Obra de referencia inescusábel para a lectura poética estudosa ou común da fin do século XX, segundo María Xesús Nogueira esta antoloxía queda como un material valiosísimo do que é posíbel facer lecturas infindas. Na súa crítica, Nogueira aporta cinco razóns que apoian estas afirmacións.
12 / 4 / 2004
María Xesús Nogueira. LugoA publicación da “Antoloxía consultada da poesía galega” foi, sen dúbida, unha das noticias máis relevantes producidas no campo literario galego nos últimos meses. A súa sona debeuse tanto ao inusual número de páxinas como ao período abranguido polo traballo, o último cuarto do século vinte, de notábel complexidade e suscitador de polémicas relativas as máis das veces á controvertida cuestión do canon.
A obra de Arturo Casas vén complementar unha serie de empresas que, con maior ou menor fortuna, intentaron testemuñar a produción lírica contemporánea, de entre as que quizais cumpra destacar, pola súa capacidade divulgadora, "Desde a palabra doce voces" (1986), de Luciano Rodríguez Gómez, así como as recentes "dEfecto 2000" (2000), "A tribo das baleas" (2001) de Helena González e "25 anos de poesía galega. 1975-2000" (2002), elaborada por Luciano Rodríguez Gómez para a Biblioteca 120 de La Voz de Galicia. A novidade neste caso reside na metodoloxía, que consistiu na consulta dun considerábel número de persoas que o autor considera coñecedoras da materia e das que obtivo 97 respostas. Igualmente novidoso con respecto a unha boa parte dos intentos anteriores resulta o criterio empregado para a delimitación temporal: ter publicado no período 1976-2000. A cuestión, que aparentemente non semella constituír novidade ningunha, é non obstante transcendental, pois o que presenta a obra son aqueles autores elixidos como os máis representativos do último cuarto do século pasado, superando deste xeito diferencias sobre adscricións xeracionais e cuestións afíns. O resultado final do antólogo espella esta particularidade, ao ofrecernos unha nómina encabezada (cronoloxicamente) por Álvaro Cunqueiro e seguida por outros poetas que habitualmente quedarían excluídos do mencionado período nun traballo doutras características: Manuel María, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Xohana Torres, Xosé Luis Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Arcadio López-Casanova, Salvador García-Bodaño e Manuel Álvarez Torneiro. Seguen a estes, sen ningún tipo de fronteira, aqueles autores que foran etiquetados como os poetas dos oitenta: Alfonso Pexegueiro, Xavier Seoane, Xulio Valcárcel, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Manuel Forcadela, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramiro Fonte, Miguel Anxo Fernán-Vello e Eusebio Lorenzo Baleirón. A nómina complétase con outras voces que comezan a aparecer no final da década e xa nos anos noventa. Trátase do grupo máis restrinxido, integrado por Ana Romaní, Chus Pato, Lois Pereiro e Olga Novo, a autora máis nova dos antologados. A distancia entre a súa data de nacemento e a doutros autores como Cunqueiro ou Luz Pozo evidencia perfectamente a convivencia xeracional e a complexidade do panorama literario finisecular.
A lectura deste libro revela, ao meu ver, cando menos cinco razóns polas que cómpre situalo nun lugar de referencia tanto para o estudoso da historia da poesía galega como para o lector común.
A primeira delas é o seu carácter colosal, que o converte nunha obra de consulta imprescindíbel para achegarnos a este período.
A segunda, o rigor científico na delimitación do arco temporal, no método e o proceso, explicados estes con xenerosidade nas páxinas limiares.
A terceira atópase no interese do período estudado malia a artificialidade que supón calquera proposta de periodización. Como é sabido, o ano 1976 ten un carácter emblemático ao ser considerado o inicio dun “cambio de rumbo da poesía galega”, protagonizado, entre outras obras, por "Con pólvora e magnolias", de Xosé Luis Méndez Ferrín, "Mesteres", de Arcadio López-Casanova, e "Seraogna", de Alfonso Pexegueiro.
Unha cuarta razón radica nun limiar suxestivo que comeza precisamente cunha mirada crítica sobre o propio concepto de antoloxía e que inclúe, ademais da explicación do proceso e os seus resultados, algunhas claves para unha análise sistémica, con interesantes e lúcidas observacións sobre o contexto socio-político e algunhas pautas para a interpretación da obra.
Finalmente, a quinta –aínda que non por iso a menos importante– razón radica no coidado da edición, tanto no que se refire ao tratamento do material e á exhaustividade dos datos (ficha de cada autor que incorpora información biobibliográfica e material autopoético), como aos aspectos estéticos, resoltos coa elegancia que o proxecto merece.
Estamos, ao meu ver, diante dunha obra de referencia inescusábel para a lectura poética da fin do século galego, na que o autor inclúe aínda dous apéndices coa carta enviada aos consultados e un listado destes. Semellante actitude, apreciábel ao longo de todo o volume, non só revela a xenerosidade do antólogo á hora de amosar con transparencia os datos do seu estudo, senón que constitúe ao meu ver a maior riqueza da obra, ao ofrecer un material valiosísimo do que é posíbel facer lecturas infindas desde ópticas ben diferentes. Entre elas, aquela primeira e tan grata que conduce ao pracer da lectura.