A historiadora María Jesús Baz bota luz enriba dos ensaios de historia agraria, e faino mediante a explicación do feito fundamental da historia contemporánea de Galicia: á propiedade da terra, o sistema foral e os atrancos que os labregos sufriron para liberarse desta carga de orixe medieval. Segundo Gustavo Hervella estamos ante un referente de futuro para os estudosos do pasado agrícola galego, un libro que destrúe tópicos historiográficos que desde anos ficaron non só na academia, senón tamén no imaxinario popular.
10 / 1 / 2005
Gustavo Hervella García. SantiagoPara un galego a historia agraria é o mesmo que a historia de Galicia. A nosa terra sería incomprensible se non tivésemos en conta ao agro, aos labregos é a explotación dos campos galegos. A sociedade de hoxe non é máis que o reflexo da que anos atrás, sobre todo antes da chamada “revolución verde” dos anos sesenta, era a dominante en Galicia.
Co traballo de Mª Jesús Baz Vicente, o que se fai é recuperar parte da nosa memoria histórica colectiva, e aínda que se cinga a unha zona moi concreta da provincia da Coruña, o desenvolvemento do mesmo e as conclusións ás que chega, poden ser extrapolables para toda Galicia, non só polos continuos exemplos que doutras comarcas realiza -Monterrei, Ferrol ou Lugo- senón porque as consecuencias do foro e da explotación da terra son parellas en todas elas. Cando os analistas sociais se fixan nun caso concreto e non o comparan cos doutros lugares, o máis normal é que se chegue a conclusións erróneas; moitas das veces foi isto precisamente o que aconteceu coa historia agraria.
Con este libro a historiadora Baz Vicente achéganos ao feito fundamental da historia contemporánea de Galicia: á propiedade da terra, ao sistema foral e aos atrancos que os labregos sufriron para liberarse desta carga de orixe medieval. Ata aquí non se diferenciaría doutros traballos que sobre o tema se levaron a cabo desde mediados dos oitenta; a novidade é que agora aténdese ás posesións da alta nobreza española, concretamente ó ducado de Alba, tema do que é especialista a propia investigadora. Se ata o de agora a mobilización campesiña atacaba á clase rendista, é dicir á fidalguía, ou aos posuidores eclesiásticos da terra, os mosteiros, con este traballo decatámonos que a alta nobreza tamén tivo un protagonismo destacado na loita pola liberalización da terra.
Desenredar o pasado
O libro preséntasenos dividido en tres apartados: no primeiro trasladámonos á Idade Media, cando nacen os dominios señoriais, o segundo detense na Revolución Liberal e nas diferentes lexislacións que a mediados do século XIX se aplicaron para liberalizar o mercado da terra, e o terceiro fai fincapé na proletarización do campesiño acaecida desde 1900. Os estudos de historia local son moi importantes á hora de desenredar partes do pasado dun pobo, xa que a través das “pequenas cousas” chegamos a comprender os grandes acontecementos. O que de destacable ten este libro é precisamente a luz que bota enriba dos ensaios de historia agraria, e faino mediante a explicación dos movementos antiseñoriais e antiforistas na bisbarra de Oleiros. Temos que ter en conta que Galicia é unha grande aldea e que moitos dos procesos que nun lugar se desenvolven axúdannos a explicar os que acontecen noutro. Baz Vicente logrou definir con claridade isto, xa que a liña que sinala este traballo aínda que referida ás Mariñas coruñesas, pódese extrapolar cara outros lugares, incluso de fóra de Galicia como é o caso valenciano (p. 43-44). A historia deixa de ser un conto cuns protagonistas determinados; os estudos sociais explican a sociedade no seu conxunto, non só unha parte dela. A este respecto, estamos ante un referente de futuro para os estudosos do pasado agrícola galego. A autora tan só utiliza un exemplo concreto da loita das Mariñas, o preito posto polas poboacións de Iñás, Serantes e Dexo aos duques de Alba en 1855, e a partires del constrúe desde este escenario local a explicación de parte do antiforismo galego (p. 39-43).
Destrución de tópicos
Se por unha banda este era un dos feitos que me interesaba reseñar, o da importancia da historia local, por outra, o libro destrúe tópicos historiográficos que desde anos ficaron non só na academia, senón tamén no imaxinario popular. Trala I Asamblea Nacionalista celebrada en Lugo en 1918 sempre foi tomada como verdade incontestable a loita dos labregos por saír do xugo que representaba o foro. Os nacionalistas outorgábanlle ao pobo agricultor a categoría de gardas das esencias da nación. Baz Vicente desfai este tópico con datos concretos como a tardanza da abolición do foro (p. 54-55, 58) ou o feito de que ten que ser a propia Casa de Alba a máis interesada de redimir as rendas pola conxuntura económica do momento a partires de 1905 (p. 59, 61). A resistencia campesiña a pagar a renda desenvolveuse no século XX (p. 63-64), e a excepción da provincia de Ourense, as loitas non foron tan crúas como se podería pensar (p. 45), aínda que existiron. A nobreza perpetuouse no dominio da terra entre outras cousas, “porque gracias a iso non só se mantiveron como principais contribuíntes fiscais durante todo o XIX senón que ademais os seus vástagos puideron representar como deputados ás nosas terras en diversas ocasións” (p. 35).
Pola abundancia dos estudos existentes sobre a propiedade e a desamortización eclesiástica a aparición deste, e doutros da mesma autora que fan referencia aos señoríos laicos, convérteno nun ensaio esencial á hora de comprender mellor a historia recente do país. Paradoxalmente, é unha editorial pequena, Trifolium. El Taller de Juan, a que tivo esta iniciativa, outro motivo máis para fixarse cada vez máis nos estudos de historia local.