O mito do rei Artur é unha das máis vizosas creacións da cultura europea. Neste didáctico libro téntase deslindar o que nel hai de realidade histórica e o que ten de narrativa lendaria.
27 / 3 / 2006
Jorge Guitián. Ames
Falar do rei Artur e de todo o entramado de heroes, paisaxes e episodios que arredor del se foi creando é falar, probablemente, do mais importante ciclo cultural que ten dado occidente. Mais alá de ser un fenómeno literario, un conxunto de lendas, unha fusión de distintos xeitos de entender a realidade ou un corpus mitolóxico, a temática artúrica é un fenómeno cultural global. Mesmo poderíamos dicir que o primeiro fenómeno cultural global do occidente europeo, un fenómeno cultural con 1.500 anos de historia que segue a crecer, a evolucionar e a transformarse nos nosos días.
Desde as súas confusas orixes nas crónicas escritas nos mosteiros altomedievais das Illas Británicas ata os nosos días a temática artúrica ten pasado por moitos e moi distintos estadios pero sen chegar a perder nunca a súa relevancia cultural. Tanto é así que desde que aparece por vez primeira aquel tirano Artur recollido nas Vidas de San Carantoc e San Padarn ou en textos galeses a partir do S.VII ata ese Artur idealizado que aparece, xeralmente con pouca fidelidade ós textos literarios e aínda menor calidade artística, en multitude de filmes de Hollywood (temos estes días a penúltima versión de Tristán e Isolda nas carteleiras) todo ese conxunto de personaxes, paisaxes e batallas permanece como unha constante que, lonxe de difuminarse co paso do tempo, parece cobrar un novo pulo co paso dos séculos. E non só iso, senón que mesmo se expande fora das Illas Británicas dando lugar a monumentos literarios como o Parsival xermánico (S.XIII) e á súa adaptación musical por parte de Richard Wagner, á ópera Tristan und Isolda deste mesmo autor ou á King Arthur de Purcell (1691) introducíndose de pleno na cultura contemporánea da man de peliculas de animación, de versións cómicas, como a protagonizada por Monty Python, de series de televisión... Mesmo continuamos a atopar os seus ecos na obra literaria de John Steinbeck ou os nosos Cunqueiro, Dario Xohan Cabana ou Méndez Ferrín.
E aínda despois de todo o dito segue a ser un dos grandes descoñecidos da nosa cultura. É certo que situamos os principais protagonistas, a Artur, a Merlín, pode que mesmo a Lancelot (ou Lanzarote) e á raíña Xenebra, que sabemos que Camelot ou Ávalon son nomes de accidentes xeográficos e mesmo pode que nomes como Morgana, Gawain (Galván ou Galvao) ou Perceval non nos sexan completamente alleos. Pero aí remata, polo xeral, o noso coñecemento do tema.
Unha luz sobre as orixes
E aí, precisamente, é onde aparece o traballo de Xoán Bernárdez Vilar, unha obra que pretende –e logra- esclarecer as escuras orixes do mito artúrico, que traballa nese terreo onde a lenda e a historia, a arqueoloxía e a literatura van da man para dar forma a personaxes, paisaxes e feitos.
Non é a primeira vez que Xoán Bernárdez Vilar, un veterano da investigación histórica en Galicia, dá mostras da súa capacidade para sintetizar temas tan complexos como o que o ocupa neste caso. Premiado en numerosas ocasións polas súas investigacións sobre fontes clásicas e diferentes aspectos da nosa historia aborda desta volta a análise dunha temática á que ven prestando atención desde hai décadas. E lonxe de dar por sentado que o lector domina os conceptos, os nomes e os lugares o autor comeza por explicalos, por contextualizalos analizando a súa orixe a súa evolución na literatura e no imaxinario popular, sentando as bases para a análise que realiza na segunda parte do libro.
