O náufrago
Chamouse a si mesmo náufrago porque “cando chegou a Galicia para acometer algunhas das restauracións os monumentos e conxuntos que estaban nun estado deplorable, sentiuse como un náufrago á deriva” apunta Belén Castro. Foi o encargado de restaurar, de intervir e da posterior posta en valor dos símbolos patrimoniais. Traballou “tanto en conxuntos catedralicios (Santiago, Lugo, Ourense, Mondoñedo…) como noutros conxuntos con valores pintorescos ou simbólicos (como é o caso de Pedrafita onde, xunto con Chamoso Lamas musealiza as pallozas do Cebreiro e crea un dos primeiros museos etnográficos que hai en Galicia) como tamén se ocupa dunha das operacións máis importantes como foi o traslado e nova intervención do traslado de Portomarín” afirma a comisaria da exposición.
A el débeselle todo o traslado de Portomarín, unha das etapas emblemáticas no conxunto do Camiño de Santiago. “Tratábase dun conxunto medieval dunha traza orgánica desestructurada e el leva a cabo a planificación, ordenación e restauración” puntualiza Belén. Un proxecto tan importante como o que acometeu en Portomarín é o que tivo lugar en Lugo entre os anos corenta e os setenta, que consistiu en derrubar as construcións anexas á muralla. Xunto con intervencións dese calibre, fixo outras obras como a “musealización e restauración de itinerarios, pavimentacións, restauración de fachadas dando unidade a conxuntos históricos como Santiago, Ribadavia; restauración de prazas singulares”, engade.
As restauracións
A comisaria de Náufragos advirte que non hai que esquecer o contexto político e social (na ditadura, en plena posguerra) no que traballou Pons Sorolla. El achega “unha visión historicista, medievalizantes, recupera o estilo orixinal dos monumentos, retira coros capitulares, e calquera engadido moderno que eliminara o sentido orixinal en si mesmo”.
A día de hoxe poderíanse por en tela de xuízo moitos dos criterios que aplicou á hora de facer as súas intervencións. Desde a aplicación de formigón, o alcance o impacto da liberación da muralla de Lugo ou o traslado de Portomarín, a retirada de coros capitulares… máis que nada porque “algunha das súas intervencións son irreversibles”, apunta Belén Castro. Os criterios, os materiais e o antes e o despois no que foron actuacións no Camiño de Santiago aparecen na exposición que se pode ver en Fonseca. En todo caso, “A súa figura quedou un pouco no esquecemento e é contraditorio tendo en conta a importancia” explica Belén que tamén apunta que neste traballo Francisco Pons Sorolla non estivo só, senón que sempre contou cun equipo que lle permitiu desenvolver esta actividade.






