A figura de Medea, a intrépida muller que namorada, axuda a Xasón na fascinante aventura do vellocino de ouro, pero despois, abandonada por el, chega a matar os propios fillos para vingarse, é un dos temas máis recorrentes na literatura e nas artes universais e encontra agora un tratamento novo neste poema de Luz Pozo Garza, "Medea en Corinto", que nos ofrece unha visión distinta da heroína. Inma López Silva interpreta as claves deste libro no que segundo ela a autora dá conta do seu talento e dá tamén coa clave da modernidade en Medea. Unha Medea situada nunha Gallaecia impensábel no tempo dunha Medea grega, pero que serve para activar a atención do lector galego a través da extrema ficionalización do mito.
2 / 2 / 2004
Inma López Silva.Santiago
A recuperación dos “monumentos” das letras occidentais, en palabras de Foucault, posúe un valor canonizador en toda literatura, mais no caso de literaturas minorizadas coma a galega, ten un plus funcional debido á capacidade simbólica do clásico. Así, esta Medea en versión galega de Luz Pozo explota estes factores de reinterpretación simbólica. Alén diso, parece produto do interese por engrosar as referencias ao tema nunha literatura na que a revisión do mito aparece tardiamente e en ámbitos periféricos do sistema literario. De feito, esta oitaba Medea, posúe pretensións máis canónicas. É significativo que fose encargada por A. Pociña e A. López para incluír nunha publicación específica: os detectores de Medeas piden unha que non só engrose a cantidade, senón que presente unha autora cunha posición central no sistema e sitúe na literatura un tema que antes rondaba os límites do literario, pois non debemos esquecer que catro dos sete textos anteriores naceron para a escena.
Por tanto, cómpre relativizar o valor simbólico do clásico de Medea na literatura galega e, tamén, o interese dos escritores polo tema, sobre todo tendo en conta que, das Medeas non teatrais, unha é dun dos editores de “Medea en Corinto” (Pociña) e a outra procede das conversas que el mesmo, con A. López, tivo con Luz Pozo a respecto da necesidade de dotar a literatura galega de máis obras sobre a cuestión. E é lexítimo: a vontade de cubrir baleiros nun sistema non normalizado non sempre ten que proceder dos propios creadores.
A respecto deste texto de Luz Pozo Garza, en primeiro lugar, cómpre comentar a presenza da versión castelá. É importante, desde logo, contar con traducións das obras galegas a calquera lingua. Mais, se o motivo de editar esta obra de Luz Pozo Garza foi chegar "ao seu público natural, o pobo galego”, e habendo unha versión en castelán publicada, por que editar “Medea en Corinto” en versión bilingüe en Galicia? É máis, son os lectores galegos quen necesitan a tradución ou serían os lectores foráneos, para quen o acceso á versión castelá é difícil? E neste caso, non sería mellor xestionar a versión bilingüe nunha editorial de maior distribución?
Interésanos tamén a cuestión do xénero: teatro ou poesía? A hibridación estaba xa presente no mundo clásico (a epístola de Ovidio “As heroidas”, tamén sobre Medea) así que Luz Pozo recolle esa tradición nun poema dialogado: poema pois está en verso e ten un ritmo estruturado, e dialogado pois interveñen varias voces. Trátase dun texto lírico que busca a confusión xenérica, mais posúe factores teatrais que lembran o teatro clásico: nesta Medea hai coro e apartes, mais o texto non posúe máis convencións do xénero dramático: non hai acoutacións, nin referencias á situación escénica. A hibridación xenérica baséase, por tanto, no emprego lírico da voz a través do personaxe dramático.
Como sinalan os editores, “Medea en Corinto” procura unha Medea galega a través da simboloxía mítica de Galicia. Luz Pozo dá conta do seu talento nun emprego do verso que presenta un equilibrio difícil: a reminiscencia clásica a través do léxico e a sintaxe, pero tamén a actualización do mito a través da temática e da modernidade na “fala” de Medea. Así, a autora dá coa clave da modernidade en Medea a través dunha reinterpretación do mito como muller, en función da viganza, a maternidade e a vontade de esquivar o amor.