confinados publicados polo Consello da Cultura Galega introdúcese na problemática dun sector profesional no que o contacto con comunidades locais e co público é fundamental: a arqueoloxía de xestión. Manuel Gago conduce este diálogo con dous arqueólogos e empresarios: Francisco Alonso Toucido, de Tempos Arqueólogos e María José Bóveda, de Gabinete de Arqueoloxía, para saber como vive o sector este estado de alarma e coñecer a súa visión sobre o futuro. Os dous arqueólogos coincidiron en que reinventar o contacto coa sociedade e diversificar as actividades das empresas arqueolóxicas cara proxectos máis pequenos e máis repartidos polo territorio galego son dous dos obxectivos para afrontar a crise actual provocada pola pandemia.




Que fai un arqueólogo durante un confinamento de tantas semanas?

María José Bóveda: A nós veunos bastante ben. Tiñamos moitísimo traballo atrasado e bastantes memorias por escribir, porque aproveitaramos os días de bo tempo para facer moito traballo de campo antes do confinamento. A verdade é que nin me dei conta, traballando a diario en gabinete.

Francisco Alonso Toucido: A sensación é a mesma. Aproveitamos para redactar moitas memorias e traballar cos materiais arqueolóxicos das escavacións. Xa temos moitas caixas de material listas para entregar os museos en canto estes abran. E ademais, aproveitando para facer unha parte fundamental do noso traballo, que é a divulgación e dar a coñecer o traballo científico. Aproveitamos para escribir artigos e preparar a publicación dos resultados de investigación.

M.G. Moitas veces a xente asocia máis a vosa profesión ao traballo de campo.

MJB: A verdade é que o traballo de campo debe ser apenas unha pequena parte do que facemos. Tanto o traballo previo a este como o procesado dos resultados e a divulgación posterior leva moitísimo tempo.

Como vedes este conxunto de medidas que pouco a pouco o goberno vai avanzando entorno da prevención dos contaxios. Como credes que isto vai afectar á vosa profesión?

FAT: Eu volvín esta semana ao traballo de campo, e é moi complicado. Nós imos con máscaras e con todas as medidas de prevención dispoñibles, pero un traballa concentrado no que está facendo e é difícil manterse a distancia. En obras con moito persoal é moi difícil coordinarse. Tamén nos vai afectar na relación coa sociedade, porque a arqueoloxía non se entende sen ela. Todos os traballos dirixidos a esta, como as visitas de campo, as charlas ou aquela comunicación que non sexa por vías electrónicas, están bloqueados. Isto condiciónanos moito para futuras saídas de campo e non sabemos se a xente se vai animar, aínda que sexa en pequenos grupos, a acudir no futuro inmediato ás intervencións arqueolóxicas.

MJB: Nós tamén comezamos a traballar facendo prospección nunha zona rural. Non o notas tanto porque case non entrabas nos núcleos habitados, pero hai unha serie de problemas. O fundamental é que non tes contacto cos veciños para facer enquisas nas que te conten os elementos arqueolóxicos ou etnográficos que eles coñecen e poden non estar aínda catalogados. Nós xa rematamos o traballo de campo e non imos poder contar con esas opinións e, polo tanto, esa prospección vai ser parcial. Tamén outra cousa que parece menor pero non o é: cando vas a campo a outra persoa ten que ir na traseira do coche, e é realmente incómodo porque vas consultando documentación e planos e iso provoca que todo o traballo se ralentice. Coincido con Fran en que a difusión vai ser moi difícil.

Ademais, nos últimos anos, houbo por parte dos clientes institucionais un interese moi grande en conseguir en incrementar a difusión social das intervencións arqueolóxicas.

FAT: Xa traballamos moito en liña, pero as visitas de campo son imprescindibles. Ir a un xacemento cun arqueólogo e que este cho explique é unha gran vantaxe. Isto vai obrigar a reprantexarnos moitas cousas, pero poden aparece elementos interesantes. Se cadra poidamos ir cunha cámara polo propio xacemento e permitindo que todo iso quede documentado e se poida consultar despois. Perderemos unhas cousas pero gañaremos outras.

