Fragmento do cartel da homenaxe a Chamoso Lamas
Sen recursos
“Naquela época non tiñan medios nin cartos para facer arqueoloxía, era un traballo en boa medida vocacional”, incide. Coincide con el Felipe Senén: “falamos dunha persoa que traballo nun tempo no que non había moita sensibilidade encol desa relación entre a paisaxe e a paisanaxe a través da arquitectura ou dos cantos a danza ou os ditos. Tocoulle facer un traballo difícil que era recompoñer o patrimonio”. Para este arqueólogo, “daquela había unha Lei de Patrimonio moi boa que non se vixiaba nin se cumpría. El buscou o apoio dos artesáns e asesorou párrocos, canteiros ou aqueles que querían restaurar o seu pazo. Chamoso Lamas e outros coma el axudaron a madurar a arqueoloxía, a museoloxía ou a etnografía, son precursores de xeitos de xestión do patrimonio cultural, con traballos a pé de obra e con moitísimas limitacións”.
Musealizar
Canda á recuperación de monumentos e á investigación arqueolóxica, Chamoso Lamas foi unha figura fundamental á hora de sentar as bases da musealización do patrimonio en Galicia. “Chamoso foi un dos impulsores de moitos museos, sobre todo especializados”, lembra Hueso. Centros que aínda hoxe se manteñen coma referentes, como o Museo das Peregrinacións, o Museo do Castro de Viladonga, o da Montaña no Cebreiro, ou o Museo do Viño de Ribadavia xurdiron da súa man a crear unha auténtica rede de centros distribuídos por toda a xeografía. Segundo lembra Felipe Senén, “Estivo tamén no proxecto dun Museo do Traxe en Betanzos e dun Museo do Mar en Combarro, que non chegaron a se realizar”. O interese pola musealización e por darlle un sentido de cara á sociedade aos monumentos cos que traballaba é unha das grandes peculiaridades de Chamoso. Segundo explica Hueso “O outro grande aspecto do traballo de Chamoso Lamas é o esforzo por, unha vez que se recuperan as cousas, achegarllas á sociedade e poñelas en valor. Aí entra tamén a súa faceta coma restaurador, con traballos coma o da Catedral de Tui, que estaban en moi mal estado, ou o derrubamento das casas adosadas á Muralla de Lugo. Aí vese un proceso de conciencia de que eses monumentos teñen que ser algo vivo para o presente”.
Profesións e artes
A pegada de Chamoso chega para alén das súas intervencións arqueolóxicas e arquitectónicas e incide mesmo na conservación de profesións tradicionais. Para Senén está claro que “se hoxe en Pontevedra hai unha escola de canteiros débeselle a Chamoso”, que empregou moitos estes profesionais, ao igual que ferreiros ou carpinetiros nos seus proxectos e facilitou a previvencia deste oficio ata os nosos días.
Tamén a protección de artistas é parte do grande legado de Chamoso, que apoiou creadores coma Faílde, Prego, María Helena Gago ou Mon Vasco.
Grandes traballos
“A Catedral de Santiago e a de Tui son dúas intervencións moi importantes. Logo hai outras coma determinadas igrexas ou os proxectos de museos, que tamén son moi interesantes. Moitas veces, cando se fan escavacións arqueolóxicas ou se recuperan depósitos o problema é conseguir que iso se manteña cunha certa unidade. Chamoso Lamas era sensible a isto, como demostra aínda hoxe o Museo do Castro de Viladonga, que mantén vivo e amosa o que era este depósito. Tamén é importante o traslado de Portomarín, cando a construción do encoro de Belesar”. Neste proxecto, desenvolvido en colaboración co arquitecto Pons Sorolla, déronse, segundo recoñece Hueso “algunhas intervencións excesivamente creativas para a perspectiva actual”. No entanto “foi un modelo de actuación para conseguir salvar toda unha serie de pezas que doutro xeito terían quedado asolagadas polo encoro”.
A homenaxe
Hueso explica que a homenaxe que agora lle fai a Real Academia de Belas Artes ao que foi un dos seus membros máis destacados pretende “achegar unha oferta plural” encol da figura de Chamoso. “Por unha banda está a mostra que se pode ver no Concello da Coruña”. Pezas da Catedral de Santiago, do Museo de Santo Antón, restos arqueolóxicas e imaxes dos traballos que desenvolveu este especialista. “Logo está o ciclo de conferencias e mesas redondas, que comezou a semana pasada e que se desenvolve cada xoves. A primeira sobre arquitectura, e seguirán dúas mesas redondas sobre museos e outra centrada tamén na arqueoloxía”. Como terceiro elemento da homenaxe, a Academia publica un libro que recupera unha serie de artigos inéditos ou xa antigos de Chamoso. “Hai artigos do ano 34 e da posguerra, que en moitos casos non se podían atopar. Pensamos que é interesante poder lelos na actualidade, xa que achegan dúbidas e reflexións interesantes. Tamén hai textos inéditos que custodiaba a familia, coma un sobre a paisaxe na historia da arte que sae agora por primeira vez”.





