Este estudo gañador da anterior edición do Premio de Historia Medieval de Galicia é unha das poucas achegas ao período da Alta Idade Media. O traballo realizado por López Teixeira resulta moi recomendabel desde a opinión de Jorge Guitian, que salienta a actitude do investigador e califica o seu traballo como un "esforzo valente" co que consegue unha "aproximación arriscada e decidida " ao tema do estudo.
5 / 1 / 2004
Jorge Guitián. Santiago
O Premio de Historia Medieval de Galicia, instituído hai tres anos pola Fundación Comarcal Noia e a Editorial Toxosoutos, leva camiño de converterse nun referente fundamental na investigación en Humanidades en Galicia. E non so pola súa excepcionalidade, manifesta tanto nos pormenores das bases, como na súa dotación, senón polo alto nivel xeral dos traballos presentados a concurso e, moi especialmente, dos que finalmente resultan galardoados.
Nestas datas nas que ven de facerse público o fallo do xurado da edición 2003 deste premio, parece convinte rescatar ao anterior gañador, un traballo publicado xa hai algúns meses pola Editorial Toxosoutos dentro do que podemos entender como unha rara avis, a súa Serie Trivium, de feliz aparición no mercado editorial galego.
O traballo de Xosé Antonio López Teixeira aparece como un esforzo valente e decidido por afondar nunha das etapas menos coñecidas da nosa historia. A alta idade media, debido a condicionantes históricos diversos, entre os que non é o menos importante a escaseza de documentación escrita, ven sendo dun xeito xa tradicional a grande esquecida da investigación histórica galega, unha sorte de terreo baldeiro situado entre a romanización e o esplendor da época de Xelmirez.
Esta etapa escura presenta, a pesar de todo, algúns elementos que fan especialmente interesante o seu estudo. De feito, a conformación do Reino de Galicia como tal ven sendo obxecto de interesantes estudos, entre o que cabería salientar os traballos de Camilo Nogueira en "A Trabe de Ouro", desde hai décadas. Partindo destes antecedentes, entre os que se encontran algún dos grandes nomes da investigación histórica europea do século XX, López Teixeira adopta unha actitude revisionista, case que escéptica, na que reside un dos grandes valores desta obra.
A actitude do investigador ante o obxecto da súa investigación é algo no que poucas veces, se cadra demasiado poucas, centramos a nosa atención. Neste caso, a vontade renovadora do traballo reside máis neste posicionamento do autor que na temática ou na aportación de novas fontes. O interese da obra non reside tanto no tema como no enfoque. Hai un coñecemento evidente e manifesto dos estudos precedentes, aos que se lles presta a debida atención alén de posicionamentos teóricos. Así, os traballos de Menéndez Pidal, Gómez-Moreno, Américo Castro, Sánchez Albornoz ou Cotarelo Valledor, por citar soamente a algúns dos máis ilustres, aparecen como referentes fundamentais, dos que non se fuxe e dos que non se trata de ocultar a súa presenza. A meirande parte da historia que sobre este período se fixo no pasado século lle de debe moito ás correntes máis academicistas, tendencias hoxe denostadas en boa medida, mais que como referente historiográfico non deixan de ter o valor que López Teixeira lles outorga.
Partindo desta revisión historiográfica, o traballo entra na análise da xénese dos reinos cristiáns do norte da Península. Dos "Primoriae" do oriente asturiano aos amplos dominios de Afonso I segundo as "Crónicas de Afonso III", a expansión territorial é obxecto de análise detida. A "Pars Maritima Gallaeciae", o territorio costeiro situado aproximadamente entre os actuais Xixón e A Coruña aparece, neste proceso, como o núcleo orixinario do reino galaico-astur, tanto como solar de boa parte da nobreza que xogará un papel decisivo no proceso conformador como pola escasa, por non decer nula, pegada musulmá neste sector xeográfico, feito que condicionou a pervivencia de estruturas socioeconómicas de orixe xermánica. Mais non se entende, fronte á visión tradicional, como un limes fortificado ante o acoso musulmán. O avance cara Galicia dos cristiáns, en definitiva a súa reconquista, non é máis que un "aparello conceptual", unha ferramenta propagandística hipertrofiada por determinados sectores da investigación histórica.
Desde esta contextualización histórica se aborda o estudo da nobreza da época, mais non da nobreza como estamento, senón daqueles nobres que asumiron un papel destacado por un ou outro motivo. Non se trata, tal como o propio López Teixeira estabelece como un aviso a navegantes de "volver a conceptos caducos de grandes homes e altos feitos", senón de entender as figuras decisivas dun período histórico no que o poder e a capacidade de decisión estaban concentradas en moi poucas mans.
Dentro destas biografías que o autor esboza compre salientar, pola importancia que no propio estudo se lle confire e pola súa relevancia para a consolidación do fenómeno xacobeo, a figura de Afonso II . Mais a figura deste monarca non resultou decisiva para Galicia soamente por este feito, transcendental por si mesmo, senón polo radical cambio de actitude política, fronte a antecesores como Mauregato, Silo ou Vermudo I. Con Afonso II se pasa da anexión forzada á integración pacífica dos "Populos Gallecie" no seo da coroa.
Este cambio estivo apoiado polo uso propagandístico do sepulcro de Santiago, chamado a converterse nun dos máis decisivos factores xeopolíticos do occidente europeo no período medieval. Estudosos como Barreiro Rivas, autor da primeira aproximación sistemática ao elementos políticos do Camiño de Santiago, teñen xa posto de manifesto ao longo da última década estas cuestións, si ben é certo que a análise das súas orixes no seo da monarquía asturiana non foi, até o momento, suficientemente abordada. Atopámonos, a portas do 2004, nun momento para fuxir de tópicos e conceptos históricos preconcibidos e abordar cuestións, como esta, que están no xermolo dun fenómeno tantas veces manipulado polo poder político -non esquezamos que a manipulación propagandística estivo mesmo no seu nacemento- e cargado, por tanto, de todo tipo de connotacións erróneas e confusas.
A segunda grande vaga expansiva do reino galaico-astur, acaecida en época de Ordoño II e Afonso III, da pé, como colofón do estudo, a unha breve disertación sobre as orixes de Galicia. Desde a protohistoria castrexa, ao período baixoimperial da Gallaecia de Diocleciano, o autor bucea na busca dun antecedente para esta Gallaecia que quedará agora plenamente conformada de cara aos acontecementos da baixa idade media.
En liñas xerais, "Arredor da Conformación do Reino de Galicia" estabelece unha síntese novidosa. O posicionamento crítico ante as principias tendencias historiográficas é, moi probabelmente, un dos seus puntos fortes e a base sobre a que descansa toda a argumentación posterior. A situación de Xosé Antonio López Teixeira, á marxe do ambiente académico-universitario, lle permite estabelecer unha aproximación arriscada e decidida que non aparece coartada por condicionantes previos. É, neste sentido, un traballo moi recomendábel como primeira aproximación a este período histórico.