Aquí comeza a saga do profesor Basilius Hoffman: historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. Un conxunto de ingredientes converten esta historia nunha engaiolante lectura, na que o escritor demostra a súa condición de coñecedor das claves do xénero, introducindo chiscadelas de doado recoñecemento; o seu sentido narrativo, a súa habilidade á hora de crear personaxes en absoluto planos; e mesmo unha clara influencia cinematográfica ben palpable na profusión de descricións que espertan a imaxinación do lectorado.
11 / 10 / 2011
Isabel Soto. Santiago
A filosofía editorial do selo Urco, segundo consta na súa web, alicérzase no intento de cubrir o baleiro que perciben os seus responsables na publicación de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror no noso sistema literario, e ata o de agora o seu traballo visibilizouse nas coleccións: “Gótica”, “Fantasía”, “Ciencia ficción” e “Alcaián”. Dentro desta última, concibida co propósito de ser converter nunha canle que dea saída aos creadores galegos, inclúese a primeira novela da saga de fantasía xuvenil
O mundo secreto de Basilius Hoffman, escrita por Fernando M. Cimadevila e ilustrada por Iván Valladares e cuxa primeira entrega leva por título
O ladrón de soños.
Resulta relativamente frecuente que os catálogos deste tipo de editoriais, chamémoslles “especializadas” ou “modestas”, non reciban tanta atención crítica coma os selos de labor máis asentado no tempo. E isto acontece ben por certa indefinición en canto aos criterios de edición, algo que podería cualificarse de normal en proxectos que botan a andar, ben por mor da falta de calidade das propostas. No que atinxe a Urco, non cabe máis que aplaudir e valorar a iniciativa de reunir esforzos para encher as expectativas dun sector do público amante das historias deste xénero, cuxa presenza, como afirman, se atopa “fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de clásicos ou de literatura xuvenil”.
Fóra destas premisas, o que si resultaría unha mágoa é que a saga d’
O mundo secreto de Basilius Hoffman, presentada en maio de 2011 e creada a partir dos códigos difundidos pola mellor tradición da literatura fantástica, sobre todo, coas propostas dun dos seus grandes mestres, Michael Ende, e tamén cunha evidente marca da retórica fílmica, ficase rodeada pola invisibilidade ou só ao alcance dun público reducido polas razóns que for. Trátase dun ambicioso proxecto que acollerá, ademais de varias novelas, diferentes manifestacións artísticas –banda deseñada, música, materiais de promoción, etc.–, e que se presenta co complemento dunha páxina oficial de seu que polo momento –no mes de setembro– se atopa en proceso de realización. Agardamos que no futuro funcione a
fanfiction coa anunciada interactuación dos lectores e a páxina acolla materiais que afonden nos personaxes e historias bosquexadas no formato en papel.
O ladrón de soños, en tanto arrinque da saga, desenvolve os fundamentos dese mundo secreto que anuncia o título, concedendo un peso decisivo os seus dous protagonistas principais: Peter Hillman, un rapaz de doce anos desconforme coa súa vida familiar, pois sofre a falta de atención duns pais excesivamente ocupados cos seus negocios; e Basilius Hoffman, un excéntrico arqueólogo de ampla formación e experiencia que pescuda sobre lendas, obxectos e mitos perdidos nos límites da ciencia e da historia. O encontro entre tío e sobriño durante as vacacións de Nadal motivará un cambio decisivo na vida de Peter, que observa como o que semellaba un castigo supón a posta en marcha dunha aventura non exenta do correspondente proceso de aprendizaxe grazas ao seu mentor.
Obsérvase polo tanto, xa desde o comezo, a presenza de tópicos e convencións recorrentes da literatura fantástica, tales como a reticencia do personaxe máis novo a aceptar que existen outros mundos posibles que escapan da realidade e do imperio da razón e, polo tanto, a participar na aventura, ou a imprecisión das coordenadas espazo-temporais nas que transcorre o relato, aquí suxeridas a través dun contexto marcado cos trazos que se identifican co cotián e que precisan do papel activo do lector, o cal incide en subliñar a debilidade das barreiras que separan a dimensión real da fantástica. Pola contra, o alcance do tempo interno da historia remítenos aos días previos ao Nadal, de acordo coas necesidades explicadas e desenvolvidas nunha trama construída arredor da mitoloxía exipcia e do seu culto aos felinos. Asemade, insírense as consabidas temáticas deste tipo de producións, relacionadas coa loita entre o ben e o mal, a amizade, a soidade, a cobiza, o destino, o esquecemento de saberes ancestrais que escapan a razón ou o poder; e elementos como a presenza de vehículos singulares, obxectos de propiedades máxicas, portas de acceso a outras realidades ou cidades escondidas… Todo un conxunto de ingredientes que converten esta historia nunha engaiolante lectura, na que o escritor demostra a súa condición de coñecedor das claves do xénero, introducindo chiscadelas de doado recoñecemento; o seu sentido narrativo, visible na boa estruturación do relato e na súa habilidade á hora de crear personaxes en absoluto planos; e mesmo unha clara influencia cinematográfica ben palpable na profusión de descricións que espertan a imaxinación do lectorado. A narración agasállanos tamén, nos paratextos, cun interesante catálogo de citas sobre os gatos.
A edición preséntase en formato grande e cuberta semirríxida, acompañada do excelente traballo de amaroukstudio e de Iván Valladares, aínda que a narración semella reclamar unha maior profusión de ilustracións, reducidas aos encabezamentos dos capítulos e ás páxinas dun interesante diario, así como unha revisión ortotipográfica e estilística algo máis demorada.
Con todo, na obra percíbese creatividade e un afán por encher as expectativas dun amplo abano de lectores que agardamos acollan esta proposta con entusiasmo. Os múltiples enigmas e interrogantes que fican sen resposta semellan conducir nas futuras entregas a un desenvolvemento do destino que, segundo se suxire, deberá asumir Peter, así como dos segredos que agocha Basilius Hoffman e o resto de personaxes.