A fotografía de Manuel Vilariño (Premio Nacional de Fotografía) non pode entenderse sen a ollada poética que a motiva ao igual que os versos deste poemario son herdeiros dos universos evocados nas súas series fotográficas máis austeras, lúgubres e barrocas. Esta primeira incursión no ámbito da poesía escrita é unha exploración radical do sentimento de perda, visión e experiencia da dor a través dunha poesía depurada por unha estética da imaxe e do silencio.
19 / 4 / 2012
Antía Marante Arias. Santiago
No ano 2007 Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) recibe o Premio Nacional de Fotografía en recoñecemento á súa singular e controvertida proposta artística onde a fotografía plástica sobrancea como vehículo da reflexión sobre cuestións de corte poético e filosófico relativas á condición humana. Catro anos despois Espiral Maior publica
Ruínas ao espertar. Ruinas al despertar, poemario bilingüe galego/castelán e primeira incursión do artista no ámbito literario. O título de Vilariño, xunto coa achega
A Boca da galerna (Luz da materia contra o invento de Deus), inaugura a recén estreada colección “Spiralia Poesía” concibida para a difusión das máis senlleiras voces poéticas de todos os ámbitos, desde o europeo ata o iberoamericano.
Se outrora a prensa subliñou a simbiótica natureza como creador de Vilariño ao denominalo “fotógrafo que nunca deixou de ser poeta”, a saída ao prelo de
Ruínas ao espertar anima a completar o seu retrato como “poeta que nunca deixou de ser fotógrafo”: a fotografía de Vilariño non pode entenderse sen a ollada poética que a motiva ao igual que os versos deste poemario son herdeiros dos universos evocados nas súas series fotográficas máis austeras, lúgubres e barrocas. Así, ao ter en conta os vencellos entre poesía e fotografía existentes nas súas achegas, repárase en como a plasticidade que destilan os seus versos só é comparable ao lirismo e á dureza que irradian as súas fotografías.
“Ventos como garzas,
nubes azul de metileno,
algas vermellas no cabelo,
ollos cor musgo océano”
Ruínas ao espertar é un poemario motivado por unha vivencia persoal extremadamente dolorosa. No canto de mirar cara outro lado, o eu poético olla de fronte á morte e reconstrúe desde a máis radical sinceridade o proceso de perda dun ser querido. Deste xeito o libro de poemas constrúese como espazo a medida onde transformar a enxurrada de sentimentos suscitados por esta inefable experiencia en imaxes poéticas inzadas de dramatismo e espiritualidade. Vilariño, en sintonía coa súa concepción da fotografía como mítica Gorgona que “é portadora da morte e converte en pedra”, outórgalle aos poemas o estatuto de instantáneas que garanten a perdurabilidade das lembranzas vencelladas á muller amada e a unha experiencia, tan potente como fuxidía, que condiciona irremediablemente a existencia posterior de quen a sofre.
“Existirás sempre
tendida entre os bidueiros
onde amarelecen as palabras
e un tanzaku innomeábel pendura
dunha árbore durmida”
A imaxe da candea acesa que preside a cuberta do poemario, ademais de incidir no paradóxico da fotografía que converte en perpetuo o efémero, ancora o libro aos
vanitas ou naturezas mortas de Vilariño onde obxectos e animais fotografados chaman a atención metaforicamente, entre outras moitas cuestións, sobre a vulnerabilidade dos seres vivos e os efectos do paso do tempo. Asemade, malia a que a escuridade asolaga a obra, a imaxe poética da chama acesa vencella luminicamente cada sección e pecha o poemario como feble símbolo da vida que se consume irremediablemente.
“Unha chama
ebria de incertidume
e tomelo
palpita na imposibilidade de ser,
precipítase como paxaro caído
á urxencia
da morte.”
A obra, artellada en catro partes que relembran ao lector que se atopa ante o rexistro detallado dun proceso irreversible −“Entre sombras”, “Sin retorno”,“Aún” e “Epílogo”−, parte duns versos de Celan −“Algo habló en el silencio, algo calló, /algo se fue por su camino”− que adiantan a natureza do poemario como katabasis ou descenso ás tebras e testemuña dunha desaparición. A achega poética de Vilariño rexistra nas composicións o avance cara un universo lúgubre e avesío ateigado de indicios de morte e soidade. Deste xeito, e paralelamente á descrición do proceso de perda da muller amada, a fauna e flora recreada nos versos gaña en escuridade e dramatismo tal e como se aprecia na transformación do “musgo océano” dos ollos da muller no “musgo negro” do hábitat das “curuxas”, as “bolboretas da noite” ou os “paxaros degolados”, lúgubres poboadores do inframundo ao que se vai descendendo sen volta atrás.
Ruínas ao espertar, ou o rexistro en verso do imaxinario de Vilariño, é un acto de amor de quen anda ás apalpadas por unha vida fanada. Trátase dunha achega íntima que, á marxe de tendencias imperantes, discorre en sintonía co proxecto artístico dun creador total que se vale indistintamente de poemas e fotografías para tentar desvelar as engrenaxes da existencia. Vilariño, en calidade de zapador, encara o tránsito por un camiño, doloroso e ineludible, e ofrece esta andaina aos lectores máis afoutados, aqueles que saben que existen lecturas −e experiencias- das que é difícil saír indemne.