Manuel Antonio é unha representación perfecta da renovación nos contidos en nos estilos. Na súa etapa de estudiante en Santiago nace o seu compromiso coa cultura e a realidade. O seu talante é o dun aventureiro, é un poeta vangardista que se inxire nas correntes literarias europeas da estética creacionista, con elementos do dadaísmo.
0 / 0 / 0
Santiago. Redacción
No manifesto Máis alá (1922), escrito con Álvaro Cebreiro reflicte a súa vontade de ruptura e renovación. Oponse con forza neste escrito á tiranía das formas tradicionais, "Mentres eles, cinguidos ó pasado, seguen cincelando estatuas feitas, fagamos nós, coas nosas inquedanzas, unha nova figura, grotesca quizais pero nova ó fin, para retábulo dos tempos." O poeta fai unha defensa da innovación, por riba de todo Manuel Antonio rexeita comportamentos que, por basearse no pasado, impiden o avance, "Hai os galegos capacitados para vivir hoxe que, por rutina, seguen ollando para atrás. Porque agardamos a súa conversión, só queremos dicirlles que xa é hora."
En Máis alá amósase con toda a súa rebeldía a negación das normas estéticas establecidas, e o rexeitamento da titorización dos vellos consagrados na creación artística, "Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos."
Remata o manifesto Máis alá, cunha chamada que quere espertar as inquedanzas da mocidade. Manuel Antonio reclama unha actitude de rebeldía e ruptura contra calquera tipo de acomodamento inmobilista, "Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir. Se queredes liberarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes adornarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos. Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha pelegrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!"