O patrimonio entra nos fogares

Museos, fundacións e activistas do patrimonio cultural actívanse para levar a historia ás casas

Museos, fundacións e activistas do patrimonio cultural actívanse para levar a historia ás casas
Percorridos virtuais polo patrimonio da Ribeira Sacra. F
Os museos e o patrimonio cultural non se poden visitar estes días. Ou si? Diferentes entidades públicas ou asociacións poñen a disposición dos usuarios alternativas para gozar durante o confinamento do patrimonio cultural galego. En culturagalega.gal levamos desde o inicio do confinamento dando conta de numerosas iniciativas de #culturanacasa promovidas por institucións, entidades ou creadores culturais. Hai desde dinamización, centrada no público infantil, a recuperación e visibilización de contidos perdidos dentro das webs, a incorporación de obxectos dixitalizados, a subida de material que estaba agardando para ser publicado ou a publicación de visitas virtuais. Desta volta imos centrarnos no traballo de museos e entidades que traballan polo patrimonio cultural, non mencionados en novas anteriores.

Os Museos
Moitos dos museos galegos están a aproveitar estes días para facer visibles os seus fondos a partir da publicación de obxectos diarios. Un exemplo destas iniciativas está o Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal, que presenta unha peza do museo ao día.

Coñece o Museo Virtual Valle-Inclán



Unha das iniciativas máis orixinais é a do Museo de Pontevedra, que presentou a exposición virtual “Xogo, leo e debuxo na casa". Durante a semana pasada as técnicas do Museo explicaron aos nenos en vídeos como preparar a sala, as obras e a comunicación dunha exposición temporal. Agora, os nenos remiten ao Museo as montaxes que realizan nas súas casas, amosando o seu mundo aos demais.



Facebook do Museo de Pontevedra



Pola súa banda, a Rede Museística Provincial de Lugo está a desenvolver toda unha serie de actividades virtuais, tamén centradas nos usuarios máis n ovos. Coa iniciativa “Crea o teu museo", os rapaces crean as súas propias exposicións a través do software Emaxe.

Facebook do Museo Provincial de Lugo



Outras das iniciativas é a posta en valor das dixitalizacións de obxectos levados a cabo polas entidades. O Museo da Catedral de Santiago anunciou estas semanas a incorporación de novas pezas en 3D á súa canle dixital, entre elas algúns dos sartegos do Panteón Real da Catedral de Santiago.





As fundacións e as asociacións
A Fundación Otero Pedrayo está a publicar un poema ao día adicado a Ramón Otero Pedrayo por diferentes escritores. O fío iniciouse o outro día cunha composición de Luís González Tosar, do seu poemario A caneiro cheo (1985).

Inicio dos poemas dedicados a Ramón Otero Pedrayo



Pola súa banda, Afundación iniciou o seu programa “A Fundación en casa". Nunha páxina agrupa todos os seus recursos culturais dispoñibles en Internet, dentro do epígrafe “Cultura en casa".

Explorar os contidos de Afundación



E o Seminario de Estudos da Costa da Morte (SEMESCOM) está a difundir os diferentes documentais sobre a xeografía e o patrimonio do occidente coruñés, entre os que hai audiovisuais sobre os Batáns do Mosquetín, sobre os faros do litoral ou sobre os Penedos de Traba e Pasarela.



Explorar o patrimonio cultural
Publicadas hai tempo, os Museos de Galicia están a visibilizar as visitas virtuais ás súas salas, a partir dun programa de dixitalización e Turismo de Galicia tamén fai o mesmo

Visitas 3D aos Museos da Xunta



Tamén nestes días difundíronse as visitas virtuais a elementos patrimoniais da Ribeira Sacra que son parte da campaña da Xunta para que a UNESCO declare a zona como patrimonio da Humanidade. Diferentes igrexas monásticas da zona poden ser visitadas a través da fotografía en 360º.

Explora as igrexas da Ribeira Sacra



Iniciativas individuais e de colectivos
E o confinamento tamén está animando a diferentes persoas a aproveitar para subir á rede contidos nos que están traballando en relación a antropoloxía e etnografía. Por exemplo, o colectivo Patrimonio dos Ancares puxo na rede unha recollida de lendas do concello de Baralla (Lugo), vinculadas ao patrimonio local:

Coñece as lendas de Baralla



Ou investigadoras da antropoloxía da sociedade tradicional galega, como Nati Rey, iniciaron blogs nos que dan conta dos seus traballos e intereses.

Visita O camiño esquecido de Nati Rey