Quince anos despois da publicación de “A nación incesante” (1989), libro de conversas con Xosé Manuel Beiras tamén realizado por Miguel Anxo Fernán Vello e Francisco Pillado Maior, “A estrela na palabra” ofrece un vivo testemuño do Beiras humano e político dos nosos días.
4 / 4 / 2005
Gustavo Hervella. SantiagoQuince anos son dabondo suficientes para ollar para a actualidade con liberdade e dun xeito reflexivo. Xosé Manuel Beiras así o fai nesta nova entrega das súas “memorias orais”, “A estrela na palabra”. Trátase da continuación daquelas que en 1989 viran a luz en Sotelo Blanco e que tamén tiñan como entrevistadores a Fernán-Vello e Pillado Mayor e como entrevistado ó que foi líder do BNG ata 2003. Pero o tempo non perdoa; as imaxes demostran que os anos deixaron a súa pegada, non só fisicamente, tamén nas aptitudes.
Naquela primeira achega líamos a un Beiras que viña de ser elixido deputado en 1986 e prometera o seu cargo co puño en alto e cunha rosa vermella na man. Agora apreciamos o perfil dun home máis humano e con maior liberdade para tratar temas que anos atrás poderían resultar molestos. Os xubilados, aínda que sexa unha ousadía cualificar así a esta personaxe, falan desde a súa experiencia, o que nos pode servir de exemplo, pero tamén porque as consecuencias que se deriven das súas afirmacións pouca transcendencia poden ter para o seu devir persoal. Precisamente isto é o que máis se agradece do libro, a aparente sinceridade –aparente porque non podemos esquecer que estamos diante dun político, onde moitas veces o que cala é algo máis que complementario do que di- con que Beiras aborda todos os temas, desde os máis persoais relacionados con figuras da nosa recente historia como Ramón Piñeiro ou García Sabell, ata os esencialmente políticos coas discrepancias máis que evidentes coa UPG –un dos partidos integrados na coalición frontista- e nomeadamente con Francisco Rodríguez do que chega a afirmar “..... que ven a realidade a imaxe e semellanza deles mesmos”, ou “se eu me comportase nos episodios do último ano como se comporta Francisco Rodríguez, ¿onde estaría o BNG?”.
Este traballo, a medio camiño entre unhas memorias e unha reportaxe xornalística é a perfecta escusa para que unha das personalidades máis destacadas do panorama político galego poida reflexionar en voz alta sobre unha variedade de temas que moitas das veces transcenden o puramente público. A isto contribúe que moitas das cuestións que se lle formulan, estean dirixidas dun modo excesivamente evidente, non gardando, polo tanto, as distancias idóneas que entre entrevistadores e entrevistado se deberían dar. Xosé Manuel Beiras é unha personaxe suficientemente atraínte e cunha bagaxe intelectual de todos coñecida ó que non lle é necesario que lle sinalen o camiño; nas súas respostas apréciase que di o que considera oportuno nese momento –hai que lembrar que a entrevista realizouse ó longo de varias sesións entre o 2001 e o 2003-, non sendo necesario que a resposta estea implícita na pregunta. Sirva como exemplo a seguinte: “No proceso de crecemento político do BNG, que estamos a analizar, consideramos que un dos aspectos fundamentais dese crecemento reside na calidade, na densidade, na coherencia e na credibilidade dos seus programas políticos, que son percibidos por unha ampla maioría do electorado que lles dá a súa confianza...”.
Continuación complementaria
Como xa sinalamos ó comezo, este libro é continuación do saído á luz en 1989, aínda que para o lector actual este ten un maior calado, xa non só porque analiza a actualidade galega dun xeito máis incisivo, senón porque os temas que agora se tratan teñen outro alcance; non responden en exclusiva ás lembranzas de xuventude e adolescencia, senón que reflexionan sobe o papel da Declaración de Barcelona, a Unión Europea, o PSOE, o PP ou o propio BNG. Isto non quere dicir por unha parte que sexa necesario ler “A nación incesante” para comprender esta nova achega, pero, por outra, tampouco que entre os dous non haxa ningún tipo de relación. Unha das máis evidentes é a análise que se fai en ambos das figuras de Piñeiro e García Sabell e daquela plataforma “galeguista” que foi REGA.
Como todas as reflexións que se fan en voz alta e a certas idades, Beiras aquí tamén peca de amosar un carácter mesiánico, onde se presenta como a luz clarividente do nacionalismo galego en xeral e do BNG en particular. Segundo se desprende das súas respostas, grazas as súas xestións e ó seu bo facer, logra convencer a todos das vantaxes de entrevistarse con Manuel Fraga, de asinar a Declaración de Barcelona ou de moderar a súa linguaxe nalgunhas das súas intervencións no Parlamento, moitas das veces en contra do aparato político da UPG, “seguindo a liña que eu personificaba”. Sen embargo, isto non é óbice para clasificar ó libro como un “axuste de contas” contra ninguén. Constitúe outro punto de vista da realidade galega, persoal, lúcida e válida, xa que se trata do ofrecido por un dos políticos máis significados do panorama actual, referente non só para os nacionalistas, senón tamén para os que non o son.