Puntuación: 2.2/5 (60 votos)
A mediados do verán, Xiana marcha da súa cidade compostelá cara un pobo norteño, un universo novo e descoñecido onde a vida leva un ritmo propio. A comezos do outono, deixei o meu pobo norteño para viaxar ata a Casa Grande do Bachao, preto de Compostela, e a vida comezou a andar ao seu propio ritmo. Tiña entón unha maleta chea de papeis desordeados, dos bosquexos de seres inexistentes, dun feixe de boas intencións, un frasco de ilusións sempre renovadas e a absoluta certeza de que aos 24 anos é máis ca improbábel que algo así suceda.
Pero sucedeu. E alí estaba eu, sen acabar de crelo aínda, nun deses fantásticos lugares onde as pedras saben máis ca un mesmo porque xa o viron todo, cun escritor que semellaba estar de volta mentres eu aínda andaba perdida no camiño. É complexo describir o acontecido neste último mes no que me vin mergullada nun mar de palabras, de tal xeito que ata eu mesma tiven o senso de mudar ás veces en obxecto abstracto.
Se procuro lembrar, sinto máis dor que ledicia –ninguén dixo que esta fose tarea sinxela-, e a amargura de ter esvaecido do mundo durante un mes enteiro para cederllo a uns seres que deixaron de ser alleos. Pero pagou a pena. E o certo é que este mes nunca será meu, senón deles: de Xiana, de Lois, de María, de Xaquín… Dos personaxes que foron tomando forma á marxe da que se supuña era a súa creadora e que, nalgún intre aínda indefinido, deixaron de me pertencer. Poida que no instante no que Ferrín –ao que eles mesmos deberían dar en chamar padriño- falou deles fóra do meu maxín e eu aprendín a escoitalos, a sentir á fin que eran ceibes, incluso un chisco reais. Pequei de soberbia ao crer que sería quen de lles dar forma. De feito, penso ás veces que eles me deron forma a min, e hoxe, na maleta coa que torno desta peculiar viaxe, xa case non levo nada porque eles quedaron con todo; apenas un feixe de boas intencións, un frasquiño de ilusións sempre renovadas –diso nunca falta- e a certeza de que, de cando en cando, por non dicir as máis das veces, a realidade supera á ficción.
[Presentación da autora]