Os Blancos, lugar de creación

O colectivo Espacio Matrioska transforma a súa aldea mediante residencias creativas

O colectivo Espacio Matrioska transforma a súa aldea mediante residencias creativas
A aldea dos Blancos na Limia, está a vivir nos últimos anos unha curiosa transformación. O labor do colectivo Espacio Matrioska e, en particular as súas residencias de verán orientadas ás máis diversas formas de expresión e de investigación, están a deixar pegada no aspecto e na poboación desta área. Coñecemos este proxecto que amosa as posibilidades de achegar propostas contemporáneas de pensamento ao noso rural.

O proxecto Espacio Matrioska desenvolve nos Blancos (Ourense) a súa residencia desde hai catro anos. Segundo explica Alberto Maciá a proposta naceu a partir dun colectivo de persoas de diferentes lugares do Estado que se trasladaron a vivir a esta aldea en 2014. "Somos persoas chegadas de diferentes lugares que viñemos aos Blancos por un contacto da zona. Comezamos vindo de vacacións e acabamos instalándonos aquí". Como fondo común o seren Graduados en Belas Artes e o interese por atopar un lugar no que desenvolver o seu traballo. "Vés traballar e non podes desvincularte do contexto nun lugar como este, que te acolle. Entón procuramos ser veciños e todas as nosas actividades teñen un condicionante do contacto coa poboación".



Compartir
Desde o seu nacemento, desenvolvéronse no marco destas residencias preto de 50 proxectos, a razón duns catro por quincena durante os meses de verán. Segundo explica Maciá, "a necesidade de facer a residencia xorde de aparecermos nun contexto achegado pero alleo. Ao vir da cidade para o rural quixemos crear un espazo para compartir, tanto con xente local como con persoas de fóra. Desde o primeiro momento tivemos claro que pretendíamos desenvolver un lugar de creación onde se puidesen facer proxectos en relación contextual coa poboación e coa paisaxe local". Os participantes nas residencias, dispostos a botar unha temporada instalados nesta aldea do rural ourensán, "son persoas de moitos lugares diferentes. Faise unha convocatoria aberta e chegan propostas de todo tipo. Agora mesmo temos unha rapaza que traballa no folclore castelán e está a ver que pasou co tecido musical da aldea e como influíu a emigración. Entón comparte espazos musicais cos veciños. Outra residente veu tecer lá e estudar a historia das ovellas na zona, mentres outros viñeron facer murais, sempre en diálogo cos veciños".



Conectar co externo, conectar co inmediato
Cada participante desenvolve durante dúas semanas o seu traballo entre os meses de xuño e agosto. "Cada proxecto ten unha orientación diferente, o que pedimos ao facer a convocatoria é que teñan algún tipo de relación contextual co pobo. E resulta interesante ver como diferentes persoas poden entender esa relación. Non colleriamos proxectos que se puidesen realizar en calquera outro lugar igual que aquí". De cara a conseguir participación nestes encontros, o colectivo fai un intenso traballo nas redes sociais. "Temos uns seis mil seguidores que seguen as nosas actividades. Polo xeral as persoas interesadas en vir saben dos proxectos que se desenvolveron antes, mesmo sen ter un coñecemento concreto da realidade dos Blancos", explica Maciá. Para participar, Matrioska solicita "unha presentación , pero non unha memoria con obxectivos, porque o proceso e mais o espazo creativo do proxecto pódense modificar ou manterse no diálogo co contexto e coa xente do lugar".



Os restos de residir
As dificultades á hora de xestionar as residencias nos Blancos son fundamentalmente económicas. "É unha actividade que facemos por amor á arte, porque nos apetece e como un xeito de compartir o noso espazo aquí. Os retos son económicos e de dedicación. É un problema porque aínda que temos que facilitar moitas cousas non temos capital para o proxecto e temos que investir do noso propio peto. Logo temos que desenvolver as nosas propias actividades económicas en proxectos paralelos, e iso tamén nos tira tempo para darlle a esta iniciativa unha difusión maior, como podería ser coordinar con salas da escena galega presentacións ou desenvolver unha publicación". Este ano, por vez primeira, o proxecto solicitou o apoio económico do programa Iniciativa Xove, aínda sen resolver. "O proxecto vai evolucionando e mellorando. Este ano alugamos unha casa para residentes". Durante a súa estadía, estes comparten os ritmos e organización dos espazos propios do colectivo. "Temos rutinas de xantares e de limpeza e queremos que as persoas que veñan sexan partícipes desa rutina", destacan desde o colectivo.



As transformacións
A pegada das residencias deixouse sentir na aldea. "A nivel visual transformouse ao longo destes anos, aínda que procuramos que as intervencións non sexan moi abrasivas e non se impoñan na contorna. En xeral a xente que vén non pretende facer un mural sen máis, senón que desenvolve as súa idea en contacto coa poboación e faise algo bonito, nunca vimos unha experiencia negativa. Os propios veciños nas asembleas que organizamos din se lles interesa que lles fagan unha intervención e en que lugares". Para alén da transformación estética do lugar, tamén se deu unha importante mudanza social. "O primeiro ano vimos que a poboación, que rolda polo xeral os 70 anos e non ten nada que ver co mundo da arte, non acababa de entender algunhas das propostas, mesmo a ter moita curiosidade", lembra Maciá. "Daquela preguntábannos quen eran os residentes. O segundo ano xa nos preguntaban por persoas concretas, porque eles mesmo estableceran contacto por propia iniciativa cando os viran pola zona. O terceiro ano preguntaban polo que ían facer, e este ano directamente preguntan polos proxectos que se presentaron para a selección. É moi bonito ver como esta xente fala con total normalidade do proxecto dunha rapaza que ao mellor ergueu un muro de tixolos cunha xanela no medio dun prado".



Outras mudanzas
Esta mudanza do contorno refórzase con outras accións que desenvolve o colectivo, como son obradoiros e campamentos infantís ou o festival autoxestionado Reina Loba, que cumpre cinco anos a apostar pola sustentabilidade, a mestizaxe e o intercambio de coñecementos. "De cara ao futuro queremos crear algún tipo de rede dixital ou encontro no que os residentes das diferentes edicións poidan se conectar e compartir experiencias ou traballar entre eles. Tamén barallamos a posibilidade de facer un campamento de convivencia dos que xa pasaron por aquí, aínda que moitos xa voltan de visita". Outras opcións que barallan é presentar o proxecto noutros lugares. "Gustaríanos aparecer nalgunha cidade, coa xente dos Blancos e falar tamén con outras residencias. Estamos a ver que a nivel estatal hai moitas iniciativas deste tipo. Vemos que non hai ideas orixinais, senón que somos unha xeración con necesidades concretas de creación e de convivencia que traballamos en cousas similares, e resulta moi interesante". A transformación dos Blancos semella que aínda ten moito percorrido por diante.
Bases das residencias de Espacio Matrioska 2019.