Novela gañadora en 2004 do Premio Novela Europea do Casino de Santiago, concedido por un xurado de público lector. A obra, primeira da súa autora, iníciase o 23 de setembro do ano 1963 coa morte da protagonista para, posteriormente, desenvolver o relato en espiral en torno á figura desta criada dunha familia de terratenentes sicilianos. Crónica das mudanzas do século XX, o maior pracer da obra é, segundo María Liñeira, “descubrir o ser humano oculto dentro desa muller dura e reseca”. Unha novela pulcra, que engancha ao lector e deixa no fondo do padal un pouso a laranxal.
30 / 5 / 2005
María Liñeira. Oxford
Agora que “os homes recollen as améndoas con lonas e ademais (...) van vir os tunisianos aos nosos montes (...) desaparecen as mulleres que fan a colleita”, e a canda elas esvaécense as respostas que se lle daban á vida. As preguntas son outras, as necesidades, os códigos, outros. Os tunisianos e marroquinos xa levan ben tempo recollendo as améndoas e fresas europeas, mais non lles permitimos formar parte da comunidade e así acaban as cantigas.
“A Mennulara” (Galaxia, 2005), recente novela italiana da autoría de Simonetta Agnello Hornby, é a crónica das mudanzas do século XX nunha pequena vila do interior de Sicilia. O luns 23 de setembro de 1963 Roccacolomba amence coa nova da morte de Maria Rosa Inzerillo, máis coñecida polo alcume d’A Mennulara, a que apaña améndoas, unha devota e malencarada criada de mediana idade. A novela, valéndose de procedementos narrativos de fragmentación, cóntanos cales as accións, os pensamentos, as conversas dos habitantes de Roccacolomba durante o mes seguinte ao pasamento da protagonista. Por que tanto balbordo pola morte dunha servente vella, malfalada e amargada? Por que era, e segue a ser, a que controla, coma se de monicreques se tratase, os movementos da familia Alfallipe, administradores que foron en tempos das terras dos Príncipes Brogli?
A editorial avísanos na contracapa que esta doméstica ignorante é “un dos máis intensos e poderosos retratos de muller da narrativa europea actual” e eu, de principio, entorno os ollos e dubido. Dubidar é humano e perdoábel, aínda en casos coma este onde o reclamo publicitario se achega inquietantemente á verdade. A autora deixa falar primeiro, intelixentemente, a cada unha das ovellas do rabaño, que bean incansábeis os mesmos e manidos tópicos sobre as mulleres que se fixeron coas rédeas das súas vidas; ata darlles a palabra aos que a coñeceron mellor, aos iniciados nos seus segredos, o médico e o crego, que se mergullan incansábeis nas posíbeis motivacións do seu comportamento. É así que se debuxa o retrato complexo e profundo, mais cheo de arestas, da recolledora de améndoas. Non tería sentido que lles contase. Este é xustamente o maior pracer da obra, descubrir o ser humano oculto dentro desa muller dura e reseca.
“Unha muller de honor” e Don Camillo
Vivimos no estereotipo da pasta, as pasarelas, as vespas e a mafia. Xustamente por isto “A Mennulara” se fai tan interesante. Primeiro, é a tradución dun dos últimos éxitos da literatura italiana; segundo, o país que se retrata afástase dos tópicos e resulta críbel e profundo. Por un lado ofrécesenos unha imaxe da mafia desacostumada, sen xulgamentos morais e centrada no concepto de honor, ese d’O Padriño de Coppola. Por outra banda, porque recolle os fíos de cambio social dos anos sesenta. Os conflitos entre os señores e “os outros”, que son desagradábeis e cómicos a un tempo e me lembran á Carmen de Delibes en “Cinco horas con Mario”, frustrada coa perda de poder social e económico. Os problemas políticos dunha Italia confusa onde a dereita, relixiosa e conservadora se enfronta a unha esquerda moderna e moi militante. A personaxe de Gaspare Risico, tenrísimo recén casado membro do Partido Comunista, ecoa ao Peppone aquel do Don Camillo de Giovanni Guareschi. Pero sobre todo a mudanza do papel das mulleres encarnado na propia protagonista.
II Premio Novela Europea
Gosto deses que deron en chamar Premios do Público, eses que teñen un xurado formado por lectores normais, se é que ser lector non é en por si unha “anormalidade”. As súas decisións danme confianza, creo ver nelas a busca do pracer da lectura en por si, como entretemento, alegre ás veces, acedo outras. “A Mennulara” obtivo no 2004 o II Premio Novela Europea organizado polo Casino de Santiago de Compostela, competindo con pesos pesados coma Günter Grass ou Mario Vargas Llosa. Dixo dela o xurado que era “fácil de ler”. Penso eu, que inxustamente denostado está este comentario. Por que hai un sector místico que cre que só é boa literatura aquela que nos esixe dicionarios, enciclopedias, análises sintácticas? “A Mennulara” é unha novela ben escrita (vaia, ben traducida), pulcra, que engancha ao lector e deixa no fondo do padal un pouso a laranxal ou ao “sol del membrillo”.