MJB: Hai que ter en conta que unha parte importante da xente non ten un acceso doado á informática. Poden ter móbiles pero cústalle utilizalos, non consultan os foros de arqueoloxía nas redes sociais, pero sen embargo ese público si se achega fisicamente ás actividades de difusión. Vai ser moi díficl ese contacto.

A arqueoloxía, coma outros ámbitos da cultura, viviu unha crise económica moi forte ao redor do 2008. A partir da vosa experiencia neses momentos, que pensades que pode suceder nesta nova crise. En que se parece e en que vai ser distinta á anterior?

MJB: Os factores son diferentes pero o común é que todo o que se considere prescindible vai quedar moi tocado, e ese é o caso da arqueoloxía e da cultura. Vanse prescindir de traballos arqueolóxicos en determinados ámbitos. Pero ao mesmo tempo, na actualidade e a diferencia da crise anterior, o sector eólico leva un ano repuntando en Galicia. Non parece que esta crise vaia afectar á industria enerxética. Pero pode que vexamos unha situación que xa vivimos na anterior crise: a baixada de traballo provocou unha fragmentación brutal das empresas de arqueoloxía, que en Galicia xa son de seu moi pequenas, e unha entrada masiva de novos autónomos. Isto vai levar a unha enorme competencia de prezos e a conseguinte diminución da calidade.

Que significa diminuír a calidade en arqueoloxía?

MJB: O número de días que podes dedicar a un proxecto, por exemplo. Non é o mesmo pasar vinte días en campo prospectando a zona de construción dunha obra de trinta quilómetros de lonxitude que dedicarlle tres, porque cando esa obra se execute vai afectar a patrimonio que non puido ser detectado se lle dedicaches pouco tempo. Pero tamén nos traballos posteriores a unha excavación. As intervencións arqueolóxicas sempre pasan por destruír o xacemento e extraer información. Se nós intervimos rápido e mal estamos facendo unha destrución controlada e non unha escavación arqueolóxica. Iso estivo pasando e pode volver pasar.

FAT: Nas dúas crises partimos de situacións de partida bastante malas, porque as empresas do sector estamos moi pouco capitalizadas. Parece que hai certo medo no sector cultural a falarmos de beneficio, como se ter beneficios só valeran para que os empresarios os meteran no seu propio peto, e non. Se unha empresa ten beneficios, ten un remanente, oficial, vehículo e nunha situación de crise pode saír para adiante. En parte é culpa nosa, porque ás veces nos proxectos nós mesmos baixamos as marxes.

En que medida terá a arqueoloxía que afrontar novos ámbitos de diversificación?

MJB: Os arqueólogos temos un pequeno problema: normalmente a nosa profesión é tamén a nosa paixón, e tendemos a facer moito traballo por fóra do estritamente contratado. Ata agora había determinadas actividades de difusión que organizabas de maneira altruísta, e que agora deberemos pensar en cobrar para diversificarnos. E coincido con Francisco na importancia de que o turismo vaia cara a ruralización. Nunha soa parroquia pode haber unha gran cantidade de xacementos que a convertan nunha xoíña. A cuestión é que como a maior parte das nosas actividades xiran ao redor da cultura acabaremos tendo que falar coas administracións culturais, con institucións coma os museos, e estas tamén se van ver tocadas nos seus orzamentos.

FAT: Eu tento sempre ser optimista. Isto é un aviso que nos fai reprantexar o turismo de masas e os seus grandes proxectos, con grandes investimentos en xacementos únicos nos que levar a todo o público. Creo que hai que apostar a un turismo máis rural a pequenos concellos, que reparta o fluxo de visitantes. Estes pequenos proxectos tamén poden axudar a diversificar a actividade das empresas de arqueoloxíca. Debemos poder amosar a historia ao público non só a través dos grandes fitos senón do próximo.