Novela na que a autora propón a procura do pai como eixo do problemático tránsito da adolescencia á madurez. Unha narración onde o conflito político vasco funciona como fondo, sobre a procura complexa das identidades individuais e colectivas.
28 / 11 / 2005
Isabel Soto. SantiagoNa súa considerable andaina como escritora en lingua galega, tanto de literatura dirixida ao público infantil e xuvenil coma ao adulto, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) ten acadado numerosos premios e tamén o recoñecemento dos lectores a unha obra de calidade. A súa poética narrativa adoita indagar nos mundos fantásticos, aínda que en ocasións se decante polas incursións no realismo. Nesta liña cómpre situar a súa última entrega, “Rúa Carbón”, na que de novo se introduce na psicoloxía dunha adolescente no tránsito á madurez, un proceso que coincide no tempo coa revelación dun segredo familiar que muda a súa vida e que ten como escenario o conflito que se viviu e se vive no País Vasco.
Paula vai facer dezasete anos e antes de que marche de vacacións a Euskadi súa nai decide acabar de vez coa versión difundida desde a infancia a respecto do pai morto. O certo é que seu pai foi militante de ETA e morreu mentres colocaba unha bomba. Paula, malia rexeitar inicialmente a verdade, malia a súa negativa a querer saber e comprender, sofre a ruptura do seu mundo afectivo. Até daquela sentíase segura, a pesar das peculiaridades da súa familia: tres avoas, un pai adoptivo, unha “media irmá” e a omnipresente foto na súa vida dese “pai novo”, a imaxe dun descoñecido que suxería miles de historias posibles, todas elas froito do descoñecemento e da imaxinación.
A viaxe a Donosti supón o comezo da procura, case sen pretendelo, da verdadeira identidade dese pai do que nada sabe e, ao tempo, do cambio de Paula cara á afirmación dunha personalidade propia. Nese difícil camiño será fundamental a lectura do diario da nai, crónica dos anos de militancia política clandestina e elemento metaliterario fundamental para coñecer o ocorrido; a versión do camarada do pai; ou o relato cargado de subxectividade da avoa Edurne. Mais tamén será decisivo o coñecemento doutras fontes que fornecen datos do presente dunha sociedade na que funciona a metáfora do sangue, que percorre habilmente a narración, e na que o medo e a incomprensión mutua están presentes acotío. A contextualización dos feitos máis actuais conséguese ademais cos textos xornalísticos que se insiren no relato, sen valoración adicional ningunha, e tamén grazas á relación con Martín e á súa máis que probable colaboración coa kale borroka. Pai heroe, pai asasino, pai engaiolante e afeccionado á música, pai loitador pola liberdade dun pobo… Paula ten a oportunidade de elixir o seu lugar, tras escoitar todas as voces e analizar o que ve ao seu redor. E así o fará, unha vez superado o medo a medrar e a decidir por si mesma e tamén a confusión que nace ao revivir, e quizais reproducir sen querelo, a historia de amor de seus pais.
Recoñécense na narración trazos recorrentes na obra de Marilar Aleixandre, tales como a ansia de superación persoal da protagonista, o proceso de madurez e autoafirmación, a viaxe á realidade pasada e presente do País Vasco como desencadeante. Tamén está presente a habitual intertextualidade interna á que Aleixandre adoita recorrer nas súas obras en diferentes graos; nesta ocasión, co conto “Basilisa, a princesa sapiño” (2001), cuxos elementos funcionan como punto de apoio para Paula á hora de expresar sensacións e desexos e, como non, as referencias musicais, neste caso capitaneadas polos Enemigos.
Trátase dunha novela que sorprende no panorama actual da LIX en tanto se achega a unha temática de estrita actualidade e contén aspectos que favorecen a identificación do lectorado xuvenil e a súa reflexión sobre feitos que ocorren na sociedade que lles tocou vivir. Tal vez eles poidan ter nas súas mans a clave para que haxa esa segunda oportunidade coa que remata o texto.