Actuación de Mad Martin Trío no Rock Café de Santiago Foto: S. Montes
A lei das verbenas
Desde os primeiros pasos de preparación da regulación a lei foi popularmente coñecida como a Lei das verbenas, polo que afectaba a estes espectáculos en concreto que se contan por milleiros no nosos territorio e que afectan a milleiros de persoas cunha grande base popular interesada. As comisións de festas axitábanse temerosas do que lles podía ver enriba cun posible endurecemento dos requisitos necesarios para organizar estes eventos desde as súas limitacións profesionais, económicas e de manexos burocráticos. O sector das orquestras, principais afectados economicamente no mesmo sentido, rapidamente se mobilizaron a través das dúas asociación que as representan opara poder ter voz e influenza no redactado final. A Asociación Galega de Orquestras (AGO) chegou a preparar mobilizacións ante o que entendía que ía provocar unha carga de burocracia e responsabilidades imposible de asumir pola maioría de pequenas comisións de festas, o que levaría a un retraemento na organización de eventos. Finalmente estas mobilizacións non se levaron a cabo e a AGO conseguiu introducir na lei elementos que consideraban importantes.
Pola súa banda a Asociación de Empresarios de Música de Verbena Galega (ASEVEGA), que tamén fixo contribucións no trámite de preparación da lei, vían no texto máis cousas positivas que negativas e rexeitaban esas protestas. Desde ASEVEGA interpretaban que a lei reducía as cargas das comisións a presentar ante os concello unha “declaración responsable” de ter todo en regra ademais da contratación dos seguros de responsabilidade civil esixidos, mentres que entraba nos deberes das orquestras e profesionais de estruturas e carpas presentar o resto da documentación de seguridade precisa en cada caso. En realidade, como ben dicían desde a AGO, a falta da normativa que desenvolva a lei e da Comisión que dirima a súa interpretación, o texto é actualmente ambiguo permitindo a cada secretario local esixir unha longa serie de certificacións ou simplemente esa declaración responsable, segundo o funcionario decida e base ao seu criterio profesional. A ambigüidade e incerteza a día de entrada en vigor efectiva é aínda grande, cando a lei leva seis meses publicada. Pero a importancia que para a Xunta ten o sector das verbenas pola súa forte calada popular e capacidade de mobilización , está clara desde o momento quen que a Vicepresidencia publicou no seu web unha folla-modelo de declaración responsable para as comisións de festas e un documento gráfico deixando claro na súa interpretación cales son os deberes e documentación que estas entidades veciñais deben cumprir (engádese a este artigo).
Fórmulas para a música en locais
A pesares de que o prazo para a entrada en vigor hoxe xa corría coa lei publicada desde o 2 de xaneiro, non foi ata finais de abril cando o sector da música en directo que realiza os seus espectáculos habitualmente en locais de hostalería non comezou a inquietarse e levar a cabo accións. Foi nese momento cando en Compostela comezaron as anulacións de actos programados en salas e pubs que, segundo o actual Catálogo de espectáculos, non contarían coa licenza precisa para esta actividade, malia levar anos facéndoo e mesmo formar parte da Rede Galega de Música ao Vivo apoiada pola Axencia Galega de Industria Musical (AGADIC). Un mes estiveron estes locais en Santiago sen dar concertos xa que os convenios que tiñan asinado co Concello as asociacións que os representan caducaran e xa non era posible prorrogalos ao entrar en conflito coa Lei de Espectáculos que hoxe regula estas actividades. Os primeiros en saír a denunciar a situación foron os membros da sección compostelana da asociación Músicas ao Vivo, profesionais directamente afectados pola cancelación dos seus bolos ante o retraemento lóxico dos locais a non levar a cabo actividades que lles puidensen supor duras sancións sen a cobertura institucional necesaria.
Varias xornadas levadas a cabo en Coruña, Santiago e Pontevedra intentaron ir dando resposta ás numerosas dúbidas que creaba esta inminente nova regulación pero as conclusións eran sempre as mesmas: demasiada ambigüidade e unha deixazón de responsabilidades sobre os concellos, que non dispuñan de moitas ferramentas para posibilitar unha actividade cultural malia que a puidesen considerar boa e necesaria. Desde o grupo de goberno compostelano, buscouse a solución momentánea para os meses de verán do amparo aos concertos como ciclos nos que o propio Concello forma parte como entidade promotora, puidendo así utilizar das excepcións da lei para permitir certas actividades musicais en calquera tipo de local de xeito excepcional. Non é unha solución a longo prazo, e menos para o resto do ano, pero nese sentido desde o consistorio capitalino propoñen á Xunta a actualización dos locais que si poden facer actividades culturais dentro do Catálogo de Espectáculos públicos, dando así cobertura a bbares e pubs nos que se leva a cabo moita da actividade cultural de proximidade. Polo mesmo camiño semella que irá o Concello de Pontevedra, cun programa específico, “Cabos Soltos” ao que se poderán sumar os promotores locais de concertos e os músicos, para entrar dentro dun “ciclo” amparado pola propia participación consistorial nel como parte organizadora. Son solucións de compromiso, que é de supor que vexamos repetidas en varias localidades en función do seu interese en manter e protexer a música ao vivo e os pequenos eventos culturais en locais hostaleiros que, a priori, non teñen licenza para isto.
O verán comeza así para as verbenas e espectáculos culturais con aires de incerteza á espera de ver como reaccionan os diferentes Concellos con cada un dos seus supostos de intervención e responsabilidade e tamén na agarda dos pasos, xa algo tardíos, da Xunta á hora de nomear esa Comisión que a propia lei contempla, e de redactar ese regulamento que desenvolva e aclare os aspectos máis confusos que crea este novo texto legal. A actualización por parte da administración autonómica da clasificación das actividades nos locais hostaleiros no Catálogo de Espectáculos públicos, posible e necesaria xa que leva varios anos sen tocarse, é unha das maiores expectativas para conseguir que a presenza da cultura musical en todas partes do territorio e durante todo o ano, non só en verán, sexa unha posibilidade real que poida dar soporte aos profesionais da música e permitir o acceso cultural aos que á cidadanía ten dereito.





