Primeira entrega dun ambicioso proxecto narrativo que dá conta da historia dos practicantes evanxelistas na Galicia do século XX –desde 1916 até a morte de Franco- a novela de Xavier Alcalá introduce na literatura galega un tema novidoso e faino cun amplo soporte de documentación e fontes orais. “Entre fronteiras” narra con prosa sinxela a primeira parte desta historia até finais da Guerra Civil. A novela lles dá voz aos perdedores da Historia, un canto á liberdade de expresión e de culto.
10 / 5 / 2004
María Liñeira. Santiago
“Nós queríamos libremente surrir, / falarlle a Dios no vento que pasa / -no longo vento das chairas e dos bosques- / sin temor, sin negruras, sin cadeas, / sin pecado, libremente, libremente...” publicaba aló polo ano 1962 Celso Emilio Ferreiro. Estes versos poderían perfectamente resumir o ambicioso proxecto narrativo que Xavier Alcalá vén de encetar: a triloxía narrativa “Evanxélica memoria”, coa que pretende dar conta da historia da comunidade evanxélica galega desde 1916 ata 1975, a historia por falarlle a Deus desde a heterodoxia. Acaba de ver a luz a primeira das novelas, “Entre fronteiras” (Galaxia, 2004), que se ocupa da historia dos evanxélicos desde 1916 ao final da Guerra Civil en 1939. A segunda entrega será “Nas catacumbas” e relatará o período máis represivo, o da inmediata posguerra, de 1940 a 1950; e por último, “Unha falsa luz”, que abarcará desde a década dos 50 ata a morte de Franco en 1975.
”Evanxélica memoria” introduce na literatura galega un tema novidoso: a historia do evanxelismo galego e da súa represión, presentada en forma de autobiografía baseada en feitos reais.“Nunca darei pagado ós evanxélicos que me brindaron a súa historia” recoñeceu Alcalá en varias entrevistas. O matrimonio que hai cinco anos lle ofreceu ao escritor unha vida de máis de 90 anos como materia literaria exemplifica a historia da heterodoxia relixiosa na convulsa España do século XX. A narración esixiu un importante labor de documentación: horas de entrevistas cos informantes, a corroboración de datos históricos, políticos, sociais... Como resultado temos unha prosa sinxela, ben ganduxada, sen alardes, percorrida por unhas personaxes arquetípicas que representan os protagonistas históricos: cregos, militares, políticos. O protagonista Manuel Liñares Couto cóntanos a súa historia familiar arraiana, fillo de ferroviario socialista e nai beata. Asistimos ao seu descubrimento do mundo, da amizade, do amor. Vemos como descobre a Deus e con el o evanxelismo, a súa loita pola diferencia de culto nunha España católica de tintes inquisitoriais. E a guerra, unha guerra fratricida na que participa obrigado e aínda por riba do lado que o oprime, do bando que cando gañe o fará volver ás catacumbas. “Entre fronteiras” ben se podería considerar unha novela histórica sobre a Guerra Civil, xa que está ocupa a meirande parte da obra. Asistimos ao relato minucioso da vida nas trincheiras: a fame, os piollos, as pequenas infamias, o medo, os problemas de conciencia.
A metáfora do Impaís
Xavier Alcalá (Miguelturra, Ciudad Real, 1947), un dos narradores máis prolíficos do panorama das últimas décadas, non deixou de acudir asiduamente á cita cos seus lectores desde que en 1972 vise a luz o seu primeiro libro de relatos, “Voltar. Seis personaxes e un fado”. En 1998 gañou con “Alén da desventura” o prestixioso premio Blanco Amor e é da súa autoría “A Nosa Cinza” (1980), unha das novelas máis lidas e aprezadas polos escolares galegos desde a súa publicación. A el lle debemos a cimentación como materia literaria da epopea dos galegos no Novo Continente, a nosa literatura de Far-West, e a creación da metáfora do Impaís, o país que non é, porque “Galiza non son imaxes / son restos” que di Lupe Gómez. As historias de Xavier Alcalá tiveron sempre como obxectivo facer país e ao igual có bravú son “unha escusa para contar, para armar historias poderosas nos días estes, tristes días de novos caciques”. E se é verdade como el di que “os países se asentan en historias reinventadas” acó está el para reinventarnos e así asentar país. “Evanxélica memoria” é un banzo máis por contarnos, por contar a intrahistoria do Impaís. O espazo en que se lles dá voz aos perdedores da Historia, un canto á liberdade de expresión e de culto.