O texto que se reproduce foi escrito nos meses escuros e desacougantes da represión franquista, durante a guerra civil, cando os camiños de Galicia eran sementados con cadáveres e as cadeas ateigadas expandían unha imaxe terrorífica do novo estado. Neste ambiente, o vello Pasín, era buscado pola contorna de Compostela, dous fillos foran detidos e asasinados e o resto da familia perseguida até a extenuación. O relato está completado con apuntes históricos desenvoltos por Dionisio Pereira tras anos de investigación arquivística, bibliográfica e entrevistas a militantes obreiros de anteguerra.
26 / 6 / 2012
Gustavo Hervella. Santiago
A fundación 10 de marzo e o historiador Dionisio Pereira preséntannos unha obra que, tanto pola temática que desenvolve como polo contexto temporal en que é narrada así como pola propia autoría, merece ser considerada unha das más destacadas do exiguo panorama editorial galego dos últimos meses.
José Pasín Romero: Memoria do proletariado militante de Compostela, recolle os pensamentos, inquedanzas, temores e desexos do líder obreiro compostelán José Pasín, pai e avó doutros significados sindicalistas e políticos santiagueses do século XX. Até aquí, pode semellar que estamos ante un estudo convencional; un vello dirixente que, nos últimos anos da súa vida, decide plasmar en papel a súa bagaxe persoal, tanto pública como privada. A novidade, e por ende, o significativo da obra, é que o texto que se reproduce foi escrito nos meses escuros e desacougantes da represión franquista, durante a guerra civil, cando os camiños de Galicia eran sementados con cadáveres e as cadeas ateigadas expandían unha imaxe terrorífica do novo estado. Neste ambiente, o vello Pasín, era buscado pola contorna de Compostela, dous fillos foran detidos e asasinados e o resto da familia perseguida até a extenuación. Ademais, o relato está completado con apuntes históricos desenvoltos por Dionisio Pereira que, tras anos de investigación arquivística, bibliográfica e entrevistas a militantes obreiros de anteguerra dá corpo ás memorias do protagonista. Así, neste traballo temos a conxunción perfecta, as lembranzas —lúcidas e claras, por outra parte— do político, coas eivas propias do recordo, e o estudo e contextualización histórica dos feitos levados a cabo por un dos historiadores de referencia do panorama ensaístico galego.
O texto comeza cronoloxicamente, coas lembranzas de Pasín do seu barrio, Santa Marta, no antigo concello de Conxo; alí naceu, creceu e morreu. É neste espazo onde comeza a historia, describindo a veciñanza, a escola e os primeiros traballos no contexto da Restauración e do Santiago de Eugenio Montero Rios, o “cuco de Lourizán”, unha das personaxes máis importantes da España do último terzo do s. XIX e primeiro do XX. A formación das primeiras asociacións obreiras e, como non, dos líderes políticos que anos despois despuntarán en moitas cidades e vilas de Galicia. Na análise deste período é onde xa nos atopamos coa primeira desmitificación, a da suposta Galicia submisa ante o poder e as circunstancias. A mobilización política dunha cidade como Compostela, as primeiras folgas, a loita contra o poder caciquil da igrexa, amosan como a sociedade santiaguesa e galega comezaba a ter consciencia da súa precaria situación e demandaba solucións. O mesmo acontece, xa con Pasín como concelleiro ("contra a miña vontade designáronme electo para concelleiro") no consistorio santiagués —identificado como "batallador concejal republicano" pola prensa da época—, nos anos dez até a chegada da II República. Neste período, a través do relato memorialístico de Pasín e das puntualizacións de Pereira, vaise debullando a vida cotiá da cidadanía compostelá e galega no primeiro terzo do século. Bo exemplo disto é o relato das memorias onde analiza o goberno de Moret e as políticas levadas a cabo polo ministro de Instrucción Pública, o Conde de Romanones (p. 153). A lucidez e exactitude dos detalles duns feitos de 20 anos antes de seren escritas as cuartillas converten a Pasín e por extensión a este traballo nunha peza destacada para a recente historia de Galicia. A compilación do editor contextualizando o relato crea unha sensación dinámica na lectura, outorgándolle un plus de verosimilitude ao escrito polo vello sindicalista.
