Última entrega de Gustavo Pernas, unha das voces imprescindíbeis da escrita teatral contemporánea. Sempre atento ao pulso da sociedade actual, cos seus debates e as súas reflexións, Pernas amosa unha vez máis o seu espírito crítico cuns textos que procuran un diálogo directo co mundo real a través dunha ficción que non foxe da teatralidade, que procura ás claras certo distanciamento a través do humor e a través do absurdo que, sen dúbida, reivindica unha actitude activa.
12 / 4 / 2005
Inma López Silva. Santiago
O medio editorial galego, sempre errático no que respecta ao teatro, vén de ofrecernos, desde Laiovento, a última entrega de Gustavo Pernas, un libro no que se recollen dúas obras súas, “Paso de cebra” e “Sucesos”, que xa foron debidamente montadas pola súa compañía Ancora Producións, e que ven agora a luz en soporte de papel. E dicimos que o medio é “errático” porque a publicación de teatro adoita reducirse a unhas poucas editoras abondo heroicas (Laiovento entre elas) mais sen responder ás claras a unha verdadeira planificación: a carón dun texto recente (de feito, aínda visíbel coma espectáculo) como é Paso de cebra, aparece un conxunto de obriñas que foron estreadas hai case un lustro e escritas, nalgún caso, hai moito máis. Rómpese así, no caso de Sucesos, a posíbel relación e mutua incidencia que debería haber entre o medio editorial e o medio teatral.
Independentemente destas disquisicións sistémicas, o certo é que estamos perante o último libro dunha das voces imprescindíbeis da escrita teatral contemporánea. Sempre atento ao pulso da sociedade actual, cos seus debates e as súas reflexións, Gustavo Pernas amosa unha vez máis o seu espírito crítico cuns textos que procuran un diálogo directo co mundo real a través dunha ficción que non foxe da teatralidade, que procura ás claras certo distanciamento a través do humor e a través do absurdo que, sen dúbida, reivindica unha actitude activa do lector-espectador. Pois, falamos realmente de lector cando estes textos, na súa versión editorial, son probabelmente o produto da rodaxe das obras perante un público en directo? Ou podemos falar de espectador se nos atopamos perante un libro que chama pola lectura demorada e íntima da palabra escrita?
Comedia incómoda
Paso de cebra é unha obra que transcende os límites da comedia para achegarse a certos parámetros do absurdo presentes nun encerro (ao ar libre) que, se ben lembra en ocasións ao Beckett de “A esperar por Godot”, tamén posúe reminiscencias nunha obra de Sartre que retrata coma ningunha a angustia da fechazón: “A porta fechada”. En plena rúa, tamén os personaxes de Paso de cebra se ven paralizados por unhas normas de circulación e comportamento urbano que mudan en aras do libre albedrío dos que mandan, amosando así que baixo a fórmula aparentemente “light” dunha comedia urbana, se agacha unha reflexión sobre o poder. Paso de cebra é, así, simpática, pero tamén inquietante, incómoda, angustiosa no que ten de inexplicábel e incómoda a situación que Gustavo Pernas desenvolve empregando o ton e o xénero que máis domina: a parábola en ton de comedia e absurdo sobre as ansias da liberdade.
Sucesos está formado por varias comedias breves: Ruínas, A vella sensación do prohibido, Branco e negro, ¡Ai, que sería de nós sen os obreiros! e Dando voltas. Nas propias palabras do autor (ou do libro que fala nun monólogo a xeito de prólogo) son obras que insisten na afección do autor “ás néboas, ás paisaxes borrosas e a lugares indefinidos, ambiguos […] na fronteira do se é ou non é, en espazos de tránsito ou de espera.” O tránsito amósase así en personaxes que corren ou foxen de algo, en turistas que simplemente observan un mundo outro mentres o diálogo é incomunicante, en parellas no monte celebrando as vodas de prata dubidando da memoria cun colchón, que choran e falan ante a morte cun sobrecolledor humor negro, ou dúas vellas que, desde a rúa, xogan a pensión a que os obreiros da construción caen dos andamios e se matan.
Tanto en Paso de cebra como en Sucesos, Gustavo Pernas trata teatralmente temas de actualidade: a discriminación, a tolerancia, o paso do tempo, a agresividade e as convencións. De feito, dos seis personaxes de Paso de cebra (como na obra de Pirandello), ningún permanece no ámbito exclusivo da tenrura. Tamén nas distintas pezas de Sucesos, todos ocultan algo, todos se enfadan por algo, todos viven nunha sociedade baseada na autodefensa e na incomprensión cara ao outro, nas falsas aparencias, no individualismo, na procura do éxito e no maltrato. Efectivamente, quizais sexa a agresividade, dun xeito ou doutro, o elemento subxacente a tódolos personaxes e que, de certo, dá lugar paradoxicamente ao sentido do humor co que Gustavo Pernas, lúcido, nos obriga a reflexionar sobre o mundo e o teatro.