Durante a guerra civil española, foron moitos os actos vandálicos contra a cultura exemplificados fundamentalmente nos saqueos e requisas de bibliotecas, tanto públicas como privadas. Francisco Redondo Abal dá conta nesta publicación do acontecido coa biblioteca persoal de Castelao, da súa incautación e saqueo, as vicisitudes que a acompañaron desde 1937 até 1969 e o paso por diferentes almacéns e institucións culturais até rematar no Museo de Pontevedra.
7 / 11 / 2011
Gustavo Hervella. Santiago
A destrución intencionada de libros é un xenocidio cultural. Cando os serbios dirixiron intencionadamente a súa artillería contra as principais institucións culturais de Saraievo non só se eliminaban aos bosnios, tamén fulminaban os cimentos da súa existencia comunitaria e cultural; na queima da Biblioteca Nacional desapareceron máis dun millón de libros.
O título, “Proceso a unha biblioteca” amosa á perfección o sucedido coa biblioteca do rianxeiro. O propietario, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, estaba fóra, en Madrid. Xa non regresará a Galicia comezando un exilio por terras europeas e americanas. A incautación dos seus libros realízase polo interese de apropiarse das posesións dos que se consideraban “traidores” xa desde a implementación dos expedientes de responsabilidades civís en xaneiro de 1937. Con esta lei pretendeuse racionalizar os saqueos que desde agosto do ano anterior cuadrillas de falanxistas, cívicos ou gardas civís estaban a levar a cabo. Co remate da confrontación armada en 1939 deuse un paso máis, e viu a luz a Lei de Responsabilidades Políticas que, na súa aplicación en Galicia, levou a confirmación ou rebaixa das penas impostas coa lei anterior, como se evidencia na sentenza a Castelao que dunha multa inicial de 10.000.000 de pesetas en 1937 é reducida a 75.000 en 1940. É evidente o afán dos golpistas por dar unha cobertura “legal” a todo o proceso de requisas, condenas e incautacións dos bens dos contrarios ao pronunciamento, e se ben as penas de prisión e incluso as sentenzas a morte foron paulatinamente conmutadas, non así as multas impostas que levaron á ruína a moitas familias xa que había que pagalas ben en metálico ou ben coa incautación de bens aínda que o condenado estivese exiliado ou morto.
Foi o bibliotecario Enrique Fernández Villamil y Alegre o máximo interesado en incorporar á biblioteca pública de Pontevedra o legado bibliográfico de Castelao. Foi el quen, en 1940, realizou o inventario que serviu en anos posteriores para establecer a cantidade e calidade das publicacións que en 1969 pasaron ao Museo –o mesmo ano en que quedaban prescritos os delitos cometidos con anterioridade ao 1 de abril de 1939-. Este mesmo listado foi o publicado por Mercedes Alsina Gómez-Ulla en 1976 e que agora nos presenta Redondo Abal. A investigación que leva a cabo reflexiona sobre os libros que formaban parte da biblioteca de Castelao no intre da súa incautación, é dicir, non só os que chegaron a nós, tamén aqueles que “desapareceron” nos sucesivos cambios e traslados acontecidos desde 1937 até a súa definitiva situación na biblioteca do Museo de Pontevedra, tal como sinala o propio Abal: “Unhas faltas que, podemos adiantar, poden aproximarse aos 300 volumes, de exemplares únicos ou duplicados dentro do fondo bibliográfico orixinal” (p. 29). Xunto a Fernández Villamil, nas tarefas de represión bibliófila en Galicia destacan o reitor ultraconservador da universidade de Santiago, Felipe Gil Casares e o decano da facultade de Filosofía e Letras Ciriaco Pérez Bustamante presidente da comisión depuradora do distrito de Santiago.
O estudo desenvolto por Redondo Abal está estruturado de tal xeito que imos dun capítulo a outro debullando a madeixa da colección bibliográfica do galeguista desde que Fernández Villamil procede —con presións sobre os poderes falanxistas da provincia incluídas— en 1937 até o envío definitivo ao Museo trinta e dous anos despois. As diferentes vicisitudes das publicacións, os sucesivos almacéns e a aplicación da lexislación franquista no referente aos bens culturais tamén son procesos analizados polo autor. Temos que ter en conta que non foi só a biblioteca de Castelao a incautada, xunto a ela estaban as dos sindicatos, partidos políticos, ateneos, círculos mercantís ou casinos así como coleccións privadas de intelectuais —republicanos ou non— xa que o listado de “libros peligrosos por sus tendencias morales o políticas” (p. 37) serán controlados polas autoridades franquistas. E isto foi o menos malo nas accións antidemocráticas do novo poder, xa que moitos volumes desapareceron nas fábricas de papel ou baixo o lume, nunha imitación cruel da xornada infame da queima de libros da Bebelplatz en Berlín o 10 de maio de 1933. Como tamén sinala Redondo Abal, a consideración do libro como material perigoso levou aos sublevados a accións extremas de “purificación” de bibliotecas emulando aos autos de fe da España inquisitorial, porque lembremos que calquera destas accións estaba auspiciada e xustificada pola xerarquía católica. A sentenza que en 1821 pronunciou o romántico Heine, “onde se queiman libros acábase queimando tamén a seres humanos”, cumpriuse escrupulosamente na España franquista. O número de bibliotecas que sobreviviu ao expurgo na provincia de Pontevedra entre xullo e decembro de 1936 foron oitenta e dúas o que dá conta do nivel de destrución levado a cabo. Entre os autores proscritos estarán Zamacois, Valle Inclán, Blasco Ibáñez, Pío Baroja, todos os ilustrados do XVIII-XIX ou os galeguistas Castelao, Risco —as obras nacionalistas galegas— ou Vilar Ponte, entre outros moitos.
Unha parte destacada da publicación é o listado completo dos volumes —tanto libros como publicacións periódicas— que pasaron en 1940 á biblioteca pública de Pontevedra e en 1969 ao Museo Provincial. Deste xeito podemos facernos unha idea das lecturas e relacións que Castelao mantiña cos intelectuais do momento, onde apreciamos o interese pola literatura europea primordialmente en castelán, aínda que existen obras en francés, así como en galego. Tamén destacan os volumes de temática política —fundamentalmente nacionalista galega— e as revistas, cunha colección importante das editadas en América polos emigrados.
Redondo Abal completa con este libro o traballo comezado en 2009 cando publicou “O fulgor e as tebras: as bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil”. Agora, dános non unha visión de conxunto senón que descende até o detalle para observar e explicar como se produciu a incautación e recolocación da biblioteca dun dos persoeiros máis destacados da cultura contemporánea de Galicia e até onde chegaban as accións totalitarias do réxime imposto tralo golpe de Estado do verán de 1936 nun territorio como o galego sometido ás novas autoridades moi cedo o que ocasionou que nin persoas, nin organizacións, nin libros puidesen salvarse do seu afán destrutor. Un libro necesario nun momento como o actual onde a reivindicación da cultura autóctona debera estar nas primeiras páxinas da axenda dos poderes públicos.