O Tempo marca un eixo que atravesa toda a historia desta terceira novela de Santiago Lopo, gañadora da última edición do Premio Manuel García Barros. A dosificación da trama e os temas que ten de fondo, de interesantes e profundas raíces científicas e filosóficas, son o seu maior atractivo.
O Tempo marca un eixo que atravesa toda a historia desta terceira novela de Santiago Lopo, gañadora da última edición do Premio Manuel García Barros. Desde o título ─que fai referencia á denominación da hora segundo a escala unificada que emprega a comunidade militar e científica─ até o núcleo da trama, pasando polos tempos narrativos na novela, está presente a preocupación filosófica arredor da construción da noción do tempo e da nosa percepción suxeita a ela.
A historia comeza co ingreso en urxencias dun home de identidade descoñecida ─chamado despois o Profesor─ ao ser atopado ao pé dun cantil ferido e con amnesia. Mais o tempo principal desde o que se organiza a narración transcorre dez anos despois, tras a súa morte nun psiquiátrico no que foi internado e no que pasou o final da súa vida sen que se chegase a saber quen era realmente. Os escritos que deixa provocarán que a súa antiga doutora comece unha investigación sobre a súa identidade, da que nos poñerá ao corrente aos lectores a través dos correos electrónicos que lle manda a un compañeiro psiquiatra e que forman o fío principal da narración.
Porén, a novela preséntase dun xeito fragmentado a partir da multiplicidade textual, onde diversos formatos e voces achegan perspectivas diversas e parciais arredor da identidade do personaxe central do Profesor. Entre eles atopamos o ton de obxectividade de informes médicos, os correos da psiquiatra que envolven a investigación con sentimentos que volven ao revivir o pasado, a imaxe do profesor cimentada no trato persoal cos outros pacientes ou a (re)construción literaria nos escritos do propio protagonista, entre outros. Un calidoscopio que funciona como pezas dun crebacabezas que dosifican a información e manteñen latente o misterio, ao tempo que ofrecen unha mirada múltiple.
Sen dúbida, os escritos do Profesor supoñen un dos maiores atractivos do libro, trátase de poemas e relatos cuxa calidade literaria está por enriba do resto da narración. Aínda que aparentemente aparecen na trama de xeito independente, os poemas funcionan a modo de narración cifrada e os relatos abren novos interrogantes, tirando tanto uns coma outros da curiosidade de quen le dun xeito poderoso. A última das cinco historias que levan o título “Hora zulú” será determinante para entender a historia do Profesor e todas as anteriores inseriranse tamén na trama. Porén, algúns dos elementos máis interesantes dos relatos anteriores quedan sen clarificar, dando así nunha resolución que pode resultar cativa para as expectativas xeradas.
Sobre as pezas que imos recompoñendo, outros dos engados do libro son as reflexións científico-filosóficas que de maneira superficial o autor incorpora a través do Profesor. Consideracións conectadas coas teorías da física cuántica que supoñen unha porta aberta á reflexión filosófica sobre a percepción do espazo-tempo, e que modifican a nosa relación co universo tal como o concibíamos (viaxes temporais cara o futuro, existencia de universos paralelos, etc.).
Por outra banda, os coñecementos do profesor van unidos ao seu compromiso ético coa a Pachamama, a nai terra, e a relación do misterio co grupo ecoloxista radical Fumifugium ─cuxo manifesto abre o libro─ resulta axiña evidente. Mais na construción desa identidade do protagonista percibimos unha ambivalencia que oscila entre a imaxe dun enfermo mental e a lucidez dun xenio, o que fai aparecer as dúbidas sobre o diagnóstico do paciente, a orixe das súas reflexións ou sobre se a súa amnesia é finxida e, polo tanto, a estancia no psiquiátrico responde a outros motivos. Un marco e unha liña entre cordura e enfermidade mental que pode dar lugar a outras reflexións a cerca do que se percibe como loucura e do que a separa doutras formulacións da realidade que poden parecer arriscadas.
A pesar da súa estrutura fragmentaria, Hora Zulú resulta unha lectura sinxela e sen complexidades literarias onde a dosificación da trama e os temas que ten de fondo, de interesantes e profundas raíces científicas e filosóficas, son o seu maior atractivo. Unha historia que fala da quimera de parar o tempo e que nos convida a reflexionar sobre sometemento da nosa realidade aos parámetros temporais construídos por occidente.