A nova novela de Xavier Alcalá forma parte dun proxecto narrativo centrado na historia nunca contada das comunidades evanxélicas en Galicia. “Entre fronteiras” narra a historia dunha represión. Partindo de feitos reais, a novela de Alcalá achéganos a verdade a través da ficción. As consecuencias de vivir cunhas conviccións relixiosas diferentes e as vicisitudes que o contexto histórico impón aos evanxélicos en Galicia constitúen a materia prima da triloxía “Evanxélica memoria” iniciada coa novela que agora publica Editorial Galaxia.
“Entre fronteiras” supón un esforzo narrativo singular. A historia que conta Xavier Alcalá nesta novela comeza durante reinado de Alfonso XIII e chega á guerra civil. As circunstancias e os personaxes son retratados coa exactitude dun escribán de xulgado e o pulso firme e apaixonante dunha narración que flúe dun xeito imparable. A base documental da novela está tomada directamente das conversas que o autor mantivo con membros da comunidade evanxélica en Galicia, Os seus testemuños axudaron a Alcalá a tecer un relato de ficción narrativamente verosímil, amais de apaixonante polo que ten de historia vivida.
Xavier Alcalá descobre unha parte ata o de agora descoñecida da nosa historia. O autor anuncia a continuación desta epopea do noso tempo noutras dúas novelas máis, “Nas catacumbas” e “Unha falsa luz”. Cada unha das partes da triloxía pódese ler de xeito independente, xa que abranguen distintos períodos da historia recente: a guerra civil, a posguerra e o franquismo ata a morte do dictador.
[presentación editorial]