Comedia que obtivo o premio Álvaro Cunqueiro 2003, desenvólvese no seo da redacción do semanario satírico bonaerense Don Quijote, entre os anos 1890 e 1895, período politicamente convulso na Arxentina. A obra trata a cuestión das liberdades e da revolución desde unha perspectiva non presente no repertorio galego: o xornalismo da sátira política, o mundo dos debuxantes e caricaturistas daquela época.
20 / 12 / 2004
Inma López Silva.Santiago
O premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais na súa edición de 2003 foi outorgado ao coñecido debuxante e xornalista Siro López, que debuta así no xénero dramático. Estamos, polo tanto, e unha vez máis, perante unha actuación en positivo do premio sobre a nómina de autores e sobre o repertorio do teatro galego, dando lugar á novidade ou, simplemente, servindo coma espazo de publicación e promoción a autores aos que non queda practicamente ningunha outra vía para a edición e a promoción teatral.
O certo é que algo de novidade ten este “Hai que confiar na esperanza”, peza encadrábel no xénero histórico (ambiéntase no Bos Aires dos anos 90 do século XIX) que trata a cuestión das liberdades e da revolución desde unha perspectiva non presente no repertorio galego: o xornalismo da sátira política, o mundo dos debuxantes e caricaturistas daquela época. Efectivamente, os personaxes de “Hai que confiar na esperanza”, baseados na súa maior parte en seres reais históricos dos feitos que Siro López recrea, son os membros da redacción do xornal arxentino “Don Quijote”, esencial para comprender a aceptación social das revoltas contra o xeneral Roca, gobernante (a miúdo na sombra) da convulsa historia de Arxentina nesas dúas décadas finais do XIX.
De feito, a redacción dun xornal é un ámbito altamente aproveitábel desde o punto de vista teatral, coma espazo fechado fortemente relacionado cun exterior que a miúdo simplemente semella un escenario de referencia. Xa o amosou José Saramago con A noite, obra que tamén, desde a sede dun xornal, relata os acontecementos dun momento revolucionario, mais condensados na noite da Revolución dos Cravos. Siro López tamén emprega o xornal e tamén utiliza personaxes altamente produtivos no nivel simbólico e ideolóxico, pero na súa obra o tempo fica diluído nos anos, coma se “Hai que confiar na esperanza” pretendese demostrar que as vidas se constrúen de momentos moi concretos que todo o condicionan, momentos, días que se remarcan a través do emprego do calendario na escena.
Porén, tamén é no tratamento do tempo onde detectamos algúns desaxustes con escenas ben delongadas fronte a outras precipitadas, nas que as cousas semellan suceder de repente, sen maiores causas e con efectos diluídos... Contrasta, polo tanto, a primeira escena, cun diálogo calmo, no que os personaxes, caracterizados a través da conversa, mesmo se perden no banal, fronte ás demais escenas, nas que practicamente se amosa só o que é imprescindíbel para a lóxica interna da acción dramática.
Esta obra de Siro López amosa unha forte conciencia da posta en escena por parte do autor. As acoutacións son detalladas ata o extremo de describir ata o detalle non só o espazo escénico, senón tamén a forma en que se desenvolverían os movementos, os xestos, a propia acción sobre o escenario. Siro López consegue non que imaxinemos unha acción, senón que imaxinemos unha posta en escena, o espectáculo posíbel que está presente en “Hai que confiar na esperanza”.
O premio Álvaro Cunqueiro, unha vez máis, cumpre unha función importante dos premios: sorprender, dar a coñecer voces para o teatro. Quizais só Siro López podería escribir unha obra coma esta, na que en todo momento apreciamos a súa man de debuxante, máis alá do tema, na propia descrición e caracterización duns personaxes que, sen dúbida, poderían aparecer pintados ou debuxados nalgún dos espazos en prensa cos que Siro nos fai gozar.