O Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia, proxecto promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Ministerio de Educación y Cultura, é un conxunto de información bibliográfica que reúne tódolos impresos, tanto españois coma estranxeiros, que están depositados nas bibliotecas públicas e privadas de toda Galicia.
7 / 1 / 2002
Xavier Agenjo.Santiago
Un dos subconxuntos de información máis interesantes que pode proporciona-lo Catálogo Colectivo é o da bibliografía nacional retrospectiva. Entendéndoo así, a Xunta de Galicia publicou na súa colección Bibliofilia de Galicia dous tomos que recollen a producción bibliográfica galega ó longo do século XIX. A obra vai precedida dun longo estudio do coordinador do Catálogo Colectivo e, asemade, promotor de Bibliofilia de Galicia na que publicou numerosos estudios introductorios a clásicos da bibliografía galega, facsímiles de impresores galegos rarísimos e recompilacións de artigos sobre a imprenta de Galicia.
A partir da análise dos máis de 6.000 rexistros bibliográficos que recolle “A imprenta en Galicia: século XIX" lévase a cabo unha disección de tódolos aspectos que conflúen no estudio da bibliografía, da socioloxía da lectura, da historia da imprenta. Gracias a esta publicación, as afirmacións que se levan a cabo sobre a producción impresa en Galicia no século XIX están baseadas en feitos comprobables e, polo tanto, as conclusións teñen un alto grao de fiabilidade. Dende logo, é posible que no futuro continúen aparecendo novas edicións de libros impresos en Galicia no século XIX, pero sen dúbida a masa crítica que achega este repertorio bibliográfico é xa indubidable.
"A imprenta en Galicia" presenta, ademais do estudio introductorio comentado anteriormente, un amplísimo conxunto de índices obtidos a partir da codificación informática das distintas áreas da descrición bibliográfica e revisadas e contrastadas con todo o aparato crítico que existe sobre a bibliografía galega (e que nunha parte xa considerable se reproduciu na citada colección Bibliofilia de Galicia).
Os dous tomos van acompañados dunha importante serie de ilustracións que, xunto ós citados índices onomástico, de títulos, de impresores e editores por orde alfabética e de impresores e editores por orde topográfica completan un considerable acervo de indización.
O Catálogo Colectivo realizouse a partir da descrición dos fondos de 39 bibliotecas, as máis ricas en fondo bibliográfico patrimonial de Galicia, o que dá idea de ata que punto o proxecto do Catálogo Colectivo se imbricou en toda a realidade bibliográfica española. Por último cabe recordar que o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico galego pode consultarse na páxina web do Ministerio de Cultura dedicada ao Catálogo Colectivo del Patrimonio Bibliográfico Español e de forma individualizada na base de datos Nós.