Lugares onde residen as artes

Multiplícanse as propostas que xeran espazos para a creatividade en diferentes ámbitos

Multiplícanse as propostas que xeran espazos para a creatividade en diferentes ámbitos
As propostas de residencias creativas están a se multiplicar en Galicia. Baixo o modelo común de achegarlle un lugar no que traballar durante unha temporada a persoas que desenvolven a súa actividade nos campos da arte, do pensamento ou da literatura, diferentes iniciativas están en marcha, especialmente durante o verán. Repasamos algunhas das iniciativas máis actual neste campo na nosa serie do verán.

As residencias supoñen un xeito diferente de apoiar o desenvolvemento de proxectos artísticos e creativos. A base da idea é facilitar un espazo con boas condicións para desenvolver a creatividade e xerar unha obra. Un lugar no que creadores e creadoras teñan as súas necesidades básicas de aloxamento e comida cubertos e conten contorno que favoreza a tranquilidade e ao tempo achegue estímulos intelectuais para traballar. Aínda con escasa tradición no noso país, o sistema de residencias creativas está a se multiplicar, desde diferentes perspectivas e orientado a distintas disciplinas.

A arte como base
De xeito histórico, no noso país o formato estivo vinculado historicamente ás artes plásticas, con propostas específicas desenvolvidas tanto desde ámbitos públicos como desde centros privados como a galería Monty4 ou a xa extinta Factoría Compostela. Entre estas, destacou de xeito especial o programa do Museo de Arte Contemporánea da Coruña, que entre 2012 e 2018 reuniu cada ano tres parellas de artistas de Galicia e do exterior a promover diálogos creativos de dous meses de duración cada un. Tamén no marco do proxecto EnREDarte da Deputación de Lugo se convocou a diferentes artistas para desenvolver ante o público as súas creacións no Pazo de San Marcos da Cidade da Muralla durante dous meses. De xeito máis recente, en 2015 botaba a andar na Coruña o proxecto 1+1 Play. Artistas en microrresidencia no que se aplica este formato a pequena escala para achegar a artistas estatais e internacionais emerxentes "a oportunidade de desenvolver unha experiencia creativa conxunta, na que poidan compartir as súas propias técnicas e crear sinerxías entre espazos culturais e disciplinas artísticas" logo dunha convivencia dunha semana de duración. Entre as propostas máis recentes neste eido, están os Encontros de creadores emerxentes Interaccións Artísticas en Galicia que desde o 2017 reúnen en Mariñán unha serie de artistas de diferentes disciplinas nun espazo partillado para elaborar novos propostas durante tres días. Pola súa banda, na aldea ourensá dos Blancos, o colectivo Espazo Matrioska mantén na actualidade unha das poucas iniciativas superviventes neste ámbito, aberta a propostas creativas multidisciplinares desde hai catro anos.

Residencias escénicas
Tamén no campo escénico, aínda que sen o elemento de durmida e de convivencia, están a
se asentar as residencias, un formato longamente reivindicado desde o sector. A opción de compañías residentes, é dicir, grupos asentados nun teatro concreto no que desenvolven o seu labor creativo, ensaian, estrean os seus traballos e achegan outras actividades continúa a ter poucos exemplos no país. É a presenza de Chévere no auditorio do Concello de Teo, na actualidade pendente de resolución dun concurso público para manter a súa actividade, o principal exemplo activo neste sentido. Fronte a este modelo, están a se multiplicar outras propostas nesta liña, coa cesión temporal de espazos para labores creativos. Esta perspectiva é pola que apostou o Centro Dramático Galego cando desenvolveu entre 2007 e 2009 e en colaboración co Centro Coreográfico a proposta Artistas en Residencia. Orientado aoss ámbitos do "teatro, escrita teatral, circo, danza, e outras artes do movemento e a artistas que, dende outras disciplinas artísticas, traballen coa danza, o teatro, o circo ou as artes do movemento como referencia", a iniciativa achegaba un espazo de traballo durante cinco semanas ás persoas escolleitas. O MARCO e a Sala Ensalle de Vigo, o Centro de Arte Torrente Ballester de Ferrol ou a sede de Circonove, o Salón Teatro, a Sala Galán ou a nave da Agadic na capital galega foron os espazos que acollían as propostas seleccionadas. En 2017 o CDG reactivou o seu programa de residencias, co que achega cada ano os medios técnicos e humanos do Salón Teatro a "proxectos cun tempo de duración variable". Luz, son, atrezzo ou xestión súmanse ao propio espazo para os ensaios e preparativos das montaxes. Nunha liña similar, o Concello de Santiago ten aberto desde 2016 un programa de residencias escénicas na Sala Agustín Magán, de titularidade municipal. Canda estas, téñense desenvolvido propostas máis puntuais como a residencia compartida entre Pazo da Cultura de Narón e o Teatro Colón da Coruña que lle permitiu á compañía Voadora desenvolver o seu espectáculo Soño dunha noite de verán en 2017.

