Crónica etnográfica e divulgativa dunha das nosas máis identificables tradicións, o autor repasa unha a unha todas as cuestións ligadas a esa tradición que deu lugar a pans de tanta sona coma os do Porriño ou os de Cea, e orixinou topónimos como Terras do Pan, recuperando un mundo case descoñecido para as novas xeracións. Xurxo M. Ayán, empregando unha metáfora panificadora, esculca na cocedela desta nova achega sobre a cultura do pan.
5 / 5 / 2008
Xurxo M. Ayán. Santiago
Todavía quente, recén saído dos fornos de Xerais, este molete de X. L. Ripalda xa foi degustado en moitos medios por gorentosos e acertados recensores que o definen como un referente na literatura etnográfica do noso país. Os bos libros, coma o bo pan, parten dunha cadea técnico-operativa na que o mínimo erro no cálculo dos tempos e dos xestos condiciona o resultado final. Empregando unha metáfora panificadora (da artesa á mesa), esculcaremos na cocedela desta nova aportación sobre a cultura do pan.
A masa
Os tres tipos de fariña coa que conta o autor son da mellor calidade. En primeiro lugar, un galego patrimonial que nos gustaría transmitir aos nosos fillos, un idioma inzado de verbas e verbos precisos que decoran minuciosas descricións de trebellos, artefactos e procesos, seguindo a herdanza da mellor tradición etnográfica galega. En segundo lugar, a obra abrangue un útil compendio (malia que poderiamos falar de antoloxía) de refráns, cantigas e pequenos contos vencellados co mundo do pan no mundo rural tradicional que non ten parangón dende o traballo do Seminario de Estudos Galegos e mailo traballo de campo de Xaquín Lorenzo. Finalmente, o ton divulgativo e mailo entusiasmo de quen ama aquilo que quere trasmitir creo que foron variables tidas en conta polos responsables de Xerais para integrar este texto na tan dispar serie Crónica.
Neste senso, “A cultura do pan” ratifica unha tendencia constatada nos últimos tempos no mercado editorial deste país: os traballos etnográficos que si acadan chegar aos cidadáns están feitos por amadores, non especialistas académicos na materia, que saben transmitir de xeito ameno un discurso, por veces, alonxado da realidade na literatura máis científica.
O fermento
Como vimos defendendo, a materia prima é boa, e o achegamento do autor á artesa, acertado, como a amosara xa noutra obra anterior (A cultura tradicional do pan, Ir Indo, 2002). No tocante ao fermento empregado para modela-los contidos do libro, podemos esbozar algunhas críticas. Xa se sabe que en cada casa cada quen fai o pan seguindo a tradición familiar e a súa habelencia. A este respecto, o autor aboga lexitimamente por unha perspectiva tradicional para aborda-la temática obxecto de estudo, sen desviarse da canónica liña establecida polos grandes da Etnografía galeguista: predominio do descriptivismo, aproximación formal aderezada dos (fermosos) debuxos de rigor e ausencia de interpretacións sociais, culturais ou simbólicas. Neste senso, o autor reproduce aspectos desa traxectoria coma a louvanza da tradición (“para o labrego galego a tradición é un símbolo de experiencia e coñecementos envoltos de prudencia e agudeza”, páx. 10), unha concepción esencialista risquiana da cultura popular que abrangue dous eidos diferenciados, cultura material e cultura espiritual, o pobo como facedor que combina funcionalidade e estética (páx. 25), a utilización dun presente etnográfico que non considera para nada a evolución histórica. De feito, a mención ás orixes das técnicas e artefactos mistura, de xeito non fundamentado, discutibles referencias sobre os castros e citanias da cultura céltica (páx. 14), a Hispania citerior (páx. 77), divinidades de orixe etrusca (páx. 117) ou o Neolítico (páx. 87). Todo este enfoque etnográfico tradicional leva a individualizar un eido da estrutura económica da sociedade galega premoderna até o punto de falar dunha cultura de seu, a cultura do pan. Non creo que se deba chegar tan lonxe, xa que o proceso do pan considérase, como teñen amosado as Etnoarqueoloxías feminista e marxista, unha actividade de mantemento das unidades domésticas, unha prática (tecnolóxica e ideacional) que contribúe á reprodución social. Esta actividade non se pode segmentar da cosmovisión, do patrón de racionalidade que define a cultura (esta si) rural tradicional galega.
O forno
“A cultura do pan” redunda temas xa tratados no seu día por antropólogos como Lisón Tolosana ou Fernández de Rota (a solidariedade interveciñal, por exemplo) e deixa pendentes eidos interesantes coma o trasfondo simbólico do proceso panificador, a creación de identidades e o fortalecemento das diferencias de xénero (tabús incluídos), a función social da arquitectura dos fornos e dos muíños (das casas e comunais), a actualización constante das tradicións, etc… No meu caso, conto coa sorte de que a miña familia materna, na Terra de Lemos, conserva o costume de cocer na casa, e de que mesmo o meu avó fora un deses canteiros que sabían facer fornos (e ademais ben, dos que tiraban). Sen embargo, a meirande parte da xuventude galega descoñece todo ese mundo do que vimos. Como me comentaba unha mestra de Pontevedra nunha visita escolar a un castro, “os meus alumnos dinche que o leite vén da neveira e o pan da fábrica de Bimbo”. Pois para ese público, por exemplo, a obra de Ripalda constitúe todo un agasallo e mesmo un bo recurso didáctico. Coma o pan de Cea, sabemos que este fermoso libro non é cousa dun día, senón que perdurará no tempo, como as codelas das ánimas. Con todo, agardemos para este libro (tal aínda reza a miña madriña de Nogueiras) que San Mamede o levede e que San Vicente o acrecente.