Novas propostas audiovisuais para o illamento

Filmes en aberto, certames e un documental colaborativo animan estes días na casa

1/4/2020 | Santiago. Xermán Hermida | Seccións: audiovisualculturanacasa
82 lecturas | Compartido 0 veces

Continúan a se suceder as propostas desde o ámbito audiovisual para levar o tempo de illamento provocado polo Coronavirus. Entre as novas propostas, desde a Mostra de Curtas de Noia convocan o certame Quarantine Film Section, "para impulsar e recoñecer o quefacer artístico nestos días de corentena que estamos a vivir e dar visibilidade a todas esas creacións artísticas que están a xurdir". Filmes de ata cinco minutos e desenvolvidos ata unha semana despois do final do período confinamento poden competir polos galardóns de curtametraxes, ficción e animación, comedia ou mellor curta romántica. As propostas participantes pódense ver na páxina da Mostra de Curtas de Noia.

Pola súa banda, Gancho Producións convida a participar en Xanela, "un proxecto audiovisual colaborativo que pretende facer un retrato colectivo da sociedade durante o estado de alarma provocado polo Covid-19". Segudo explica a produtora "queremos crear un espazo que explore a vivencia cotiá durante o confinamiento no fogar, e tamén a situación vivida no ámbito profesional. Por esta razón queremos que ti sexas o/a protagonista. Envíanos vídeos, fotos, mensaxes de Whatsapp, audios, videochamadas, calquera detalle que che permita estar conectado/a na túa contorna e na distancia. Queremos coñecer que se agocha trala túa xanela. Precisamos documentar a túa historia: a nosa historia". Ademais, dúas producións galegas se incorporan a plataformas de streaming. Por unha banda, Auga Seca coprodución de Portocabo e a compañías portuguesa SP-i será a partir de hoxe a primeira seria na nosa lingua dispoñible en HBO España e Portugal. Pola outra, Eroski Paraíso entra a facer parte do catálogo de Filmin. Canda a estas propostas continúan a aparecer na rede en aberto diferentes filmes realizados no país. Un deles é o documental Entrar aos Vilares, producido por Lareira de soños e dirixido por Cibrán Tenreiro. O filme ábrese estes días nas redes "para colaborar na corentena do coronavirus e facer máis levadeiro o encerro". A produción, que retrata a parroquia natal do poeta Díaz Castro, foi finalista na 12 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e conseguiu 1.000 visualizacións nos seus dous primeiros días en aberto. Idiota é o título da curta que Fran Estévez e Hipotálamo Films lanzaban en Youtube estes días a recomendar nas redes sociais que "non leas as novas. Non compartes vídeos que inciten o odio. Esquécet do mundo na medida do posible simplemente agarda a que pase o chaparrón. (...) Durante estea corentena se intelixente, se idiota". A historia da guerrilla antifranquista está tamén en aberto no documental Camilo, o último guerrilleiro de Galicia. O traballo co que catro estudantes de comunicación da Universidade da Coruña quixeron homenaxear este histórico loitador antifranquista está dispoñible en Youtube como homenaxe ao seu protagonista, recentemente falecido. O colectivo Unha gran Burla Negra liberou tamén a súa curtametraxe documental sobre a reacción social á catástrofe do Prestige. O filme é un proxecto en desenvolvemento que pretende dar unha longametraxe sobre esta cuestión a recoller imaxes da época e reflexións sobre aquel movemento social. Cesteando é o título do documental co que Plácido Romero retrata a figura do cesteiro tradicional José Antonio González Fernández. Segundo explica a presentación do filme "ademais dunha reflexión diferente sobre o mundo rural, o título pretende ser unha metáfora que combina as técnicas relacionadas coa elaboración de cestos cos elementos que van configurando a personalidade de Toño o Cesteiro, o protagonista". Pinancho Servizos Audiovisuais publicou tamén na rede o documental Asolagados un retrato das aldeas anegadas polo encoro de Belesar e da xente que viu desprazada por esta obra. O filme estará en aberto ao longo da primeira semana de abril na plataforma Vimeo.

ASOLAGADOS sub Castellano from pinancho audiovisuais on Vimeo.

O repaso pola poesía galega actual que achega o documental Vértice de Versos tamén se oferta en aberto durante o período de confinamento. Carlos Lorenzo, responsable do proxecto, sinala nas redes sociais do filme que "cremos que é a nosa obriga cidadá, xa que para facer posible esta película recibimos axuda con diñeiro público (o voso diñeiro), e debemos corresponder coa sociedade facendo esta humilde achega nestes momentos complexos que estamos a vivir". ??????

Vértice de Versos from Carlos Lorenzo Pérez on Vimeo.


#culturanacasa

Ver serie completa
06/04/2020

O patrimonio entra nos fogares

Museos, fundacións e activistas do patrimonio cultural actívanse para levar a historia ás casas

20/03/2020

O filme 'A Esmorga' poderá verse de balde en liña esta fin de semana

Vía Láctea Filmes, TVG e Editorial Galaxia poñen esta multipremiada produción na rede

18/03/2020

A poesía non para e vai activamente contra o virus

Alguén que respira!, Poetry Slam Compostela e Leite Edicións pásanse ao formato virtual

18/03/2020

A rede galega achega #culturanacasa para as crianzas

O Salón do Libro virtual ou Aulas galegas achegan contidos para o confinamento da cativada

17/03/2020

O sector da música desfai as paredes que nos separan

As redes sociais son os escenarios onde música e teatro seguen manténdose presentes e achegando benestar de xeito altruísta

16/03/2020

Cultura galega para quedar na casa

Creadoras e creadores do país mobilízanse para contribuír a pasar o illamento pola epidemia de coronavirus

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Documental, Noia, Animación, Comedia...