Neste ensaio da colección Cadernos da Área de Pensamento o psiquiatra Santiago Lamas tenta achegarse multidisciplinariamente a un “algo” que segundo el hai no noso modo de ser, na nosa mentalidade, no noso carácter nacional, no noso imaxinario, na nosa visión do mundo, no noso territorio, ou no que sexa, que nos fai diferentes diante dos demais e diante nós mesmos fronte ós outros. O autor recolle a tradición dos “médicos humanistas” e transfórmaa introducindo no seu discurso as teorías máis avanzadas das ciencias actuais e colocando a identidade galega no seu diván a tódolos efectos.
28 / 3 / 2005
Juan Luis Pintos. Santiago
Este é un libro diferente. Un autor recolle a tradición dos “médicos humanistas” (lembremos ao esquecido Rof Carballo) e transfórmaa introducindo no seu discurso as teorías máis avanzadas das ciencias actuais ("lóxica borrosa", “teorías da paisaxe”, “imaxinarios sociais”, “Times maps”…). Todo aplicado a Galicia. Porque xunto coas novísimas teorías amosase un coñecemento afondado dos nosos “clásicos” e “modernos” (Murguía, Pondal, Otero Pedrayo, Castelao, Cunqueiro), e a lectura dos traballos publicados no ultimo decenio por antropólogos, xeógrafos, sociólogos, historiadores e demais científicos que se ocupan nestes labores.
O resultado das lecturas e das experiencias do autor, de profesión psiquiatra e de procedencia ourensá, é un libro distinto que podería significar un antes e un despois na abondosa literatura sobre Galicia. ¿Por qué?
En primeiro lugar porque parte dunha teoría ben artellada coa observación do cotián e da linguaxe que lle permite unha interpretación de tópicos que se mantiñan en pé pola mera repetición ritual: “pregunta como resposta”, “escaleira”, “morriña”, “meigallo”, etc. A metáfora principal e a da árbore e o rizoma (páx. 119-122) tomada de Deleuze et Guattari que representa a distinción entre o modelo xerárquico (“que dominou desde a botánica, a lingüística, dende a bioloxía ata á teoloxía á política e á economía”) e o modelo ecosistémico, a rede, o rizoma. “En termos informáticos falaríamos de procesamento secuencial xerárquico, e de redes neuronáis ou conexionismo”. Esta distinción permite facer observacións de gran orixinalidade sobre fenómenos tan xeneralizados como o “caciquismo”, as “modernizacións” e o “Estado de benestar”.
Aseghún
A segunda característica relevante desta obra é unha ampla perspectiva pluridisciplinar. Emprega con rigorosidade conceptos propios de disciplinas habitualmente afastadas tais como “Universais e atractores semánticos” (pp. 25-31), “lóxica borrosa” (é particularmente salientable o tratamento do “aseghún” en todo o texto, pero particularmente nas pp. 32-34), “paisaxe antrópica” (pp.36-40), a máis dos da propia disciplina de psiquiatría. Esta maneira de abordar o tratamento das cuestións que afectan a Galicia e ós galegos está lonxe de esquecer as distincións empregadas habitualmente para se referir a problemas políticos económicos ou sociais. Un exemplo xa citado é o do caciquismo; outro o do nacionalismo (pp. 122-124); outro o do “rururbano” (125ss).
Porque a pesquisa de Santiago Lamas non se asenta en observacións ahistóricas que exclúan o paso do tempo. Pola contra o extenso tratamento da cuestión de paisaxe galega (unha das partes máis conseguidas do libro) mestura moi equilibradamente as diferentes teorías coas máis recentes observacións empíricas e as discusión ecolóxicas. Outro aspecto salientable é o das festas que se perden e as "recreacións históricas... ás ducias de festas semellantes, inzan Galicia adiante sen que se vexan sinais de que o proceso baixe o seu constante medrar" (72). Un exemplo do seu tratamento do tempo e da historia áchase na abordaxe do tema de emigración, americana, europea, española, de ida, de volta e xeneracional (175ss).
Galifornia e Garizona
Esta é unha procura que non se pecha en si mesma, senón que abre pistas novas de investigacións sobre as nosas ben diferenciadas realidades. O asunto do bosque e das árbores é un deles. A máis de explicar desde a tese da borrosidade o tópico das árbores que non deixan ver o bosque propóñense diferentes saídas más ou menos “imaxinarias”, como “Galifornia” e “Garizona” e fai pensar máis en tomas de decisións que en sometemento as diferentes determinacións.
Non podemos alongar máis esta recensión dun traballo sobranceiro que comeza un novo camiño volvendo novidade a tradición e aplicándose a si mesmo a teoría que propón (166ss.). Se algunha suxestión se puidera facer para ás seguintes edicións (pois estou no convencemento de que atopará unha chea de lectores intelixentes que aproveiten como fixen eu a súa sabedoría) sería a de que, seguindo o exemplo de Roland Barthes na súa obra Le plaisir du texte (1973), engadira un índice dos diferentes fragmentos no que unha soa palabra (p.e. “Saudade”, “Paisaxe”, “RTVG”, “Feísmo”, etc.) orientara ó lector na lectura e na relectura deste ensaio no que o borroso adquire un significado conceptual e social a máis de histórico e científico.