A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra marcou a cultura galega do século XX

A pegada arqueolóxica

As escavacións en castros. A recompilación de cantigas. O estudo de petróglifos. Temas que aínda hoxe están de plena actualidade daban os seus primeiros pasos a nivel científico hai máis de cen anos cun suxeito común: A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Esta entidade pioneira revolucionou coas súas investigacións o noso coñecemento sobre o país e foi antecedente do Museo de Pontevedra e mais do Seminario de Estudos Galegos.

“Son máis coñecidos polas súas obras do que por si mesmos, e moitos están aínda a lles sacar un grande partido”, recoñece Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra. E é que entre os haberes deste colectivo nado a finais do século XIX en Pontevedra figuran méritos coma ser pioneiros na recuperación da figura de Frei Martín Sarmiento, no estudo dos petróglifos no noso país ou en se preocupar pola lingua dos canteiros, ademais de seren uns completos investigadores e compiladores da historia local de Pontevedra ou de traballar na recuperación de monumentos. Nese sentido, non cabe dúbida da impronta que deixaron na nosa cultura. “O Cancioneiro Xeral de Galicia que fixo en concreto Casto Sampedro segue a ser hoxe clave para quen queira achegarse ao coñecemento da nosa tradición musical. Sobre a historia de Pontevedra acontece exactamente o mesmo”, lembra Valle. Estudos sobre figuras senlleiras da cidade, as vías romanas, distintos asentamentos arqueolóxicos ou mesmo o traballo de García de la Riega sobre Cristóbal Colón amosa a variedade de intereses do grupo. “A Sociedade nace en 1894, e os seus compoñentes tiñan unha excelente formación, especialmente Casto Sampedro, que era a alma máter do proxecto”.

A primeira arqueoloxía
Atendendo ao seu nome, os membros do colectivo desenvolveron diferentes escavacións sobre todo nos contornos da Cidade do Lérez. “Escavaron en Mourente, no Castro de Vista Alegre en Vilagarcía, e nas terras de Redondela, de onde era Sampedro”, explica o director do Museo de Pontevedra. Debemos pensar que estes traballos se facían en condicións de afeccionados e non con dedicación completa. “Don Casto era avogado, outros eran médicos ou impresores”, lembra Valle. Isto non impediu que fosen pioneiros en aplicar sistemas de traballos científicos a esta actividade, nun momento no que o noso país era practicamente virxe no campo de buscar o noso pasado mediante restos materiais. “Fixeron as primeiras escavacións científicas, traballando de acordo ás técnicas máis avanzadas do momento”, lembra Valle. “De feito, tiñan un fotógrafo en plantilla, coma o coñecido Zagala, e contaban tamén con debuxantes que recollían notas de todo o que contemplaban”. Nese sentido foron pioneiros tamén na aplicación dunha metodoloxía positivista, e desenvolveron unha importante recompilación de fondos. “Iniciaron a colección de epigrafía romana, a de labras heráldicas ou de pezas medievais que aínda se conservan no Museo de Pontevedra”, lembra o actual director deste centro. “Tamén fixeron un amplo traballo a nivel de arquivos ou en numismática, e un século despois moitos dos seus traballos continúan a ser de consulta imprescindible”. Por exemplo, os seus cuestionarios para catalogación seguiron empregándose durante moitos anos no Museo de Pontevedra.

Fillos da época
A Sociedade xurdiu nun momento no que estaban en plena eclosión dúas tendencias na burguesía galega. Por unha banda, logo da desamortización, a finais do século XIX estaban a se multiplicar as chamadas “Comisións de monumentos” que loitaban pola conservación de edificios históricos que corrían o risco de desaparecer ante o abandono ou por mor dos plans de expansión urbanos. De feito foi a propia Sociedade Arqueolóxica a que conseguiu salvar, en pleno centro de Pontevedra, as ruínas do convento de Santo Domingo e comezou a empregalas coma sede social. Por outra banda, neste órgano penetrou tamén fondamente o espírito galeguista, o que explica o interese xeral do colectivo polo pasado do país. De feito, algúns dos membros, coma Carmelo Castiñeira, compartían militancia con colectivos coma “La Patria Gallega”, e o propio Casto Sampedro chegou a ingresar na Real Academia Galega. “A sociedade é un produto do seu tempo”, recoñece Carlos Valle, “comezaron a traballar nunha clave inicialmente pontevedresa, véndoa como un capítulo esencial da Historia de Galicia”. E é que, malia á localización na cidade do Lérez, a Sociedade mantiña unha ampla rede de colaboradores que facían dela unha auténtica entidade galega. “Tiñan contactos por todo o país, porque posuían socios e correspondentes en Ourense, Lugo ou mesmo en Compostela con Antonio López Ferreiro, que foi un dos primeiros socios eméritos”. Tui, Bueu, Baiona, Silleda, Vigo... mesmo fóra do país, en España e en Portugal, o grupo mantiña contactos e correspondentes de grande importancia.

Herdeiros
Malia ao nome, e como se pode comprobar polos traballos que desenvolveu, o interese da Sociedade Arqueolóxica chegou moito para alén da disciplina que lle dá nome. “Tiñan pretensión de abarcar todos os campos do coñecemento”, lembra Valle. O espírito deste grupo de estudosos manteríase co nacemento en 1927 do Museo de Pontevedra, cando practicamente só quedaba deles o seu promotor, Don Casto. Esta institución, creada co apoio da Deputación de Pontevedra, pretendía continuar o traballo daquel colectivo e conservar os seus fondos. Canda a este, outro organismo naceu na mesma época seguindo o espírito de investigar o noso país desde todos os campos, o Seminario de Estudos Galegos. “O Corpus de Petróglifos que fixo o Seminario tiña unha presentación de Sampedro e recoñecía o traballo pioneiro da Sociedade”, lembra Valle. “Marcaron unha serie de camiños que se seguirían con posterioridade, sobre todo despois da creación do museo”. Os interesados en afondar na historia e nomes deste colectivo, teñen entre o 26 e o 29 de maio unha boa oportunidade no ciclo de conferencias que programa o Museo de Pontevedra co título “Casto Sampedro, A Sociedad Arqueológica de Pontevedra e a recuperación da tradición musical de Galicia” na que o propio Carlos Valle falará polo miúdo da entidade que marcou o punto de partida de tantas iniciativas.