A protagonista non ten nome aínda, pero ante os seus ollos o libro que ten nas mans pídelle axuda e trasládaa ao seu mundo. o Mundo de Dentro. A partires desta viaxe ao mundo da fantasía a narración presenta unha intelixente reflexión arredor da busca da identidade propia, invita á reflexión sobre a extensión de modelos universais e o tratamento do imaxinario, pero tamén sobre a educación e as relacións familiares.
13 / 3 / 2006
Isabel Soto. Santiago
Ademais de contar cunha traxectoria recoñecida no eido da literatura para adultos, Manuel Lourenzo González confesa sentirse especialmente cómodo escribindo para o público infantil e xuvenil. Da súa produción neste xénero forman parte tanto contos para os primeiros lectores coma relatos, novelas e pezas de teatro. Nela percíbese a mestura de espazos, tempos e realidades, a fantasía, os sentimentos, a aventura, o humor e, como non, os interrogantes e problemas da sociedade actual. Nesta última liña cómpre situar a súa nova entrega, “Ela atopa un nome”, unha novela na que, botando man dunha viaxe ao mundo da fantasía, presenta unha intelixente reflexión arredor da busca da identidade propia nunha sociedade na que o diñeiro é o fin polo que vivir, na que se sacrifican as relacións familiares e na que algunhas empresas utilizan o patrimonio universal para transmitir opinións e valores e estender modelos universais. Ademais, na novela aparece un amplo repertorio de personaxes de todos os tempos que forman parte do imaxinario literario, cinematográfico e televisivo.
Na busca dun nome
Non é habitual atopar nun relato xuvenil situacións que teñen que ver coa manipulación, a colonización ou a usurpación tras o disfrace dunha aventura fantástica aparentemente inocente. “Ela atopa un nome” invita á reflexión sobre a extensión de modelos universais e o tratamento do imaxinario, pero tamén sobre a educación e as relacións familiares. O que se cadra pode resultar estraño é que a obra conte cunha protagonista de tan só dez anos e que se presente nunha colección para a mocidade, un aspecto que talvez redunde na recepción do texto.
A protagonista ten que buscar o seu nome. A carón disto preséntase o deseño dunha posíbel sociedade futura e, nela, a vida cotiá da rapaza, que vive nunha casa intelixente, rodeada dunha avanzada tecnoloxía e de persoal cualificado para atendela. Un programa informático deseñado polo pai encárgase de dar resposta ás súas necesidades. Coa complicidade da canguro, Ela consegue burlar o control da máquina á procura de actividades propias dunha rapaza de dez anos. Os pais están demasiado atarefados coas súas profesións e as súas viaxes para ocuparse persoalmente da educación da filla e mesmo para poñerlle un nome de seu. Esta forma de vida tan singular produce desacougo na rapaza e a sensación de que á súa vida lle falta algo que descoñece, quizais porque nunca o tivo.
A acción comeza coa lectura das primeiras liñas dun libro nas que se solicita axuda urxente para acabar coa ameaza que sofre o Mundo de Dentro. De súpeto, as letras e os debuxos comezan a voar. Ela observa abraiada a aparición dun avión de debuxo que a traslada a ese espazo para que solucione o problema. Así chega ao mundo da fantasía onde residen todos os “seres que alguén imaxinou algunha vez” e no que non hai camiños trazados porque cadaquén constrúe o seu. A lóxica que Ela coñece non funciona porque non existen as previsións e a vida invéntase minuto a minuto, imaxinando. Nese mundo, Ela é unha técnica equilibrista de esmerada formación e, ademais, o seu encontro coa enigmática presenza da N.A.I. faina sentir, por vez primeira, arroupada, querida, necesaria.
Ela vai coñecendo e desmitificando personaxes que, manipulados e corrompidos, só son un pobre retrato do que foron e dos fins cos que se crearon. Peter Pan vai en limusina; o ancián Merlín viste camiseta, viseira e lentes de sol; Alicia é só unha actriz pretenciosa e ruín; o Pato Donald é un grande empresario ao que só se accede pagando… Case todos viven en Gólivut, sempre ateigado de turistas. O resto dese Mundo está sendo estragado por empresas que mercan en exclusiva o que é de todos.
A rapaza ten a oportunidade de coñecer as leis do negocio ao converterse en estrela do cinema. Se sucumbe á tentación, será un modelo universal a imitar e gañará moitos cartos. Non importa o talento, nin as súas necesidades, nin o guión; todo se soluciona con efectos especiais, imaxes impactantes, animación por ordenador. O que importa é reflectir modelos de comportamento que respondan aos resultados de sofisticadas enquisas e estudos de mercado e a venda dun completo merchandising. Ela déixase tentar para conseguir a atención dos pais. O resultado é unha amarga experiencia. A situación precipítase cara a un desenlace que restaura o equilibrio e, xa na casa, Ela observa que esa aventura marabillosa muda a súa vida. A conclusión deixa un recanto de esperanza: “Afortunadamente, o paraíso é un territorio extenso e vizoso, con grande poder de rexeneración. Axiña medrarán nel novas fantasías, novos personaxes e novas aventuras que farán que todo volva ser coma antes”.