Puntuación: 2.4/5 (89 votos)
Concedido por un xurado de lectores e lectoras, o Premio Novela Europea está organizado polo Casino de Santiago de Compostela e concédese a obras publicadas en calquera país de Europa. No ano 2004 a novela gañadora foi A Mennulara, da autora italiana Simonetta Agnello Hornby. Editorial Galaxia, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, publícaa na colección Literaria, co que continúa a súa liña editorial dedicada á edición en galego das máis salientables novidades da narrativa internacional.
A novela de Simonetta Agnello Hornby conta a vida dunha muller singular, a Mennulara, chamada así porque de nena colleitaba améndoas. A novela, que seleccionou por votación popular o xurado do Premio Novela Europea, iníciase o 23 de setembro do ano 1963 coa morte da protagonista para, posteriormente, desenvolver o relato en espiral en torno á figura desta criada dunha familia de terratenentes sicilianos. Os veciños da vila de Roccacolomba pregúntanse sobre o poder desta muller, que chegou a ser, na práctica, a administradora das propiedades e do palacio da familia Alfallipe. Chegan a odiala e mesmo a maldicila, pero tamén hai quen a lembra con gratitude. ¿Quen era realmente? ¿Unha sedutora? ¿Unha peza máis nas mans da mafia local?
"A Mennulara" é un dos máis intensos e poderosos retratos de muller da narrativa europea actual. Ao tempo, a novela fainos volver á Sicilia de O Gatopardo, que, un século despois, aínda se debate entre o pasado e o presente, coma se se quixese resistir ao paso do tempo. Un mundo de misterio e paixón, de personaxes e situacións memorables, contado coa sensualidade e o colorido da luz do Mediterráneo. Todo un acontecemento literario que Editorial Galaxia achega aos lectores e lectoras galegas. A narrativa europea actual publicada agora na nosa lingua.
[Presentación editorial]