Paixón por escavar

O Grupo García Alén desempeñou un importante papel na arqueoloxía galega dos primeiros anos 80

Repoñendo o menhir de Gargantáns, 1981. Foto: Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”
Repoñendo o menhir de Gargantáns, 1981. Foto: Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”
Ata non hai tantos anos, non existían no noso país as empresas de arqueoloxía. Institucións como os museus eran os principais promotores de escavacións que, en moitos casos, estaban en mans de voluntarios e amantes do noso patrimonio. Un dos principais colectivos neste campo foi, a comezos dos anos 80, o Grupo García Alén, que ten no seu haber fitos como escavar o Castro de Santa Tegra ou ser responsable dalgúns dos principais avances na arqueoloxía mergullada do país.

Ramón Patiño foi un dos máis activos membros deste grupo e presidente do mesmo durante varios anos. Segundo explica, “O club fundouse en 1981 para articular os afeccionados que colaboraban cos arqueólogos do Museo de Pontevedra, que tamén eran membros. Naquel momento queríanse facer estudos pero non había moito apoio. Existían poucas publicacións e escavacións, e os arqueólogos non tiñan moitas saídas”, lembra. “Entón a xente que estaba arredor do Museo de Pontevedra propúxolle esta idea, e a institucións apoiounos”. A idea de arqueólogos traballando xornadas de oito horas ao día por amor á arte hoxe pode semellarnos estraña, pero naqueles primeiros oitenta era bastante común. “A xente que viña facer escavancións viña de xetio gratuíto. O grupo tiña que conseguir axudas do Estados ou de diferentes entidades para lles dar de comer e telos nos hoteis ou os trasladar ás zonas de escavación”. Apoios estatais ou mesmo dos concellos onde se traballaba permitiron manter unha actividade investigadora que foi recoñecida mesmo fóra de Galicia, con presenza en diferentes congresos e encontros de arqueoloxía.

A grandes campañas
“Nos primeiros catro anos fixéronse moitas escavacións na provincia de Pontevedra e conseguíronse datos moi importantes”, explica Patiño. “Foi moi destacado o estudo da Lanzada, onde apareceron unha serie de tumbas romanas nunha área onde se ían construír chalets. Alí se fixeron tamén os primeiros estudos palinolóxicos en Galicia para coñecer a vexetación e mais o clima da época”. Precisamente este depósito está este verán de actualidade pola nova campaña de investigación que se desenvolve nel, de man da Deputación de Pontevedra. “Despois comezamos no monte Tegra, que levaba moitos anos sen se escavar. Traballouse nunha zona importante e fíxose unha restauración que aínda se pode ver na actualdiade”, continúa. “Despois centrámonos moito no Morrazo, con escavacións megalíticas, do campaniforme ou romanas. En Mos estivemos no Castro de Torroso, da Idade do Bronce, que daquela estaba moi pouco documentada. Dedicábase case todo o ano a escavar cos voluntarios”.

Pioneiros
E é que no García Alén foron pioneiros en desestacionalizar a arqueoloxía dos meses de verán, tendo que procurar métodos para vencer as inclemencias do tempo ou a inundación dos depósitos que estaban a investigar. Outro dos grandes logros do García Alén foi sen dúbida o seu carácter pioneiro no desenvolvemento da arqueoloxía subacuática no noso país, coa creación da Sección de Actividades Subacuáticas en 1983, que chegou a ter máis de trescentos colaboradores. A Illa de Cortegada, o contorno das Torres de Oeste, Portocelo, A Lanzada ou as Cíes foron algunhas das zonas nas que traballou o grupo.

Achados e avances
De todo este traballo xurdiron achados destacados. “Quizais o máis importante fosen os cepos de chumbo de áncoras romanas que apareceron no Cabo Udra. Despois destacaría as análises palinolóxicas e as primeiras datacións de Carbono 14 feitas para o mundo megalítico no noroeste da Península. Pero quizais o depósito emblemático para o grupo fose Santa Tegra”. “Daquela queríanse coñecer datos para enriquecer o coñecemento da arqueoloxía e da prehistoria. Había moita poucas iniciativas de investigación, as intervencións de urxencia estaban bastante paradas e de arqueoloxía subacuática non había nada”. Estes eivas provocaban, evidentemente, un descoñecemento de desterminados ámbitos da nosa historia. “Había moitos ocos que non se sabían encaixar moi ben. Por exemplo faltaban datos sobre a relación dos romanos coa navegación no atlántico. Tamén faltaban datos sobre a expansión do megalitismo”, lembra Patiño.

Pequenas historias
Para alén dos grandes achados e dos avances científicos, a actividade do grupo estivo chega de pequenas historias e de anécdotas que aínda hoxe lembran os seus membros con agarimo. Por exemplo, o García Alén tivo un importante papel na conservación da Lapa Gargantáns, que de non ser por eles podería facilmente ter desaparecido. “Alguén a tirou por un problema de lindes ou algo semellante. Por sorte alguén nos avisou e decidiuse voltar a colocalo no seu sitio e estudar como se puxera xa no seu momento. Foi unha fortuna que nos avisasen, doutro xeito tardaríamos meses en nos decatar deste problema e con toda posibilidade a pedra tería desaparecido e pasaría a facer parte dun muro ou de calquera construción. Agora fíxose un bo traballo de explicación na zona para que a xente saiba do valor que ten a peza e a protexa”. Cos cepos do Udra lembra este investigador unha das anécdotas máis curiosas do grupo. “Houbo que contratar unha furgoneta para os trasladar, e atopar unha naquela zona de Bueu foi complicado. O home que veu finalmente non quería trasladar aquela cousas raras e houbo que o convencer. Outra vez veu unha autoridade a nos visitar nun xacigo, e sentouse xusto no lugar que tiñamos como referencia para comprobar a altura á que aparecían os restos, e estragouno”.

Mudanzas no panorama
A asunción pola Xunta das competencias en Arqueoloxía, en 1984, e o empeño da Administración por profesionalizar esta actividade, deu en que o grupo perdese a súa razón de ser. “Nós pensábamos na nosa actividade como algo semellante ás asociacións de amigos dos museos, para colaborar co traballo dos centros e as súas investigacións. Ao se profesionalizar o sector, moitos museos deixaron de ter a función de coordinar plans de investigación. Agora é a Administración a que encarga determinados traballos, e deixou de verse a colaboración de voluntarios como prioritaria”. A revisar a actualidade da arqueoloxía, Patiño observa que hai cousas que non mudaron moito. “Agora quizais estamos a voltar un pouco atrás. Existen moitas escavacións de urxencia, pero non se fan moitas de investigación a longo prazo, esa tendencia morreu un pouco”.

A actualidade do grupo
Malia a que as mudanzas de panorama liquidasen en boa medida a razón de ser deste grupo, o García Alén continúa a existir. Aínda que, como recoñece Patiño, “desde hai uns anos en arqueoloxía de terra non se fai nada e estase a traballar fundamentalmente nas actividiades subacuáticas”. Neste grupo, “a xente vai bucear no seu tempo libre, e conseguimos unha información moi ampla. Tomamos datos, facemos unha ficha e deixámolas no sitio. Isto dá nunha base de datos moi importante que permitirá no seu momento traballar sobre elas”. Entre os achados do grupo estivo, hai varios anos, un lote de canóns nas proximidades da punta Borneira que foron finalmente investigados da man da Xunta este ano. “Nós démoslles todos os datos que tiñamos á empresa que se encargou disto, este é o labor da nosa Sección de Actividades Subacuáticas”.