Primeira novela desta nova autora, cuxa idea inicial do relato resultou gañadora do singular certame Biblos-Pazos de Galicia na súa primeira edición. Esta orixinal obra, resultante dun proceso de escritura titorizado por Méndez Ferrín, é unha novela de aprendizaxe, sinxela, que narra a viaxe iniciática da protagonista, Xiana, á terra dos seus devanceiros, Santo Andrés de Teixido.
3 / 4 / 2006
María Liñeira. OxfordCoa novela “Meniña de cristal” (2005) da autora novel e novísima Iria López Teijeiro (Fene, 1981) a Editorial Biblos Clube de Lectores inaugura o I Premio Biblos-Pazos de Galicia para autores menores de vinte e cinco anos. Ergo, outra vaca no millo.
Dunha peculiar raza de vaca
Porén, os responsábeis do proxecto souberon ver a necesidade de ofrecer algo distinto, para ser quen de se singularizar no homoxéneo mundo dos premios literarios. Primeiro, nace destinado á mocidade. Segundo, abre as portas da literatura galega aos sectores máis novos das comunidades galegas do exterior, que habelas hainas, ao non esixir ser galego por lugar de nacemento. Terceiro, prémiase unha obra “working in progress”. Cuarto, o atípico e abondoso premio: unha escultura, “a estadía dun mes, incluída a manutención, nun dos establecementos de Pazos de Galicia”, un ordenador portátil, “a tutela dun escritor de renome”, “a publicación do libro en galego na colección Mandaio” e “a tradución da novela ao castelán de cara a unha edición destinada aos clientes non galegos de Pazos de Galicia.” E finalmente, o seu complicado sistema de selección: os autores dos cinco proxectos finalistas teñen un mes para presentar a súa novela “no estado máis avanzado posible” cunha extensión máxima de 150 folios, de onde sairá o gañador, que aproveitará a estadía no pazo correspondente no mes de outubro, e terá que ter o libro rematado a finais de ano.
Quen moito enfeixa pouco ata
O proxecto Biblos Clube de Lectores é moi ambicioso, e non o é menos o seu premio. Vese ben que quixeron coidar ata do máis mínimo detalle. Dende os titores escollidos, autores canonizados e co rizón firmemente ancorado na literatura nacional (Ferrín acompañou a Iria López, e Darío Xohán Cabana fará o mesmo co gañador da edición do 2006); ata as datas das sucesivas fases do concurso, arteira e simbolicamente escollidas: unha semana antes do Día das Letras Galegas e outra antes do Día da Patria Galega. Por todo isto sorprende tanto o produto final. Deixando xa de lado a discutíbel estética da colección, a revisión lingüística pasou por alto erros que afean moito o texto (pronomes fóra de sitio, calcos lingüísticos, castelanismos, etc.) e ao labor de edición escapáronselle grallas imperdoábeis, como a continua confusión entre os nomes dos dous irmáns López Castro. Prodúceme inquietude pensar que probabelmente un libro coma este vai ser o único que un turista de Cáceres ou de Huesca chegue a coñecer da literatura galega. Un pouco máis de traballo e atención faría a diferenza entre un proxecto comercial apresurado e unha iniciativa cultural normalizadora ben feita.
Da fermosa fraxilidade do cristal
Porén Iria López Teijeiro venceu todas as dificultades que supuña presentarse a este premio escribindo unha orixinal novela. O pazo onde ela coceu o seu libro, a Casa Grande do Bachao (Santiago de Compostela); a súa escultura, de Luís Loureira, e o seu titor, Sir Xosé Luís Méndez Ferrín. “Meniña de cristal” é unha novela de aprendizaxe sinxela que narra a viaxe iniciática da protagonista, Xiana, á terra dos seus devanceiros, Santo Andrés de Teixido. A misteriosa chamada do médico da avoa dálle unha escusa para tomar unhas pequenas vacacións da súa vida gris. Na aldea reatópase cunha muller vella e asustada á espera da morte, e cunha curmá solteirona de mediana idade. A esta historia marco engádese unha outra trama, con maiores pretensións psicolóxicas e históricas. Que perturba á avoa? Que significan os estraños símbolos das contras do seu cuarto? Quen era Nicolau? Esta historia, ambientada nos anos 20 e 30, trae consigo o arrecendo da loita obreira, do anticlericalismo e dun amor imposíbel. “Meniña de cristal” parte dunha idea orixinal e cativadora, mágoa que o resultado sexa tan escuálido. As motivacións das personaxes quedan excesivamente diluídas. A complicada relación familiar entre Xiana e a familia de seu pai é un dos motores da acción, insinúanse as causas pero ficamos sen sabelas. O mesmo podemos dicir das difíciles relacións entre os irmáns Lois e Xaquín, e Benigno e Manoel. Por non falar da militancia na loita obreira de Nicolau, os símbolos das contras, ou un final aberto que moito promete pero de sutil fica en ganduxo aéreo. Paréceme que este é un deses casos onde o premio, con tantas présas, lle fixo un fraco favor á gañadora. Espero que Iria López decida seguir contándonos historias porque a lectora que eu son ten aínda tanta curiosidade que estaría agradecida se puidese ler a nova versión que esta novela, dende logo, merece.