Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.
27 / 11 / 2012
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra.
“A India populosa era un bazar inmenso, un turbillón de perturbar recordos, de sobordar de golpe todos os sentidos” (59).
Cal a India, esta novela. Escrita cos vimbios cos que se lles dá forma aos soños (eses, os soños que Cunqueiro aconsellaba beber como auga), os aromas, sabores, texturas, sons e imaxes desta novela rebordan a cunca da imaxinación das lectoras e lectores, porque non é habitual experimentar tantas sensacións cunha soa lectura. Ás veces magnifícanse aínda esas sensacións co recurso á sinestesia: “E mira que non habería en Benarés recendos por milleiros... Sutís, evanescentes, densos, para estrullalos coas mans” (63). Hai espazos apenas bosquexados dos que quedamos con ansia de saber máis (as illas das Ortigas, a India, Marencia), e logo está Moreira, como epicentro da fabulación toda, onde proliferan as cousas marabillosas e os personaxes curiosos e entrañables. Tanto é así que nos gustaría moitísimo ter un álbum ilustrado desta vila como agasallo para os sentidos, do mesmo xeito en que o é, xa, o propio tecido de palabras que aquí se nos ofrece; e é que a Moreira, igual que á selva de Esmelle, mellor que dicila fora pintala. Lectura recomendable para todas e todos aqueles aos que lles guste a fantasía e para quen non lle asuste redescubrir a lingua propia nas vagas de palabras pouco usuais que arroupan ese mundo imaxinario.
Comeza a historia cando se anuncia o inminente retorno de Amir e Oriana Alfarat, que marcharan anos antes sen se despediren nin dar explicacións a ninguén, cara á India, terra da súa orixe. Co seu regreso ponse en movemento a maquinaria fantástica da vida na vila, e os mesmos veciños que anos antes decretaran en acto oficial presidido polo alcalde a abolición da ditadura das divisións horarias, fan cola diante da reloxería dos Oliveira para comprar cadanseu reloxo e saber exactamente cando serán as 6 da tarde do día da chegada. Uxío, o reloxeiro, recibe todas as noites a visita da súa avoa defunta, Aurora, quen non pode descansar en paz por non saber do home, desaparecido anos antes entre os campos de xirasoles brancos que rodean Moreira, na mesma noite da súa reconciliación logo de seis meses sen se falaren. Estes, coma todos os demais personaxes da novela, non posúen unha profundidade psicolóxica, pero quedan redondeados coas vivencias que levan ás costas, coma protagonistas, que o son, de cadansúa microhistoria.
Moreira é coma un calidoscopio que movemos ao pasar as páxinas, chea de historias de amor pasadas e presentes, de lendas e de pequenos segredos por todos sabidos (ou non). A súa praza principal, a dos Pradairos, está presidida por un anxo de bronce que sostén unha laranxa, e en torno a ela sitúanse, en prodixioso carrusel, o estanco de Amalia Molina, o concello, a reloxería dos Oliveira. A atemporalidade máis absoluta preside este espazo de conto que, paradoxalmente, supón tamén unha mostra de cómo o Tempo nutre e desnutre as vidas destes personaxes por máis que traten de esquivalo; así, no propio nome da cidade da que proceden os reloxos dos Oliveira, a Cidade Oxidada de Marencia.
Xa que logo, as imaxes do particular calidoscopio de Moreira, o seu recendo a cítricos, a sombra do Tempo que parece ter fuxido de alí, a fermosura da fabulación desbordante e todas esas percepcións para os sentidos danzan entre as páxinas ata transportarnos a outro mundo marabilloso do que non queremos saír. Tamén a lingua na que está escrita a novela é unha lingua traballada, con palabras moitas veces infrecuentes que traballan máis, se cabe, esa atmosfera de soño á que sucumbimos e na que os propios protagonistas reparan. Todos estes trazos, o tipo de fabulación, de temporalización, espacialización e linguaxe, evócannos desde a primeira á última liña a don Álvaro Cunqueiro, ese gran fabulador das nosas letras, ao que se remite tamén con algunha frase e expresión sementada polo texto, como cando se di que alguén asubía melodías que son “herbas de aquí e de acolá” (62). Pero non só el, outros grandes das letras pasean nestas páxinas, coma o Tiroliro co seu paraugas azul.
“Resoa abouxadora a bucina do vapor coma o laído poderoso dun deus apresado na gaiola da ría, e ao Tiroliro, sen as nubes, parécelle coma se unha clareeira irreal envolvese a vila de Moreira dentro dun calcapapeis” (p. 73). Tamén eu quixera, para manter en min as sensacións desta lectura, ter unha pequena Moreira nun calcapapeis enriba da miña mesa de traballo.