No ano 2001 cumpríronse vintecinco anos da morte do escritor ourensán e a narrativa de Otero Pedrayo é máis ca nunca, un documento único para analizar a figura do fidalgo e a adaptación deste estamento ao cambio social que se deu en Galicia a finais do século XIX.
Santiago.Redacción
Otero, fidalgo el mesmo, retratou a visión do mundo deste grupo nalgunhas das súas obras máis recoñecidas. A autobiográfica "Arredor de si" ou "Os camiños da vida" amosan a reacción dos mozos fidalgos Adrián Solovío e Paio Soutelo ante o derrubamento dun mundo de pazos e trabucos ante a chegada do progreso. Para Otero, é ben sabido, a fidalguía non debía morrer, e estaba capacitada para evolucionar e transformarse na cabeza da redención de Galicia. Sería así unha clase ilustrada, vencellada á terra e ao xeito tradicional de vida que vertebraría unha Galicia autónoma.
Neste texto de “O fidalgo” Otero preséntanos en seis escenas a evolución dunha familia fidalga desde 1835 ata a fin do século e a morte do representante da caste, reducido a funcionario e saudoso dos vellos tempos dos pazos. Estamos ante un relato por escenas, no que se nos presentan intres concretos narrados en tempo presente a explícansenos as razóns e antecedentes dos personaxes e situacións. Deste xeito vaise formando un mosaico no que o lector une as pezas ata formar unha historia da que só se nos presenta unha breve escena de cada década. Nesta narración obsérvase perfectamente o estilo barroco de Pedraio, que se volta nostálxico ao falar do vello tempo dos pazos e acada evocar perfectamente os ambientes nos que se desenvolve a acción.