Esta obra contempla unha revisión en profundidade das complexas e de cotío problemáticas relacións entre Arqueoloxía e Etnicidade. Fornece respostas dende a Arqueoloxía, amosando que o noso interese pola etnicidade no pasado constitúe unha característica que nos define máis a nós que ás sociedades que tratamos de comprender, constituíndo un excelente manual non só para universitarios senón tamén para aquelas persoas que queiran comprender como se foi artellando, por exemplo, o concepto mesmo de cultura castrexa
24 / 8 / 2009
Xurxo M. Ayán. Santiago
A editorial Toxosoutos continúa dando cabida a novedosos traballos de teoría arqueolóxica e crítica historiográfica elaborados por novos investigadores que están a encetar un notable
aggiornamento da Arqueoloxía española. Desta volta, dá ao prelo un estudo documentado e actualizado sobre a utilización do concepto de etnicidade dende o século XIX, unha temática que centraliza o debate arqueolóxico hogano, nos tempos da globalización e a multiculturalidade.
Do historicismo á Arqueoloxía contextual
O libro constitúe un excelente manual non só para estudantes universitarios senón tamén para aqueles afeccionados á Arqueoloxía e aquelas persoas que queiran comprender como se foi artellando, por exemplo, o concepto mesmo de
cultura castrexa. Así pois, no capítulo 2, a mellor parte da obra, atopamos unha análise certeira do paradigma étnico-cultural, orgánico-historicista, xurdido na escola xermana e que segue influíndo en moitas tradicións investigadoras. O rigor expositivo do autor e a súa competencia lingüística, lendo as obras de Kossina na súa versión orixinal alemá, fornecen unha xenealoxía de todo ese corpus teórico que vencellaba cultura arqueolóxica, raza, etnia e territorio. A manipulación do nazismo, o holocausto xudeu, a victoria aliada e a instauración de reximes soviéticos co materialismo histórico como dogma de fe, conlevaron a creba en Centroeuropa do paradigma kossiniano. O capítulo 3 resume moi ben os debates sobre a etnicidade nas décadas posteriores no seo da Antropoloxía, a Socioloxía e a Nova Arqueoloxía funcionalista entre os defensores de concepcións primordialistas (a identidade étnica vén dada) e das teses instrumentalistas segundo as cales a etnicidade é unha ferramenta adaptativa dos sistemas sociais e culturais. No capítulo 4 o autor recolle con criterio as diferentes perspectivas desenvoltas no seo da Arqueoloxía contextual a partir de comezos da década de 1980, compartindo as teses que defenden o rol activo da cultura material na construción da etnicidade, unha identidade étnica (ferramenta de negociación intergrupal), imbricada de cheo con outros tipos de identidade social como son a idade, o xénero ou a clase.
Unha lúcida reflexión crítica
O autor non se limita a esbozar un percorrido historiográfico senón que adopta unha actitude crítica ao longo do texto, poñendo en relación a temática obxecto de estudo co presente, e valorando a problemática da identificación de marcadores étnicos na cultura material (cap. 5). A súa lúcida perspectiva crítica non acostuma a prodigarse moito en libros de Arqueoloxía escritos por novos investigadores, máis preocupados eles por non desviarse da liña cientificista marcada polo stablishment académico. Pola contra, M. A. Fernández asume valentemente a disciplina como unha práctica social e política no presente, porque “
o pasado, lonxe de ser neutral, constitúe unha fonte de autoridade para a acción no presente”, (p. 18). Comentaba hai pouco o xenial divulgador Eduard Punset que a día de hoxe priman as enquisas sobre os gustos, as intencións de voto, os problemas, a identidade... do individuo, sen ter en conta que a construción da identidade comunitaria e/ou étnica segue sendo a chave para comprendermos o mundo que nos rodea. Nesa liña, este libro fornece respostas dende a Arqueoloxía, amosando que o noso interese pola etnicidade no pasado constitúe unha característica que nos define máis a nós que ás sociedades que tratamos de comprender: é
“a importancia da etnicidade no noso mundo contemporáneo a que nos fai buscala no pasado” (p. 96). E a etnicidade é un discurso manipulado politicamente e que funciona; só basta lembrar a procura de referentes identitarios da dereita española ao comezo da Autonomía, con aquel lema de Fernández Albor:
Galego coma ti. Arqueoloxía da etnicidade.