Paula ten tres avoas, dúas en Donostia e a outra en Vigo. A punto de cumprir os dezasete anos, Maite, a súa nai, contaralle que Iñaki, o seu pai biolóxico, foi coma ela mesma, militante de ETA político-militar e morreu, antes que Paula nacera, cando colocaba un coche bomba. O desvelamento deste segredo e as vacacións que pasará en Euskadi na casa das avoas Edurne e Nekane provocarán na vida de Paula unha conmoción tremenda e un nó moi difícil de desennovelar. Velaí o comezo da trama argumental de Rúa Carbón, a novela na que Marilar Aleixandre propón a procura do pai como eixo do problemático tránsito dunha adolescente á madurez. Unha narración valente, onde o conflito político vasco funciona como teón de fondo, sobre a procura complexa das identidades individuais e colectivas. [Presentación editorial]