Danza
Pola súa banda, e tamén da man da Agadic en colaboración co colectivo RPM, As Residencias Paraíso levan xa tres anos en marcha a facilitar os procesos creativos no ámbito da danza. Tal e como nos comentaba Manu Lago a repasar esta experiencia, o formato, que lles proporciona aos profesionais deste ámbito un espazo acondicionado para ensaiar e desenvolver as súas propostas escénicas, ademais de apoios técnico, é especialmente axeitado para esta arte. "O proceso de creación en danza é máis longo que noutras artes escénicas. Esixe un traballo previo de investigación fundamental". Este tipo de apoios "permiten contar cun espazo e cunha pequena contía para investigar, que é o paso previo a unha posible produción". Tamén Sólodos Danza mantén o seu propio espazo de creación e investigación escénica Sólodos CR en Ourense. Pola súa banda Pisando Ovos actúa como residente no Teatro Ensalle de Vigo.

O formato chega á música
Como innovación, na música comezan a aparecer as primeiras apostas pola convivencia e estadía nun contexto específico para favorecer a creatividade. Deste xeito, os Estudios Mans organiza desde 2018 #Laresidenciaradio3. En cada xeira do proxecto, que se desenvolve en colaboración con esta cadea de radio, promóvense encontros entre dous grupos ou solistas que conviven durante unha semana nas instalacións de Mans na Coruña para logo publicar un tema conxunto. Polo momento xurdiron desta iniciativa cinco novas cancións da man de Novedades Carminha e Dellafuente, Coque Malla e Morgan, Amaro Ferrero e Ricky Falkner, Rufus T. Firefly e Viva Suecia e mais Izal e Depedro. De xeito similar, as Adegas Martín Códax apostaron tamén por este formato en 2018 no proxecto Variacións sobre Martín Codax, que se presentaban como unha "residencia artística multidisciplinar para a re-composición musical das sete cantigas de Martín Códax contidas no Pergamiño Vindel" a coincidir coa súa estadía no Museo do Mar, en Vigo. Un encontro dirixido polo trío Ulobit que deu nun concerto compartido coa bailarina Ánxela Blanco, a cantante Alba María, a percusionista Lucía Martínez e o clarinetista Fernando Abreu.

A creación literaria
Ao igual que na música, tampouco no campo literario o formato conta cunha grande tradición no noso país. O antecedente máis claro foi o Premio Biblos Pazos de Galicia, que recoñecía proxectos de obras narrativas de autoras e autores noveis e que se convocou entre 2004 e 2013. Como premio, a persoa gañadora obtiña unha estancia dun mes nunha casa de turismo rural para desenvolver o seu proxecto coa titoría de autores e autoras recoñecidas e recoñecidos. Logo daquela, Axóuxere Editora leva desde 2012 a apostar polo formato na que é, actualmente, a experiencia mais veterana desde ámbito no país, cunha convocatoria orientada á narrativa e outra ao pensamento. Este ano, a grande novidade foi a posta en marcha de 1863, residencia literaria promovida por Yolanda Castaño na Coruña que achega ao seu local creadores internacionais para desenvolver as súas propostas de escrita.

Con diferentes formatos, e orientacións, semella que aos poucos as residencias están a coller novos pulos no país. Un xeito diferente de apoiar a creatividade que achega moitas posibilidades e ten aínda un grande percorrido.
Ligazóns