Ramón Nicolás preséntanos a biografía de Celso Emilio Ferreiro cun novo punto de vista, o que leva a novas conclusións e novas formulacións ante a súa figura e ante un período da nosa historia que por recente non está estudado na intensidade desexada.
13 / 12 / 2012
Gustavo Hervella García. Santiago
Esta nova publicación da editorial Xerais no ámbito da biografía ven a completar a serie que de historias de vida de persoeiros da cultura galega está a editar desde tempo atrás.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro completa a visión que tiñamos do poeta celanovés; trátase dunha obra complementaria das que saíran á luz desde o mesmo intre do seu pasamento en agosto de 1979 e, sobre todo, tras serlle dedicado o Día das Letras Galegas de 1989. Entón cabe facernos a pregunta, ¿que aporta de novo este ensaio? En primeiro lugar, as fontes documentais nas que se fundamenta: as coleccións epistolares, as fontes orais e as propias obras literarias de Celso Emilio. Este último aspecto é un dos máis salientables, ao meu modo de ver, do traballo de Ramón Nicolás xa que a cada momento vital do biografiado — ben sexa público ou privado — lle corresponde un libro, un poemario, unha composición. Deste xeito, a obra intelectual convértese nunha das bases fundamentais do estudo que se nos presenta.
Como se fose un relato de ficción, todo comezou en Celanova o 5 de xaneiro de 1912. Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova, sétimo fillo de Venancio Ferreiro e Obdulia Míguez. Segue a narración coa descrición e contextualización da infancia e mocidade do protagonista: a escola, os amigos, os xogos e o espertar intelectual e político. Detense polo miúdo na acción pública durante a II República onde a fundación e significación coas Mocidades Galeguistas ocupan un lugar destacado no relato. A guerra e a ditadura marcaron, como a tantos da súa xeración, a súa vida. É a política un dos nexos — xunto á poesía — o que vertebra a vida de Celso Emilio. Pola política corre perigo tralo golpe de estado de xullo de 1936 e por ela se enrola no exército sublevado para salvar a vida — o que lle suporá a crítica e a condescendencia de moitos, nomeadamente Luís Seoane —. Tamén será o detonante das súas relacións persoais que en 1963 confluirán na fundación da UPG e logo, cinco anos despois a súa marcha a Venezuela fuxindo da censura e do ostracismo dos 25 Años de Paz. No país sudamericán foi recibido nun primeiro momento con honores por parte dunha sección da comunidade galega residente para, aos meses, enfrontarse a aqueles emigrantes socializados no franquismo que non comparten con el as críticas ao réxime: "Aínda conservo encadrado nun precioso marco, pendurado da parede do meu escritorio, a carta na que me comunicaron a expulsión da
Hermandad Gallega. Está asinada por un vigués, antigo membro voluntario das S.S. nazis, e por un celanovés de alcume Cagarrán", diralle a Víctor Freixanes en 1982.
O cambio de actitude por parte dos galegos residentes en América a respecto dos que emigraran antes da Guerra Civil foi tan radical que unha personalidade tan rotunda como a de Celso Emilio Ferreiro non o puido aturar e de feito, acabou por construír un universo de relacións persoais restritivo, deixando de lado incluso a personalidades coas que se relacionara en Galicia, caso de Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro ou Álvaro Cunqueiro: “Piñeiro, o metafísico, e Paco del Miedo, o burro mecánico, prefiren cen veces unha Galicia franquista, que unha Galicia socialista ou revolucionaria” e, ao tempo, contribuíron a selar unha amizade con outros, como amosan as comunicacións con Xesús Alonso Montero, Xosé Mª Álvarez Cáccamo ou Manuel María: “Por último, e tendo en conta a proximidade cronolóxica, por común alento vital mesmo ideolóxico, polas reviravoltas que a vida lles deparou aos dous, pola fidelidade inquebrantable dun noutro e ao contrario, teño para min non errar se considero que Xosé María Álvarez Cáccamo, en segunda instancia os seus irmáns e a familia dos Álvarez en xeral, foi o grande amigo de CEF durante moitos anos” (p. 521).