Nesa vocación didáctica do traballo, nese interese en achegar ó lector ós conceptos reside, sen dúbida, un dos grandes acertos deste libro. Unha obra recomendable para aqueles lectores que posúan coñecementos previos sobre a temática artúrica pero tamén, e mesmo me atrevería a dicir que moi especialmente, para aqueles que se achegan por vez primeira a este tema. Na primeira parte da obrar atoparán material abondo para situarse e para entender todo o que de seguido expón o autor.
Na segunda parte do traballo Bernárdez Vilar adopta un enfoque novidoso no noso contexto e que resulta moi interesante. No lugar de centrarse na análise literaria ou historiográfica, perspectivas mais comúns e nas que contamos con excelentes traballos de investigación publicados en galego, como aquel “Orixes da Materia de Bretaña” que hai algúns anos publicou o Centro Ramón Piñeiro, opta por analizar as posibles orixes históricas do mito. Para isto acude ás fontes documentais e, principalmente, ás evidencias arqueolóxicas, emulando en certo sentido traballos que desde a década dos setenta se veñen realizando no ámbito anglosaxón e ofrecendo, por vez primeira na nosa lingua e probablemente no panorama editorial peninsular, unha síntese do estado dos coñecementos sobre o tema. Ese é un dos grandes acertos desta investigación. Non só se achega á temática artúrica desde unha perspectiva divulgadora senón que aporta os datos reais cos que contamos, as evidencias froito do traballo arqueolóxico, a análise do folclore e de fontes que, en moitos casos, son traducidas (aínda que se trate só de fragmentos) por vez primeira ó galego.
O mapa do reino
Por outra banda, o libro ten o acerto de enfocar esta segunda parte, esta aproximación ó que podemos denominar os vestixios históricos das orixes do mito, en certa maneira como se dunha guía de viaxes se tratase. En determinados momentos o lector ten máis a sensación de estar a ler unha guía das paisaxes artúricas que un traballo de investigación histórica. E isto dota ó traballo dunha proximidade que facilita a lectura, dunha inmediatez que fai que entendamos o que se nos está a expoñer non como algo alleo senón como algo tanxible, como unha realidade ó alcance de calquera que desexe realizar unha viaxe por esas terras. Vemos como o autor é quén de atopar as paisaxes míticas de Camelot, de Ávalon ou de Badon na chaira de Salisbury, no outeiro de Glastonbury ou na costa rochosa de Cornwall. E consigue facelo, ademais, sen deixarse levar pola imaxinación, marcando as distancias cando a evidencia arqueolóxica non é suficiente, introducindo a dúbida razoable cando a ocasión o esixe e, en definitiva, achegando ó lector á reconstrucción da historia partindo duns poucos vestixios arqueolóxicos illados e fragmentarios, un mundo onde as verdades absolutas escasean e as interpretacións pechadas non existen. Moverse nese terreo sen caer nos tópicos nin nun escepticismo desmitificador non é doado e neste traballo Xoán Bernárdez consigue facelo non so dun xeito satisfactorio senón que o fai sen afastarse do lector, sen ofrecerlle unha lectura demasiado árida.
O Rei Artur, Mito e Realidade e, na miña opinión, un acerto editorial e un traballo de relevancia no panorama das publicacións en lingua galega. Contaba, no panorama peninsular, con ilustres antecedentes como o excelente “Arturo, Rey”, de Felipe Mellizo (prologado por Celso Emilio Ferreiro) que deixaba o listón bastante alto. Pero é certo que Bernárdez Vilar foi quén de manter o nivel das expectativas e, sobre todo, de ofrecer un traballo de fácil lectura, algo que non sempre se logra no terreo da divulgación histórica, ó público galego.
O feito de que unha editorial como Galaxia decida incluír na súa serie Ensaio traballos destas características, a cabalo entre a divulgación e a investigación pluridisciplinar, non deixa de ser unha boa nova, non só para o lector interesado nos traballos históricos senón para todo aquel que busque un enfoque accesible sobre distintos aspectos da nosa cultura.