Esta é unha novela situada nun futuro onde a xente xa non se interesa pola literatura, é máis, perséguea. Escrita só en nove días esta novela é xa un dos clásicos da literatura universal en xeral e un referente do xénero da ciencia ficción, no que o autor destacou. No relato a fin da cultura escrita, e con ela a cultura en xeral, antóllasenos profética por tal e como o autor describe a sociedade onde iso ocorre. Unha lectura ineludible e estarrecedora.
17 / 10 / 2005
María Liñeira.Oxford
No inverno do ano do Señor de mil novecentos cincuenta e tres nacía, “para asombrar e mellorar o mundo”, a revista Playboy, e nos seus segundo, terceiro e cuarto número aparecía por entregas “Fahrenheit 451”, novela de Ray Bradbury. Escrita en só nove días, utilizando unha máquina de escribir alugada, esta pequena obra mestra é filla indiscutíbel do seu contexto histórico. Corrían os escuros anos do “Comité de Actividades Norteamericanas”, das mulleres de anuncio de xabón e os primeiros electrodomésticos, cando dunha serie de contos, “Bonfire”, “Bright Phoenix”, “The Exiles”, “Usher II”, “The Pedestrian”, e da novela “The Fireman”, lle foi revelada a Bradbury a dolorosa idea sobre a que se asenta Fahrenheit 451: a fin da cultura a mans do propio ser humano. Homo homini lupus.
Guy Montag ten todo o que pode desexar: un bo emprego, unha casa, unha esposa, tecnoloxía. Pero un día unha estraña rapaza, Clarisse McClellan, se lle cruza no camiño e comeza a facerlle preguntas descoñecidas e desconcertantes (“es feliz?”). Algo fai contacto dentro del e empeza a procura da súa propia verdade. Por que a brigada de bombeiros, na que el traballa, se adica a queimar libros?, que hai que sexa tan perigoso nesas páxinas riscadas?, que é o que leva á xente a morrer por eses obxectos inertes? “Fahrenheit 451” é a narración desgarradora do espertar á realidade, fóra de Matrix, do seu protagonista. Un camiño sen volta, que leva aos campamentos de vagabundos, fóra da sociedade idílica e aséptica do márketing e os medios de comunicación.
Pequenos dispositivos auditivos eternamente conectados, xigantescas e planas pantallas televisivas, programas interactivos, guerras lóstrego, manipulación informativa, clásicos literarios en pílulas (superproducións hollywoodenses). Todo isto era para o autor a maneira en que el se imaxinaba o mañá, un futuro de pesadelo, pero para nós é o presente. Conforme pasan os anos, ao igual que lle pasou a Huxley, Bradbury convértese máis e máis nun profeta. A primeira vez que eu lin “Fahrenheit 451” non era quen de imaxinar que chegariamos a vivir no mundo de “Gran Hermano”. O que no seu momento debeu ser unha interesante obra de ciencia-ficción é hoxe un retrato metafórico de nós. O que converte esta novela, á que agora pode acceder o público galego, nunha lectura ineludíbel e estarrecedora.
“Esquece esas pobres mulleres, non son máis ca unhas parvas...”
“Fahrenheit 451”, ao igual que outras moitas narrativas futuristas, seméllame unha proba irrefutábel da naturalización da orde patriarcal. Os seus autores, homes, imaxinaron un futuro afastado con grandes mudanzas culturais, sociais, económicas, filosóficas e nese tempo non foron quen de imaxinar outro papel para as súas mulleres. Elocuente. Bradbury ofrécenos dúas imaxes femininas. A bruxa e as parvas. Clarisse ten un coñecemento iniciático que a fai diferente e perigosa, que a leva inevitabelmente á morte. As parvas, Mildred e as súas amigas, son o exemplo máis exacto da adaptación ao novo sistema: superficiais e insensíbeis. Ou sexa, un noxo.
Se o papel arde catarticamente a 451 graos Fahrenheit (na Alemaña nazi, na China comunista, no Irán integrista) e cos pirómanos da cultura se fosen perdendo un a un os libros, e coma Montag tiveses que escoller un só deles para ser ti, para gardalo con máis agarimo na túa memoria, cal sería?