Xavier Queipo descóbrenos esta recente edición de contos de Ánxel Fole, Contos de Mesopotamia, a cargo da editorial Chan da Pólvora coa que el mesmo fau un retorno á súa memoria de Fole e a súa escrita coloquial pero chea de "riqueza léxica". Os contos desta antoloxía están recollidos en "Terra brava", "A lus do candil", "Contos da néboa" e "Historias que ninguén cre", que constitúen parte importante da obra en galego de Fole.
15 / 9 / 2017
Xavier Queipo. Bruxelas
Este verán estou descubrindo unha editora que deu e dará moito que falar, pois, pólo que eu estou vendo (e lendo) edita pousada e reflexivamente. Entre os libros que chegaron ás miñas mans está este agasallo duplo dos
Contos de Mesopotamia de Ánxel Fole. Duplo, digo, pois foi agasallo de amigo (o que sempre é de agradecer) e porque me permitiu retornar á lectura de Fole, sempre interesante.
Eu lera a Ánxel Fole moitos anos atrás, na década dos setenta e oitenta do século XX cando entrei con abraio nas páxinas de "Terra brava" e "Á lus do candil", para verificar que o seu galego coloquial, escrito como aquel que fala era dunha riqueza léxica para min inabarcábel. Animoume Fole, así e todo, a procurar un galego ricaz e superar esa obsesión pola simplicidade que pexou (e pexa) a creación literaria dunha boa parte dos meus contemporáneos. A miña historia persoal, de afastamento crónico da terra, non dou para a práctica do galego oral senón en contadas ocasións e círculos pechados, mais o gusto pola linguaxe si que o conservo aínda e podería dicir que, en gran medida, iso ben da lectura de Fole e, por descontado, de Cunqueiro. Outros viñeron despois e outros virán que aumentaran a lista de referentes no sistema literario galego (e outros moitos foráneos), mais estes dous, salvante as distancias entre eles, foron para min e aínda son referencias indispensábeis e certas.
Levaba eu ben de tempo sen ler a Fole e sen coller o dicionario tantas veces por páxina. Velaquí que ese agora vello costume de anotar á marxe ou no pé da páxina o significado dalgunhas palabras ou frases feitas, regresou como por ensalmo. Aprendín (ou mellor dito re-aprendín) verbas que eu xa coñecía noutras versións, como pode ser o caso de "lacañadas" por "alancadas", ou de "moxenas" por "muxicas" ou aínda o de "liscas" por "lascas". Algunhas delas, extraídas da fala popular de seguro que aínda están vivas e outras (como moitas das verbas que fan referencia a traballos e trebellos que agora non se fan ou non se usan, quedarán engordiño no faiado dos xoguetes sen uso para se ir perdendo até que un día, se cadra reverdezan, coma os cómaros verdes).
Buligan no texto outras verbas gloriosas, que eu descoñecía ou das cales non tiña noticia certa, como "carrelo" (lombo), "membrelos" (marmelos), "tangaleirán" (grandón e de moita vitalidade), "estralampar" (estiñar) ou "sarego" (relanzo que forma a parte inferior dunha porta e que figuradamente ben se pode empregar para dar noticia do primeiro paso dun proceso), por pór só uns poucos casos (e non necesariamente os de maior abraio.
Os contos desta antoloxía están recollidos en "Terra brava", "A lus do candil", "Contos da néboa" e "Historias que ninguén cre", que constitúen parte importante da obra en galego de Fole (autor que tamén se prodigou en castelán, como moitos outros da súa xeración e as que lle precederan).
Ademais deste "retorno" consciente a Fole, xa de seu importante, chamou a miña atención como lector o introito de Claudio Rodríguez Fer e o Dicionario Xeográfico de Ánxel Fole da autoría de Francisco Albo e Antón Lopo. O primeiro pola súa devoción a quen escoitei que fora o noso candidato ao Nobel (1) , polo seu agarimo nas explicacións necesarias para contextualizar os textos que ano libro se presentan. O segundo pola variedade de rexistros que expande o concepto de xeografía para facer interesantes achegas nos eidos da historia, das ciencias naturais, do folclore ou da antropoloxía cultural.
Ende mais o libro está editado cun agarimo e cun coidado pouco frecuentes nas nosas edicións. O dito, un agasallo duplo (se cadra múltiple) e máis aínda a proba inequívoca de que se pode editar con agarimo e con coidado, con senso e con respecto. Se o len, pois, que o gocen como aderezo de gusto e se se resisten por calquera razón que invoquen ("eu só leo ensaio", ou "eu só leo poesía", ou aínda outra "eu só leo novelas") pois para que saiban o que se perden: un luxo.
(1)- Premio por certo que se resiste para as linguas minoritarias (por razóns obvias de ignorancia dos académicos suecos e de difusión dos autores destas linguas nas linguas máis estendidas, sempre unha lotería) Tamén hai outros premios que se resisten, estes pola sen razón daqules que consisten que o Cervantes ou o Princesa de Asturias estean reservados en exclusiva para o castelán.