Nesta obra, publicada inicialmente en 1949, Tom Barry describe desde a súa propia experiencia persoal como comandante da West Cork Flying Column na guerra de guerrillas irlandesa de principios do século vinte. O seu principal valor é o das lembranzas deste voluntario irlandés, nada imparciais e mesmo moi subxectivas nas súas valoracións, pero que aportan moita información histórica sobre as batallas e o seu desenvolvemento.
26 / 10 / 2004
Gustavo Hervella. Santiago
As historias nacionais son unha realidade que na maior parte dos casos están cimentadas en loitas intestinas entre comunidades que no fondo non son tan diferentes; é o caso actual de croatas e serbios, rusos e chechenos ou irlandeses e británicos, tema que centra estas memorias de Tom Barry, guerrilleiro do IRA nos primeiros anos vinte. “A constitución da Irlanda contemporánea” é un traballo feito desde as lembranzas deste voluntario irlandés. Desde esta conxuntura inicial hai que proceder á lectura do libro. Non pretende ser unha testemuña imparcial dos acontecementos acaecidos na zona de Cork Occidental, senón que son as lembranzas dun loitador implicado directamente nas batallas e escaramuzas que narra, sendo, xa que logo, unha fonte de primeira man sobre a guerra anglo-irlandesa, e como tal debe ser tratada. Isto apréciase na forma que ten de contar os acontecementos, dun xeito visceral e marcando claramente valores sempre tan indefinidos como quen eran os bos e os malos.
Atendendo ao tema do propio traballo, o nacionalismo irlandés, destacamos como o propio Barry non foi alleo aos tópicos “nacionais” á hora de xustificar a loita armada. Onde radica a interese destas memorias, é no feito de que nos conta paso a paso como se foron desenvolvendo as batallas, quen participaron, cantos mortos ou feridos houbo en cada escaramuza e que persoas merecen estar, ao seu xuízo, no panteón nacional irlandés e cales foron os traidores. Tamén descubrimos como foi posible que un exército de guerrillas foi capaz de descolocar e, en certa medida, derrotar ao todopoderoso Imperio Británico e, por riba, tan preto das súas fronteiras.
O estilo do autor é de dificil lectura, xa que o que fai é proceder en cada capítulo a sinalar xeograficamente onde se loita ao tempo que ensalza aos guerrilleiros, que evidentemente tan só son coñecidos nesta zona de Irlanda. Nos últimos apartados é onde se fai referencia a Michael Collins e Eamon de Valera e é aquí onde a narración se axiliza. Deste xeito, podemos considerar a obra como un diccionario de voluntarios –así é como se definen os membros do exército irlandés- do IRA de Cork Occidental, quizás por iso carece de índice onomástico, algo que por outra parte sería moi recomendable.
Historia moi persoalApreciamos, do mesmo modo, como o significado das palabras cambian segundo quen as diga. Para Barry os terroristas son os británicos, e así os define sempre (p. 56, 129, ou 168), mentres que os irlandeses son os loitadores pola liberdade (p. 57, 110 ou 208). Nembargantes, para Wilson, xefe do cadro de xenerais do Imperio, os irlandeses eran sanguinarios e desestabilizadores (p. 220-222). Así mesmo, esta faceta acentúase cando se fai referencia á humanidade con que son tratados os prisioneiros británicos e pola contra as vexacións ás que son sometidos os irlandeses, destacando sobre todo a columna Essex, a máis sanguinaria, segundo Tom Barry. Xunto a isto, tamén sobresaen no libro dúas ideas. Por unha parte, como os irlandeses en cada batalla sempre están en inferioridade numérica e desprovistos de material bélico pero sempre logran vencer, por que se supón que loitan por unha causa xusta. Por outro lado, a importancia que a relixión católica ten para eles, chegando incluso a crer no silencio dun home porque xurara enriba dunha biblia (p. 96). Lembremos que na constitución irlandesa de 1937 o catolicismo e a igrexa recibiran un respaldo explícito. Aquí botamos en falta algunha reflexión máis acentuada sobre as raíces psicolóxicas do conflito, e non so a apelación a razóns pseudohistóricas e de opresión imperialista. Certo é que Tom Barry posiblemente non estivera preparado para escribir sobre iso, el pretendeu rescatar unha parte da súa historia persoal e deixarlla ás xeracións futuras.
Para Barry, moito do éxito desta guerra de guerrillas foi a axuda desinteresada que a poboación civil lle daba ás columnas e por extensión ao IRA, algo que historicamente está corroborado. O Sinn Fein, brazo político do IRA, en 1919 contaba con 114.000 membros, e xa antes, nas eleccións de 1918 este grupo obtivera o 61% dos votos irlandeses, exceptuando o Ulster.
Estas memorias reflicten unha época recuperada por un protagonista do conflicto. Así, como lectura ensaística tampouco son recomendables; pero temos que analizalas como as lembranzas dun home que así viu a realidade, e o que é máis importante: así a lembrou. O estilo literario quizás non sexa o acostumado, ao igual que a exaltación de determinados acontecementos, pero tamén temos que sinalar que se trata dunha obra que víu a luz por vez primeira en 1949; o que nos leva a reflexionar sobre a utilidade desta reedición agora. Pódese enmarcar no momento presente nas loitas que aínda acontecen nas illas británicas ao redor de Irlanda, pero temos que tomala con reserva como referente á hora de tentar comprender estes acontecementos, xa que contan unha parte parcial da realidade.
Se o lector pretende achegarse ao conflito anglo-irlandés non podemos recomendarlle esta obra, xa que está orientada ao investigador coñecedor deste tema, así, o libro axudaralle a enmarcar acontecementos que polo seu carácter rural sexan máis descoñecidos.