Residencias á vontade

Proxectos como La Platanera e Senderiz apostan por estancias en contornas que favorecen a creatividade

Proxectos como La Platanera e Senderiz apostan por estancias en contornas que favorecen a creatividade
Vista desde Sende
Facer unha residencia creativa sen necesidade de participar en procesos de selección. Esta proposta está dispoñible noso país da man de proxectos que achegan contornas que propician a creación e a produtividade a quen estea interesado. Na Illa de Arousa, La Platanera convida a coñecer o mundo da serigrafía. Mentres, desde Ourense, o proxecto Sende está aberto para todo tipo de propostas nunha iniciativa de coworking e coliving que vai para alén de compartir espazo.

Se ben as residencias creativas van collendo certo pulo en Galicia, non todas as persoas interesadas atopan un formato do que participar. Sen necesidade de pasar procesos de selección ou de presentar proxectos, existen tamén opcións de pago ás que calquera pode se incorporar. É o caso das Residencias Banana, na Illa de Arousa. Coa serigrafía como eixe, a ilustradora Andrea Fernández decidiu ampliar a actividade do seu taller La Platanera e abrir un espazo para compartir o coñecemento sobre esta arte con todas as persoas interesadas. Desde hai cinco anos esta proposta permite a calquera individuo con interese na cuestión botar catro días nunha casa en cuartos compartidos a combinar formación, creación e ocio. Cinco persoas por semana durante o mes de xullo e parte de agosto participan desta experiencia que inclúe diferentes actividades formativas e lúdicas por un total de 590 euros. Ademais, existe a posibilidade de alugar o espazo para retiros creativos individuais ou para equipos.

Un xeito diferente de ensinar
Segundo explica Fernández, á hora de pensar neste proxecto, a intención era desenvolver un xeito orixinal de ensinanza. "Quería que a xente vivise unha experiencia diferente, non quedarme só en ensinar unha técnica artística, senón abrir as portas da miña casa e facer que se mergullaran na Illa, na súa cultura, no seu ritmo, na súa paisaxe". As persoas interesadas en se achegar, para alén de se inscribir a través do web do proxecto, non precisan ter coñecemento previos de serigrafía. "Para min o único requisito para vir é ter ganas, o demais sobra", apunta esta ilustradora. Desde a súa posta en marcha, as Residencias Banana foron sufrindo modificacións. "Desde que comezou ata agora fun metendo variacións, engadindo novos obradoiros e experiencias a base de escoitar e de imaxinar o que a xente pode querer, como por exemplo mesturar clases de yoga coa creatividade".

Outras actividades, outras persoas
Deste xeito, para alén de aprender as técnicas da serigrafía, as persoas participantes nestas residencias contan cunha serie de actividades paralelas. "As residencias son unha burbulla de desconexión que duran catro días nos cales se suceden os obradoiros creativos, yoga, meditación, saídas pola Illa, paseo en barco e actividades diferentes", explica Fernández. O traballo en grupo supón tamén unha parte importante da experiencia que propón. "O que máis me gusta e que neses días se xunta xente moi diferente. Aquí conviven persoas de todas as ideades e formacións. Algunhas con formación artísticas e outras que nunca fixeron nada relacionado co tema. Xente do mundo das ciencias, ilustradoras, deseñadoras, amas de casa, mestras... Encántame a mestura e creo que é o máis positivo e enriquecedor".

Oportunidades derivadas
Para alén de complementar a súa actividade como creadora, levar as residencias achegoulle a Fernández toda unha serie de novas oportunidades. "Nos cinco anos que as levo facendo fun tecendo unha rede de novas amizades e incluso colaboradoras. Algunhas das persoas que pasaron por aquí fixeron proxectos comigo". As colaboracións xorden nos ámbitos máis curiosos. "Os bancos do meu taller deseñounos un alumno, a miña web programouna outra alumna e unha das amizades máis fermosas que fixen xa de adulta naceu o primeiro ano de residencias, unha ilustradora coa que compartín mesmo teito e de quen inaugurei unha exposición". E é que para ela, o retorno desta iniciativa supera o profesional. "Para alén do que me achegan nese campo, sobre todo é algo a nivel persoal. Para min La Platanera é o meu proxecto de vida, o que fago fágoo co corazón e estou tratando de construír, mediante o meu traballo, a vida que me gusta vivir e que vai acorde co que sinto e penso. As residencias son algo moi especial porque abro non só as portas do meu taller, abro as portas da miña casa, a miña intimidade e ensino unha das cousas máis especiais para min, a miña illa".

Ao seu ver, o éxito desta iniciativa, que non dubida en sinalar que "funciona moi ben", ten relación a que responde ás necesidades dunhas persoas que procuran "ter un lugar para elas, para desconectar, sentirse como en casa, pensar nunha mesa e redescubrir a creatividade". A resumir a súa oferta, sinala que trata de "inspirarse, respirar, comer rico, compartir con xente bonita e crear coas súas propias mans".

Sende
Convencidos tamén do potencial da contorna para desenvolver a creatividade, Edo Sadikovic e María Rodríguez fundaron en 2014 Sende como "un espazo de coworking e coliving" orientado para nómadas dixitais. Co tempo, e a base de restaurar diferentes espazos da aldea de Senderiz, na comarca da Baixa Limia, a iniciativa conta na actualidade con cinco casas de pedra, dotadas con tres cociñas, dous espazos de coworking e cinco xardíns. "Funciona como oficinas onde veñen persoas de todo o mundo para traballar nos seus pequenos negocios e proxectos", explica Sadikovic. Desde a súa fundación, achegáronse polo lugar máis de 2.000 persoas chegadas de 56 países diferentes.

