Esta guía permite doadamente o achegamento parte da nosa arte rupestre, proporcionando toda a información necesaria para o coñecemento e gozo dos xacementos máis senlleiros. Un libro fermoso e útil destinado para todos os amadores do Patrimonio deste país, aqueles que gozan coas saídas ao campo. Un libro para levar na mochila desfrutando dos gravados do país.
25 / 1 / 2012
Xurxo M. Ayán. Santiago
Esta
Guía de petróglifos de Galicia podería ter sido abordada seguindo os patróns formais das guías convencionais pensadas para o consumo de pelegríns extasiados, podería ter sido escrita por eses personaxes curiosos que se erixen en especialistas do que sexa, podería devalar cara a un rendible produto esotérico moi acorde con esas tendas para turistas que venden “petroglifos celtas con significado”. Pero non é o caso. Estamos diante dunha obra que vai moito máis alá do manido percorrido monitorizado pola arte rupestre deste recanto de Europa, dun libro fermoso que constitúe todo un fito bibliográfico na divulgación arqueolóxica galega, grazas ao bo facer de Edicións do Cumio e, sobre todo, dos seus autores.
O dúo dinámico
O arqueólogo Antonio de la Peña e o antropólogo cultural Buenaventura Aparicio conforman unha prolífica parella (científica) de feito que nos últimos anos leva poñendo en valor os petróglifos galegos a través de tres canles principais: a relación estreita e desinteresada con comunidades locais e asociacións culturais, a colaboración coas institucións científicas do país (Universidades, CSIC) e un labor continuado de difusión do coñecemento mediante conferencias, ponencias en congresos e actividades destinadas a promover a concienciación patrimonial como a exitosa e inigualable
Festa de Exaltación da Arte Rupestre de Tourón (Pontecaldelas, Pontevedra). Ambos os dous, arqueólogo e antropólogo, son esgrevios protagonistas da historia recente do estudo e recuperación duns signos, os petróglifos, “que veñen ser como o ADN do noso país”. A fins da década de 1970, Antonio de la Peña, xunto co malogrado Antonio Álvarez, retomou os traballos clásicos de Sobrino Buhigas e sacou do esquencemento a área arqueolóxica de Campolameiro, a zona con meirande concentración de manifestacións rupestres de toda Europa, compartindo podio coa afamada Val Camónica italiana. Pola súa vez, Buenaventura Aparicio esculcou no imaxinario colectivo debullando as chaves interpretativas que se agochan no universo lendario tradicional vencellado a estes xacementos arqueolóxicos. As súas pescudas por Terra de Montes ou o Morrazo axudan a comprendermos por que os petróglifos non contaron co mesmo respeito popular na Galicia premoderna cás medorras ou os castros; como be sinala no capítulo
E o pobo falou (páxs. 209-234), en moitos casos a procura do ouro agochado por medio da dinamita ou as grilleiras dos canteiros destruíron para sempre numerosas estacións rupestres do noso país.
Unha guía modélica
Toda esta historia persoal axuda a explicar, en primeiro lugar, a propia xénese e composición formal dun libro que non se pode entender sen o seu excelente aparato gráfico, no que sobrancean os 46 calcos feitos por Antonio de la Peña e Costas Goberna ao longo dun traballo de campo desenvolto nas últimas tres décadas, moitas veces, “por amor á arte”, nunca mellor dito. En segundo lugar, esta traxectoria compartida fornece un enfoque interdisciplinar perfeitamente asumido na guía: a presentación (páxs. 11-24) enceta unha ricaz síntese sobre o coñecemento científico que temos sobre os petróglifos como xacementos arqueolóxicos. Este estudo propio da alcumada investigación básica dá pé ao catálogo das estacións rupestres ao que segue unha terceira parte centrada no papel destes gravados na tradición oral e na paisaxe cultural galega. Este último capítulo, pola súa vez, asume unha perspectiva que non adoita ser habitual nestes lares, ao abordar o carácter polisémico e multifuncional dos petróglifos galegos. A maiores de seren arte prehistórica son tamén bens patrimoniais que cómpre xestionar no presente así como tamén referentes materiais identitarios na Galicia actual (“os petróglifos son un dos elementos culturais e artísticos que mellor no definen e identifican”). Esta vertente de investigación aplicada alicérzase nunha longa experiencia moi a ter en conta nun intre no que se suceden os atentados contra este Patrimonio e no que xorden diferentes iniciativas de revalorización, como é o caso do recentemente inaugurado Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campolameiro (Pontevedra) da man da Xunta de Galicia.
No tocante aos contidos cómpre reseñar, ao noso modo de ver, dúas pequenas eivas. Por unha banda, algúns leitores poden confundirse co título, xa que se ben é unha
Guía dos petróglifos de Galicia, unicamente se cingue á zona cero da arte rupestre galega, nas provincias de A Coruña e Pontevedra, polo que os petróglifos do interior do país (que tamén os hai, malia non seren tan espectaculares) non aparecen reflectidos na obra. Por outra banda, bótanse a faltar no estudo introdutorio e na útil bibliografía final, as achegas sobre o tema desenvoltas dende a Arqueoloxía da Paisaxe nas últimas dúas décadas (nomeadamente a tese de doutoramento de Manuel Santos Estévez), que quizabes tamén interesen ao público, aínda que sexa para contrastaren as diferentes hipóteses sobre a función, o sentido e mesmo a cronoloxía dos nosos petróglifos.
Voltando ao eido formal, o formato da obra insírese na mellor tradición das guías galegas, seguindo o camiño aberto por coleccións míticas como aquela entrañable
Galicia Enteira dos anos 80. Nuns intres nos que a tecnoloxía desbanca definitivamente sinalécticas e audioguías, nos que os modelos dixitais do terreo inzan calquera tríptico informativo, resulta entrañable e efectiva a aposta de Edicións do Cumio por un libro tradicional no bo sentido, unha guía cos seus minimalistas croquis de situación, a reseña preceptiva dos accesos e un texto a xeito de comentario de cada estación rupestre, todo complementado con fotografías de indubidable calidade artística, tiradas polos autores e por Xulio Gil. Un libro fermoso e útil destinado para todos os amadores do Patrimonio deste país, aqueles que gozan coas saídas ao campo. Un libro para levar na mochila desfrutando dos gravados do país.