Participantes na xornada "Mulleres na música" Fonte:deputación Provincial da Coruña
Segundo se afirma neste documento, a ausencia de datos e estudos sobre a igualdade da muller no mundo da música é enorme e se precisa promovelos para abordar temas como a distribución laboral por tareas e postos neste eido, os niveis e formatos de discriminación existentes, a transmisión e perpetuación de estereotipos sexistas no sector da música (artistas, entidades e empresas, festivais, ciclos,etc), nos seus contidos, linguaxe ou imaxe.
Baixa representación nos carteis dos festivais
Do que si se dispón nos últimos anos, e o escrito así o reflexa, é de análises centrados nas programacións artísticas, especialmente festivais, e na representación das mulleres nas mesmas. No caso dos festivais pop en 2017, a porcentaxe sería dun 11,9% no territorio español. Nunha análise levada a cabo expresamente sobre as últimas edicións de 11 festivais galegos, de música popular e clásica, e o resultado foi dun 13,4% de presenza feminina nestas ofertas en Galicia, moi lonxe aínda dunha situación de igualdade. Estévez pon aquí un exemplo claro da necesidade desas liñas de acción das políticas públicas: "todos os festivais preséntanse ás axudas públicas e até o momento non se lles requiría ningún criterio de igualdade. É dicir, hai axudas supeditadas ao uso do galego, á contratación de bandas de Galicia, etc... Pero a ningún promotor (case todos son homes) se lle pide para darlle diñeiro público que no seu equipo de traballo haxa paridade ou que no seu cartel a presenza das mulleres non quede reducida á mínima expresión", asegura a xornalista a este medio. Aínda así a promotora do texto non quere colocar a perspectiva de xénero nunha cuestión baseada nas porcentaxes e lembra que desde a súa proposta "traballar con perspectiva de xénero non é só contratar mulleres até o 40% "legal", é moito máis que iso e afecta a un modelo de traballo e a un modelo social que ten que mudar (desde os horarios dos eventos até a seguridade nos mesmos, etc )."
Oito propostas
Das oito propostas que se inclúen neste Cara ás lentes violetas na música, catro deles son propostas de incentivos e cláusulas positivas a programacións e proxectos que se presenten á recibir axudas públicas ou apoios financeiros de calquera tipo das arcas públicas sempre e cando incorporen a perspectiva de igualdade de xéneros de diferentes xeitos e a diverso niveis, desde o laboral ao artístico e en máis situacións como a seguridade. Outras dúas desta lista de ideas van dirixidas á promoción estudos e informes que recollan a situación real actual das mulleres na música en Galicia e á solicitude de promover formación específica para mulleres que axuden a inserilas naquelas áreas de traballo do mundo da música onde haxa actualmente menor presenza feminina. O documento esixe tamén a paridade nas comisións, xurados ou tribunais designados para a valoración das axudas públicas e apoios aos proxectos vencellados á escena musical. Tal vez a máis polémica destas ideas, entre outros motivos pola súa complexidade de toma de decisións e valoración en tempos nos que a defensa da liberdade de expresión está na primeira liña do debate fronte a múltiples ataques, sexa aquela na que o informe propón a introdución de cláusulas nas convocatorias que tendan á eliminación da presenza nas programacións financiadas ou contratadas polas administracións, de formacións que fomenten o sexismo na música, a través dos estereotipos que transmiten. Os asinantes defenden esta valoración cualitativa das actividades artísticas ao considerar que do mesmo xeito que se trata de premiar os esforzos a prol da visibilización das mulleres, cren necesario asegurar o diñeiro público non vaia parar a "manifestacións musicais que contribúan á desigualdade, sexismo, marxinación, ou violencia contra as mulleres", segundo reza nesta proposta.
O documento, que xa dispón dunha versión definitiva e conformada (adxunta a este texto) buscará agora chegar a todos os ámbitos de decisión públicos e privados que teñen relación coa industria musical galega e ser tomado en consideración por todos os axentes do sector á hora de establecer as políticas públicas e a acción privada en orde a avanzar cara unha industria musical igualitaria e con perspectiva de diversidade de xéneros.








