Concertos para menos que pagan máis

As cifras en caída de público e recadación desde 2010 comezan a remontar no apartado económico

As cifras en caída de público e recadación desde 2010 comezan a remontar no apartado económico
Público no Atlantic Fest 2016. Foto: Instagram do Festival
Setembro aínda comeza con citas musicais de concertos e festivais que ofrecer e o outono tamén anticipa importantes programacións así que resulta moi cedo para falar dos rexistros acadados este ano en canto a asistencia a concertos e festivais e recadación ou impactos económicos comprobados. Malia todo algunhas cifras achegadas nas valoracións das organizacións de festivais arroxan subas importantes en asistencia que contrastan co último informe A música en Galicia (2016) presentado polo Observatorio da Cultura Galega sobre a asistencias a concertos no ano 2014.

Segundo o informe presentado polo Observatorio da Cultura Galega o ano 2014 caracterizouse por unha baixada xeneralizada do número de espectadores de concertos de música popular tanto en Galicia como no conxunto de España. Coincidindo loxicamente cos anos nos que a crise económica foi máis cruenta coa poboación en xeral e co sector cultural en particular, todas as comunidades autónomas sen excepción perderon público; 941.000 galegos asistiron a estes concertos, o que supón un descenso dun 7,2 % con respecto a 2013, e dun 57,3 % con respecto a 2010, ano en que se rexistrou o maior número de espectadores (2,2 millóns) do período analizado. Nese sentido cabe destacar que o ano 2010 foi ano Xacobeo co que iso supón de incremento da oferta e promoción culturais na nosa comunidade. O público galego constituíu en 2014 o 4,6 % do total estatal, que acadaba os 20.362.000 espectadores en 2014.

Como é habitual a gran maioría dos concertos de música popular celebrados na comunidade correspóndense en canto a estilos con todo o englobado baixo o epígrafe Pop-Rock, o 79,7 % dos concertos celebrados en Galicia en xeral. A continuación destácanse os de jazz, blues e soul, cun 4,4 %, e os de folk, cun 3,6 %. Precisamente nos recitais de jazz, blues ou soul, Galicia é a segunda comunidade a nivel nacional detrás da Rioxa (4,9 %). É tamén no Pop-rock onde se concentra, como é lóxico, a maior cantidade de asistentes contabilizándose máis de 727.000, o que supón superar a media xeral de España en 4 puntos porcentuais. A moita distancia, séguenos os concertos de música folk, que atraen o 4,5 % do público, 2 puntos por riba da media estatal.


Galicia consegue en todos os indicadores de comparación entre comunidades situarse por riba do medio da táboa, sempre entre postos quinto e oitavo no que ten que ver coa actividade musical. Así en porcentaxe de concertos de música popular Galicia é a sétima comunidade achegando o 4,4% do total do Estado, en porcentaxe de espectadores de concertos de música popular, respecto ao total, por comunidades autónomas ocupa o oitavo posto. Mentres, en gasto medio por espectador é a sexta comunidade, cun 6,1 por riba da media estatal de 5,8, conseguindo aumentar a súa recadación xeral e rompendo a tendencia baixista iniciada a partir de 2010. No ano 2014 recadáronse en Galicia 5.778.000 euros en concertos de música popular, 287.000 máis que o ano anterior. Galicia é a quinta comunidade cunha maior medra da recadación. Por xéneros musicais, o pop rock acapara o 92,8 % da recadación dos concertos de música popular en Galicia, que ascendeu en 2014 a máis de 4,7 millóns de euros segundo os datos presentados no informe.

O gasto medio por espectador en Galicia é de 6,1 euros, 30 céntimos por riba da media
nacional, o que a coloca como a sexta comunidade de España. Os canarios, cun gasto de 9,6
euros, son os que máis desembolsan neste tipo de eventos musicais, seguidos dos madrileños e dos baleares, ambos os dous por riba dos 8 euros. Hai que ter en conta que tanto as cifres de recadación como as de gasto medio están “cocinadas” en base ao número total de concertos e que nestes xúntanse tanto os que cobran entrada como aqueles cuxa asistencia resulta de balde.



Música Clásica

Unha parte do informe está dedicado tamén á Música Clásica. Desde o Observatorio destácase que no ano 2014 asistiron a concertos de música clásica en Galicia un total 236.087 espectadores, cifra que supón o 4,4 % do total de España. Neste ano, aínda que continuou o descenso de espectadores con respecto a 2013, foi menor que en anos anteriores, concretamente do 1 %.

A recadación da música clásica en Galicia aumenta nun 11,8 % e sitúase a un nivel superior a 2010. Galicia é a cuarta comunidade autónoma cos prezos máis baixos dos concertos de música clásica. Tamén está entre as seis comunidades autónomas cuxa porcentaxe de concertos de música sinfónica gratuítos é máis elevada.

Dentro dos distintos xéneros, os concertos de música sinfónica experimentaron unha
recuperación no número de espectadores dun 6,6 %. Galicia é a comunidade autónoma onde
máis aumentou a cifra de espectadores. A recadación deste xénero aumentou un 23 %.
No tocante á música coral, o número de espectadores en 2014 aumentou lixeiramente con
relación a 2013, malia que diminuíu o número de concertos. Pola súa banda, a asistencia da música de cámara e solistas, e música de bandas e rondallas descendeu.

Posibles boas previsións

A falta de coñecerse aínda os datos relativos ao 2015 e co 2016 aínda en curso unha observación aventurada do panorama económico e as marcas acadadas neste ano de afluencia turística á comunidade fan pensar que a tendencia alcista proseguirá nas cifras consolidando unha posible recuperación tras eses anos de baixada.

Coa marca máxima de visitantes e turistas e a confluencia dunha meteoroloxía tan favorable e pouco habitual como a deste verán aínda por rematar é de supor que se contabilizará unha maior afluencia a grandes concertos e festivais ao aire libre. O feito de que sexa no verán onde se realizan as grandes citas multitudinarias musicais leva a esta conclusión. De feito as cifras de asistentes feitas públicas desde as organizacións de grandes eventos como o Resurrection Fest ou o Festival Folk de Ortigueira, grandes aglutinadores de público, iso semellan indicar. Mentres os de Viveiro cifraron en 80.000 os asistentes á cita co rock nunha nova marca súa, en Ortigueira estiman en arredor de 90.000 o seu público do presente ano.

A pasada semana o consorcio que recolle a promoción conxunta a través da Deputación de Pontevedra dos Festivais Rías Baixas estimou en 200.000 as persoas que conseguiron reunir nos sete eventos desa provincia: Cultura Quente (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), PortAmérica (Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (a Illa de San Simón en Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilagarcía de Arousa). Catro destes eventos acadaron as súas mellores cifras históricas de asistencia con subas de ata o 37%.

En canto a cifras de impacto económico as impresións deste ano tamén son boas, xa que a deputación calculaba en 26 millóns o xerado polos sete eventos pontevedreses e no caso do Resurrection Fest declarábanse 10,2 millóns de euros de gasto directo aos que segundo Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura, “se lle engadísemos os impactos indirectos e os multiplicadores habituais nos estudos de impacto económico iríamos a unha cifra moito maior”.

E no que queda de ano aínda hai unha gran actividade musical nos ciclos de outono que reactivan as axendas locais así como en festivais multitudinarios que aínda están por celebrarse antes do remate definitivo do verán e que xa presentan cifras de venda de abonos e entradas prometedoras.