Fin de poema é o terceiro libro de Juan Tallón publicado en galego e gañador da XIX edición do Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Unha obra na que o autor tece datos biográficos e ficción para recrear os últimos momentos na vida de catro poetas antes de que se quiten a vida, catro voces célebres e de referencia na literatura occidental: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Anne Sexton e Gabriel Ferrater.
13 / 8 / 2013
Lorena López López. Santiago
A través dunha narración fragmentada en vinte capítulos nos que as historias dos catro poetas se van intercalando, seguimos os seus pasos dentro dun vagar cotián que hai moito que deixou de ter sentido e que se volve cada vez máis opresivo. Compartimos os seus recordos, as reflexións sobre a súa vida persoal e literaria, e asistimos a un esgotamento vital que os engole aos poucos, que xa non atopa saída unha vez que a poesía tamén os abandona. Un momento vital case idéntico no que as vivencias de cada protagonista e as maneiras de afrontar ese baleiro están cargadas de matices e camiños diferentes. Marcas propias de cada un dos poetas, da súa personalidade, que Tallón consegue recrear cunha facilidade e mestría que chaman aínda máis a atención nesa alternancia de voces.
Alén das diferenzas, o silencio e a perda da palabra son elementos comúns aos catro. Os versos que antes serviran de conforto, busca, comunicación, son agora substituídos por un silencio impotente que acaba pesando coma unha lousa e engulíndoo todo. Ao longo do libro as historias de Cesare, Alejandra, Anne e Gabriel fannos partícipes desa perda da voz literaria que deixa paso franco á sombra do suicidio coa que conviven desde hai moito, coma se dunha compañeira se tratase. As súas reflexións sobre a vida e a escrita, sobre as razóns que atopan nela e o que significa para cada un/unha, énchense tamén co cotián e coas lembranzas que son como “anacos dun cristal roto, que meses despois de que o vidro rachase aparecían en calquera recuncho”.
Esas lembranzas traen a escena outras escritoras e escritores e fan que nos acheguemos, non só ás voces dos protagonistas, senón tamén a outras que son para eles xémeas, compañeiras, mestres, paixóns literarias... Por un lado, a de compañeiros e amizades coas que compartiron parte da vida e que reaparecen na memoria de anécdotas ou seguen presentes nos seus últimos momentos. O afecto de Cortázar e Pizarnik, a complicidade de Plath e Sexton nas súas ideas recorrentes, a amizade desta con Maxine Kumin, etc. Por outro, as alusións ás lecturas de referencia dos poetas trazan unha liña no tempo que une a desesperación de Alejandra coa que Kafka deixa nos seus diarios, que nos amosa a devoción e identificación de Anne con Robert Lowell, ou conecta a Gabriel coa última lección de André Guide. Un diálogo entre autores que salta do literario ao vital, onde as identificacións se multiplican e superpoñen como nun xogo de espellos. Unha complicidade prolongada e proxectada máis aló da propia historia dos protagonistas, onde o recoñecemento e a busca comeza na nosa propia lectura da súa intimidade.
Ao lado do anterior, as descricións de detalles mínimos do cotián que envolve os últimos momentos dos catro poetas sérvenlle a Tallón para conseguir unha recreación dos ambientes e dos estados de ánimo completamente sensitiva. Lonxe dun discurso sobrecargado, o seu estilo depurado constrúe en ocasións imaxes especialmente visuais e poéticas. Podemos ver a Cesare pousar a cunca de café no prato, sentimos o avance da súa desesperación: “os seus diarios salvárono dunha ruína maior. Cando o lume o rodeaba, afundíase na auga e esa operación auxiliábao. Pero a tristura practicada con constancia, como un vicio, acabou abrasando o refuxio do diario. Tamén a auga ardeu”.
A forma fragmentada do libro evidencia esa destreza na construción de atmosferas e estados. A brevidade de cada un dos vinte capítulos fai que saltemos dun a outro con rapidez, mais en contra do que cabería agardar, o cambio de escenario e protagonista resulta extremadamente doado e non dana en absoluto o efecto envolvente de cada historia. Coa mesma intensidade, mergullámonos nos matices doutra vida e no estado emocional doutro personaxe case de inmediato tras abandonar o escenario do capítulo anterior.
Fin de poema é un libro que cativa a quen le, onde a proximidade e a complicidade cos protagonistas se fai posíbel, máis aló das propias experiencias, grazas á destreza narrativa de Juan Tallón e onde podemos sentir, case tocar, o espazo desolado dunhas vidas que finalmente acaban envoltas no silencio.