Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 Escritor/a:
Varios autores
Coordinador editorial:
Arturo Casas
Ed. Tris Tram,
2004 | Poesía
Puntuación: 2.1/5 (113 votos)
Este volume de características atípicas dentro do sistema editorial é o produto dun traballo realizado por Arturo Casas que someteu a consulta por votación a selección dos autores e os textos que aparecen na obra. Hai máis de tres anos que este escritor e profesor universitario de Teoría da literatura e Literatura comparada comezou a facer as súas consultas entre especialistas, escritores, editores, críticos, etc. De perto de duascentas consultas realizadas pedindo unha escolla de 15 autores e 10 libros da poesía galega editada entre 1976 e 2000, Casas recibiu resposta a noventa e sete delas. O resultado final deste proceso é este volume cunha selección de vinteseis autores e vintecinco obras, os máis votados nas dúas categorías respectivamente.
O libro inclúe un amplo limiar do coordinador editorial relativo ao proceso de consultas, o seu método e os seus resultados, tamén inclúe os listados de obras e autores, biografía dos autores,bibliografía, análises sobre cada autor e a súa obra e unha selección de dezaseis textos de cada un deles. A antoloxía presenta textos de Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Xohana Torres, X.L. Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Arcadio López-Casanova, Salvador García-Bodaño, Alfonso Pexegueiro, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Forcadela, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramiro Fonte, Miguel Anxo Fernán-Vello, Eusebio Lorenzo Baleirón, Ana Romaní, Chus Pato, Lois Pereiro e Olga Novo.