Con esta biografía de Manuel Murguía (1833-1923), primeiro presidente da Real Academia Galega e destacado representante do nacionalismo galego no século XIX, o historiador Barreiro Fernández, que tamén presidiu esa institución, pon nas mans dos lectores unha obra magna, case mil páxinas para recoller e transmitir o tempo vital de quen foi unha das figuras esenciais do galeguismo.
24 / 7 / 2012
Gustavo Hervella García.Santiago
A editorial Galaxia comeza coa biografía de Manuel Murguía unha nova colección que achegará aos lectores a vida e obra dos máis insignes persoeiros culturais e políticos de Galicia. Este primeiro traballo describe a figura de Manuel Martínez Murguía, xornalista, literato, ensaísta, bibliófilo, arquiveiro, presidente da Real Academia Galega e “descubridor” do esencialismo galego do pasado celta e romántico de Galicia; e, por riba, marido de Rosalía de Castro, da que creou un mito aínda hoxe perdurable e ao que se refire varias veces no libro o propio autor.
O texto está elaborado por Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, penúltimo presidente da Academia e, ao igual que o seu biografiado, erudito, bibliófilo e historiador insigne. Son preto de 1.000 páxinas onde se nos expón a árbore xenealóxica de Manuel M. Murguía e Rosalía de Castro —nalgunhas partes do estudo, semella unha biografía de ambos— desde a idade moderna até o falecemento da última da estirpe, dona Gala Martínez Castro xa na década de 1960.
A biografía está estruturada en trece capítulos e varios anexos documentais e gráficos. A narración abrangue desde a chegada da familia Murguía a Galicia —arribada esta enchida de misterio—, até a morte do patriarca e, entre ambos acontecementos, a descrición completa do periplo vital e profesional non só do propio Murguía, senón tamén da súa familia e de boa parte da intelectualidade galega da época. Así, nárrasenos o establecemento da familia Martínez-Murguía en Compostela, a infancia e a mocidade e as relacións cada vez máis tirantes co seu proxenitor, encirradas polo conservadorismo de Juan Martínez: “O pai de Murguía foi carlista activo e, por iso, pagou a pena de, polo menos, catro anos de confinamento”. Tamén se analiza a súa creación literaria e xornalística facendo fincapé nas achegas que realiza tanto en literatura como en ensaio e xornalismo, destacando, non obstante, nas dúas últimas especialidades.
Como non podía ser doutro xeito, en todo o estudo está presente a súa relación con Rosalía de Castro, tanto na faceta persoal como profesional e mítica. Sinala Barreiro Fernández que foi o propio Murguía un dos “inventores” do mito rosaliano, “construíu unha interpretación canónica da vida da súa muller”. Ambos van cultivando unha imaxe precisa e idealizada de Galicia, a través dos seus escritos, da súa forma de vida e as relacións que se establecen con outros intelectuais do momento. O que se nos mostra da actividade cultural do matrimonio e en especial do propio Murguía, é unha construción de Galicia, onde cada paso que se deu, cada chanzo que se asentou estaba premeditado e sopesado. Cando os Murguía-Castro viaxaron e se estableceron en Madrid, colaboraron en xornais e revistas e publican poemarios, semella que se está a cumprir un plan premeditado, ou así se nos relata: “
Cantares Gallegos encaixa perfectamente no proxecto de rexeneración da poética galega deseñado por Murguía desde 1856”. Desde xeito, Murguía preséntasenos como o arquitecto de Galicia como nacionalidade, e o seu carácter mesiánico case o converte nun profeta que ten a súa caída do cabalo en 1846 cos fusilamentos de Carral. A súa influencia na intelectualidade decimonónica galega é destacada, pero aínda o é máis na posterior. Porque si en algo se fai notar a pegada de súa filosofía non é tanto no intre en que a fai pública, onde tivo admiradores pero tamén detractores, senón nos últimos anos da súa vida e, sobre todo, trala súa morte. Murguía foi elevado aos altares da patria pola xeración das Irmandades da fala na década de 1910 e 1920, de tal modo que moitos dos mitos por el establecidos —lingua, raza, celtismo ou o carácter nacional galego fronte ao castelán— son os que empregará Risco, Dieste e Castelao anos despois; en palabras de Barreiro Fernández: “Con Murguía, a teorización da identidade galega experimenta un salto cualitativo. Podemos asegurar que foi Murguía o creador do discurso teórico de Galicia-nación, que nucleará a ideoloxía galeguista durante o s. XIX e XX”. A idea de nación en Murguía non difería da común no século XIX, onde o romanticismo e o
volk xunto a historia e a raza constituían o cerne dun discurso onde se mesturaban elementos organicistas e do nacionalismo liberal. O que pretendeu ao longo da súa vida foi que esta caracterización exclusiva da nación galega se asentase entre a intelectualidade e, sobre todo, entre o pobo, que desde o agro e o mar conformaban o espiñazo de Galicia.
Un estudo como o que aquí presentamos, centrado nunha figura histórica de primeiro orde sérvenos, tamén, para comprender o devir do territorio, da cidadanía; neste caso a historia da Galicia contemporánea e, paralelamente, de España. Deste xeito, adiviñamos como foi a construción do estado liberal, quen a protagonizou —destacando neste sentido persoeiros como Montero Ríos ou Gabino Bugallal— e en que quedou; que significaba ser progresista ou conservador, rexionalista ou españolista, monárquico ou republicano; que importancia tivo a emigración a América —esencial na vida de Murguía—, a feble industrialización de Galicia, o foro e a propiedade da terra ou o atraso das comunicacións. Todos estes temas son tratados en artigos de opinión e ensaios por Murguía, o que é, de facto, unha fonte documental de primeira man para calquera estudo histórico deste período.
A biografía está elaborada cunha visión particular por parte de Barreiro Fernández, amosando unha faciana de Murguía bastante descoñecida. Incide en aspectos obxectivos e subxectivos da súa personalidade, deduce aptitudes atendendo aos escritos públicos —xa que os privados son practicamente inexistentes— e, en múltiples ocasións a súa figura non sae moi ben parada; así sobre o seu carácter afirma: “....dende que chegara á madurez era incapaz de someterse ao ditame dos demais porque cría que a todos superaba en perspicacia e cultura”, ou cando en referencia á súa relación co outro grande protagonista do rexionalismo galego, Alfredo Brañas, di del: “Murguía non tivo nunca a grandeza de dedicarlle un artigo necrolóxico a quen loitara a carón seu tantos anos”. Aínda así, esta é unha biografía laudatoria que coloca á súa figura no centro da construción nacional de Galicia, sendo descrito como o “homiño” que soportaba sobre o “lombo a historia do país”.
Cos datos que se achegan, coa revisión bibliográfica e documental que se manexa, e coa recompilación final, Xosé Ramón Barreiro vén de escribir máis que unha biografía de Manuel Martínez Murguía, unha “enciclopedia murguiana” onde non só se nos explica o devir intelectual do persoeiro biografiado, senón que, colateralmente, a historia dos homes, mulleres, institucións e movementos sociais e políticos cos que el tivo nalgún intre certa relación: Montero Ríos ou Linares Rivas; Rosalía de Castro ou Pardo Bazán; Real Academia Galega ou Centro Gallego da Habana; emigración ou caciquismo; rexionalismo ou liberalismo son persoeiros, termos e procesos históricos que van aparecendo no relato e que nos axudan a entender a personalidade dun home que, semella, estaba destinado a ser o profeta da galeguidade.