O peso da contorna
Nesta aldea de só vinte habitantes, estes visitantes atopan "todo o contrario á vida rápida, onde estamos a correr todo o día" asegura o fundador, "o oposto á rutina e ás normas habituais". A contorna, ao seu ver, é decisivo para facilitar o desenvolvemento do traballo. "A xente fai máis para os seus proxectos grazas á tranquilidade da aldea, a natureza, á comida caseira e á auga de manancial. Queremos demostrar que se pode ter moi boa calidade de vida sen perder contacto coa última tecnoloxía e a carreira que desexamos desenvolver".

Contactar coa contorna
Aínda que non estritamente orientado ao ámbito cultural, este proxecto transcende con moito a proposta dun coworking ao uso, e achega unha serie de actividades e propostas complementarias que o achegan á idea de residencias. Deste xeito, excursións á costa, a Portugal, actividades conxuntas de cociña, obradoiros de formación, visitas ás pozas próximas para un baño ou outras iniciativas complementan o tempo de traballo dos participantes. "A xente apúntase a ir á feira a Celanova ou Lobios, probar o polbo e mercar alá o que precisamos. Cada semana organízanse camiñadas polo monte e moitas veces cruzamos ata Portugal. Ás veces faise un paseo sobre ás seis da tarde pola aldea con todas as veciñas, que nunca perden a ocasión de participar e botar unhas risas", explica Edo. E é que Sende ten un claro impacto sobre a aldea e a súa contorna. "É un proxecto social e representa unha nova revolución para a aldea. Conseguimos un novo uso para núcleos despoboados e logramos que a xente volte ás aldeas a través da tecnoloxía, da arte e da cultura. As persoas residentes quedan polo menos un mes, entón é importante facer actividades e ensinar un pouco máis do rural galego", asegura.

Propostas formativas
Xa no ámbito máis formativo, Sende anima aos participantes a compartir os seus coñecementos. "Temos un programa que se chama Hat talk, que son como charlas TED mais cun gorro. A xente comparte aí cousas das que todos podemos aprender". Comic underground, blockchain, Amazon Clouds, compostaxe, ciaonitipia, automatización sin código, side projects ou mesmo unha receita de pizzas son algúns dos temas que se tratan nestes encontros, que adoitan sucederse a un ritmo de catro por semana. De xeito máis específico, Sende oferta un programa de apoio para a redacción de proxectos europeos Erasmus Plus. A partir da súa propia experiencia, os promotores da iniciativa contribúen a que os participantes elaboren proxectos con viables para esta liña de financiamento da Unión Europea orientada a formación, xuventude e deporte.

Debuxo e música
No ámbito máis estritamente cultural, Sende organiza cada ano Bosquexo, festival dedicado ao debuxo que coordina Miguel Porto. Nesta iniciativa, un grupo de persoas pasa unha semana na aldea combinando obradoiros e actividades de dinamización con sesións libres para desenvolver as súas capacidades no campo do debuxo. "É o noso evento estrela. Levamos seis edicións e xa se fixo un evento moi popular no mundo da ilustración". Para alén disto, Sadikovic asegura que "temos pensado ofertar outras iniciativas culturais. Cando nos contacta alguén cunha idea espectacular, podemos plantar a semente e probar. Polo momento temos plans de facer eventos con músicos de todo o mundo que se poden xuntar para facer improvisacións".

Abrir Sende
Polo momento cómpre reservar e pagar entre 412 e 560 euros por estadías de ata un mes para participar de Sende. A cota, para alén do aloxamento en cuartos compartidos, inclúe as diferentes actividades e facer parte durante un ano da rede Sende, que mantén en contacto a todas as persoas que pasan pola aldea e facilita o intercambio de experiencias e de coñecemento. No entanto, Edo anuncia mudanzas. "A nosa idea é ter Sende gratuíto no futuro para que todo o mundo o poida probar. Isto ímolo facer grazas a programas en liña que estamos a lanzar sós e cos nosos convidados. A nosa última proposta, grow.rs, ensínalle á xente como poden montar os seus negocios a usar a mesma metodoloxía ca nós e ca a xente que estivo aquí. Estas propostas serán abondas para poder vivir mentres Sende se convirte nun dos interesantes sitios do mundo onde non se paga nada mentres se crea moito". Como primeiro paso da expansión, Sende abriu un novo espazo de traballo nas proximidades de Lisboa.

Futuros inmediatos
A maiores, o proxecto acaba de presentar Download Sende, unha iniciativa que quere espallar este concepto a novos lugares. Na mesma, a organización comparte con persoas e comunidades interesadas o xeito de crear un espazo coma este, desde os aspectos máis físicos como a construción de mobles e a preparación de espazos aos de carácter máis organizativo. Os responsables do proxecto aspiran a que as réplicas de Sende sexan sustentables e que as persoas que as visiten contribúan ao desenvolvemento das mesmas mediante contribucións en traballo. A proposta está aberta tanto a particulares como a vilas e aldeas, ou sexa que é posible que en non moito tempo vexamos novos sendes polo país adiante.