Trala experiencia do exilio, Celso Emilio Ferreiro e a súa familia deciden instalarse en Madrid. Razóns persoais e familiares son as que o levan a tomar esta decisión, aínda que deberon existir outras; non foi o único que decidiu vivir na capital de España e non en Galicia, tamén o fixeron Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela. ¿Sería que o ambiente intelectual e político galego era máis rancio que o madrileño? Con todo, a política seguiu a ter unha importancia destacada no seu periplo vital. Participa nos mitins e na candidatura do PSG: “Celso, nesta conxuntura, que non aceptara o PSG orixinal de Ramón Piñeiro, vai aceptar finalmente formar parte daquel novo PSG, e fará campaña nas eleccións de 1977; e candidatarase ao Senado como membro do PSG” (p. 466), para acabar nas listas do PSdeG-PSOE en 1979: “Creo que cometí un error al no aceptar la propuesta del PSOE, al que ahora pertenezco, […] Esto me ha valido el título de españolista y otros epítetos impuestos por los grupúsculos delirantes y utópicos que con su conducta insolidaria e irreal, no hacen más que favorecer a la derecha” (p. 475). A súa vida non deu para máis, e morre en Vigo o 31 de agosto de 1979.
Este proceso vital e sobre todo profesional é o que Ramón Nicolás nos relata no seu estudo. É por isto que a base documental empregada, a produción poética, adquire unha presenza referencial. Longa noite de pedra está escrita en 1962 porque non podía ser noutro momento trala loita contra a censura e a asfixia ao que o somete a ditadura, Viaxe ao país dos ananos en 1968, tralos problemas acontecidos cos sectores máis franquistas da Hermandad, ou con anterioridade Cartafol de poesía de 1935 onde as gañas de vivir e a xuventude son referenciais. Xunto a isto, o emprego das coleccións epistolares editadas e inéditas — onde Celso Emilio Ferreiro se expresou cunha sinceridade e valentía con amigos ou inimigos —, e onde ambos — receptor e remitente — reflexionaban sobre a vida, a política e a literatura. A este respecto, sobresaen diversas críticas, quizais pola importancia de determinadas institucións: o enfrontamento con Galaxia e os seus promotores — culminando coa ruptura de relacións con Fernández del Riego —, e a problemática derivada do seu traballo no Ateneo de Madrid tralas desafortunadas declaracións da súa directora contra as linguas minoritarias do Estado (p. 427-434). Tamén, e relacionado colateralmente con isto último, os ataques e desprestixio que desde o extremismo da UPG se lanzaron contra a súa persoa: “A Celso aplicóuselle unha lei, forte e grande, do silencio. Un grupo político que había aquí dedicouse non só a silencialo sinón tamén a desprestixialo politicamente de tódalas formas”, expresará Moraima, viúva do poeta. Estas motivacións, esgrimidas ante esta e outras actitudes por parte de Celso Emilio, tamén son expostas no presente volume non deixando nada ao azar nin á especulación.
Un dos momentos da vida pública de Celso Emilio Ferreiro que foi reproducido por aqueles que o atacaron en vida e incluso trala súa morte, constituíuno a súa participación na guerra civil nas ringleiras dos sublevados, acusación semellante á que se lle fai a Cunqueiro. Tal como se reflexiona na biografía ¿cabía facer outra cousa? ¿Era posible negarse? Tamén, a relación que mantivo con persoeiros cunha ideoloxía situada nas antípodas da súa como Camilo José Cela — véxase o panexírico realizado polo premio Nobel da páx. 604 —, María Victoria Fernández-España ou as colaboracións no ABC incluso durante o seu exilio.
O libro, escrito por un admirador do poeta — Ramón Nicolás é patrón da Fundación que leva o seu nome —, está redactado dun xeito orixinal, onde os canons do ensaio histórico — investigación, datos, período cronolóxico e fontes — están perfectamente utilizados, mais dun xeito especial xa que segue as pautas das investigacións realizadas na historia da literatura. Así, o autor refírese a si mesmo como “o biógrafo”, ou no que se refire aos saltos temáticos que levan, ás veces, a desprazamentos temporais na redacción. Isto está motivado, ao meu xuízo, pola dependencia fundamental das fontes literarias para a construción da biografía. E aquí radica unha das vantaxes do estudo, o emprego da produción poética e narrativa de Celso Emilio para a edificación do libro aporta unha visión pouco explotada tanto no caso concreto dos estudos que sobre o poeta existen, como tamén no xénero literario biográfico que nos últimos tempos enchen os andeis das nosas librerías. O estudo de períodos históricos é incompleto se non se ten en conta á literatura, a gastronomía, os costumes; é dicir, o que se cualifica como vida cotiá. La Regenta plasma á perfección unha cidade de provincias durante a Restauración, Electra a cultura do anticlericalismo, La velada de Benicarló a guerra civil ou Tiempo de Silencio o primeiro franquismo.