Das sociedades de oficios ao sindicalismo de clase
Entre 1910 e 1936 Galicia foi protagonista dun acelerado proceso de modernización visible na progresiva incorporación ao mercado capitalista español e mundial así como pola integración da diversidade ideolóxica. Ambas afirmacións son evidentes nas memorias de Pasín: o traballo cada vez máis diversificado e enfocado a un amplo mercado e a presenza cada vez maior de entidades mutualistas e sindicais na cidade, nun primeiro momento divididas en oficios para, co paso dos anos, actuar como sindicatos de clase. A emigración, que uniu Galicia con América —nomeadamente con Cuba e Bos Aires— tamén está presente no estudo. As achegas dos indianos e a súa presenza na cidade do apóstolo convértenos en personaxes de referencia e, moitas das veces sen pretendelo, en referentes na participación colectiva na esfera do público. Estas reflexións son coas que nos atopamos nas memorias de Pasín. O ancián militante obreiro vai relatando, a través das súas lembranzas, a edificación da cidade contemporánea compostelá, as súas xentes, os acontecementos, a política e a vida cotiá. Existen ensaios que amosan ao proletariado en Compostela —e que están sinalados exhaustivamente na bibliografía deste— mais o que nos presenta Dionisio Pereira vai máis alá ao fotografar a través dos ollos e da memoria de José Pasín o día a día da cidade. Así, reflexiona e amósase duro coa igrexa "O cura, que sería natural axudase o traballador, faino ao revés, volvendo polo Patrón". Relata a fundación dos Círculos Católicos Obreros baixo a protección dos xesuítas, ou a constitución das novas sociedades de resistencia, "a maioría na órbita socialista, o que dá fe da boa saúde do obreirismo compostelán até 1898". De feito, contribuíu á creación da Sociedad de Ebanistas en 1901: "organicei a "Sociedad de Ebanistas", cuxo regulamento está feito da miña propia man". Tamén avogou pola laicización da sociedade, a secularización da escola e o antimilitarismo: "Pasín, afervoado antimilitarista e contrario á guerra do Norte de África, coma tantos outros, debeu ficar fortemente impresionado, posto que unha litografía de Ferrer e aos acontecementos de 1909 presidiu en diante a cabeceira do leito conxugal até que foi confiscada andando o ano 1928".
O desenvolvemento da modernidade no primeiro terzo de século en Galicia non foi homoxénea, existindo moitas "Galicias" segundo o grado de desenvolvemento tanto económico como social. A industrialización e a terciarización do sector produtivo non foi parella, producíndose diferenzas notables entre a costa e o interior e entre unhas cidades e vilas e outras. Compostela é bo exemplo disto, tal como lembra Pasín e corrobora Pereira nos seus apuntes historiográficos. Se ben a bandeira do "moderno" estaba enarborada por Vigo, Coruña ou Vilagarcía, Santiago aporta outro tipo de impulso que, paradoxalmente, ven en moitos casos dunha das institucións máis retrógradas: a igrexa. Así, moitos dos líderes sindicais galegos tiveron algunha relación coa sancristía, aínda que fose só na capacidade de comunicación e oratoria da que eran mestres os bispos e cardeais da mitra compostelá. Pasín, Villaverde Velo, Manuel Fandiño, Ezequiel Rey constitúen un bo exemplo: "¿Seica a reiterada asistencia de rexos militantes obreiros aos sermóns que impartían na catedral algúns reputados oradores eclesiásticos, caso do antigo cóengo carlista de Vitoria-Gasteiz e deputado en Cortes Padre Vicente Manterola y Pérez, non deu como paradoxal resultado elocuentes tribunos proletarios, tales como o futuro secretario da CNT galaica, José Villaverde, ou o propio Pasín?". A presenza da igrexa na Compostela finisecular era abafante, dominando todos os aspectos da vida. De feito, non descubrirse ante o viático ou ao paso das suntuosas procesións de Semana Santa era motivo suficiente para ir ao cárcere da Falcona por varias xornadas. Así, a separación da relixión da cidadanía-obreirismo-intelectualidade foise fraguando aos poucos até chegar á unha sociedade secularizada xa nos anos trinta.
Non somos tan diferentes
Galicia non era un territorio inerte e conformista. Trala lectura destas memorias afiánzase a idea —xa amosada noutros estudos deste e doutros especialistas— de que a sociedade galega, en diferentes graos, estaba metida de pleno na realidade económica social de España e Europa. A visión dunha sociedade atrasada e retraída cada vez ten menos fundamento. A través deste tipo de reflexións memorialísticas, persoais e na maioría dos casos feitas para non ser publicadas, a historia achégase á realidade. Un galego de hoxe pode sentirse reflectido nos escritos de Pasín, nos discursos de Villaverde, nas arengas de Juan No ou nos poemas de Jesús Posse. Este relato non é a visión dun xornalista da época, nin dun cronista coetáneo aos feitos, simplemente é a reflexión dun vello sindicalista, que estaba a ver como as conquistas e melloras sociais estaban a ser destruídas por uns militares golpistas que comezaban a edificar o seu pais con cadáveres.